You are on page 1of 16

Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Tema 6: O reino das plantas


Todos os organismos incluídos no reino Plantas teñen unha serie de características en común:
 Son pluricelulares.
 Están formados por células eucariotas vexetais.
 Teñen nutrición autótrofa. Son capaces de fabricar compostos orgánicos a partir de
substancias inorgánicas, utilizando a enerxía da luz solar, mediante un proceso chamado
fotosíntese.
 Son incapaces de desprazarse, viven fixos ao terreo.

Clasificación das plantas

Plantas sen sementes


A súa reprodución realízase a través de esporas.
As esporas fórmanse nunhas estruturas chamadas esporanxios. As esporas tamén orixinan unha
nova planta, pero non se forman pola unión de gametos.
Viven en ambientes húmidos e protexidos do sol.
Segundo teñan ou non tecidos condutores especializados para distribuír substancias pola planta
divídense en dous grupos:
 Musgos (Briófitos).
 Fentos (Pteridófitos).
Musgos
 Son as plantas menos evolucionadas.
 Son as plantas máis simples en canto a súa estrutura.
 Non teñen tecidos condutores, as súas células absorben a auga e os sales minerais que
necesitan. Debido a isto, son de pequeno tamaño.
 Desenvólvense en ambientes moi húmidos.
 Non posúen raíces, talos e follas propiamente ditas. Posúen rizoides, cauloide e filoides.

Tema 6: O reino das plantas. 1


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Filoides
Os rizoides fíxanse ao solo e absorben auga.
O cauloide é semellante ao talo.
Os filoides son unha especie de follas que se fixan Cauloide
ao cauloide.

Rizoides

Fentos
 Presentan tecidos condutores.
 Presentan órganos que fan a función da raíz, do talo e das follas. O talo coñécese como rizoma
e é subterráneo. Do rizoma saen as follas, chamadas frondes. As raíces desenvólvese ao longo
do rizoma.
 Tamén necesitan dun ambiente húmido, aínda que non ten que ser permanente, pois só
requiren a humidade para reproducirse.
 Tamaño variado.

O talo é subterráneo e chámase rizoma. O


talo transporta o zume bruto (auga e sales
minerais) das raíces ás frondes, e o zume
elaborado (solución cargada de substancias
orgánicas) desde as frondes ao resto da
planta. Tamén almacena substancias de
reserva.
Do talo saen grandes follas: as frondes. As
frondes están divididas en pequenas folliñas
chamadas folíolos. Nas frondes realízase a
fotosíntese. No envés (parte de atrás) das
frondes fórmanse os esporanxios onde se
producen as esporas.
Ao longo do rizoma saen as raíces, que fixan
ao fento ao chan e absorben auga e sales
minerais.

Plantas con sementes


Tamén chamadas espermatófitas.
Apareceron cando os fentos eran as plantas predominantes, e foron desprazándoos e
conquistando todos os ecosistemas.
Grazas ás sementes, este grupo de plantas existe en todos os ecosistemas terrestres do planeta. As
sementes fórmanse nos órganos reprodutores, pola unión dun gameto masculino e un feminino
mediante a fecundación.
Clasifícanse en dous grandes grupos:
 Ximnospermas.
 Anxiospermas.

Tema 6: O reino das plantas. 2


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Ximnospermas
 As súas sementes non están dentro dun froito (sementes núas), pero soen estar rodeadas
dunha estrutura protectora, como ocorre cos piñóns das piñas.
 Son arbustos ou árbores, a maioría de folla perenne. Moitos teñen follas aciculares ou en
forma de escama.
 O grupo máis coñecido e numeroso é o das coníferas (piñeiros, abetos, cedros, cipreses...) que
forman extensos bosques no hemisferio norte.

Anxiospermas
 Son as plantas máis evolucionadas.
 Plantas coas sementes no interior dun froito.
 O froito recobre e protexe as sementes e facilita a súa
dispersión.
 Posúen flores vistosas e de cores variadas.
 Este grupo inclúe unha gran variedade de especies, de
tamaños moi variados e capaces de vivir en ambientes
moi diversos.
Nas anxiospermas distínguense dous grupos:
✔ As monocotiledóneas, cuxas sementes conteñen un só cotiledón.
✔ As dicotiledóneas, cuxas sementes conteñen dous cotiledóns. A este grupo pertencen a
maioría das plantas.

Os órganos das plantas


As plantas máis sinxelas non teñen órganos; nas plantas con tecidos diferenciados atopamos
órganos especializados en funcións concretas. Os principais son a raíz, o talo e as follas.

Tema 6: O reino das plantas. 3


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Raíz
 Polo xeral encóntrase debaixo da terra.
 Crece cara ao interior da terra.
 Realiza as seguintes funcións:
 Absorbe auga e sales minerais da terra.
 Fixa a planta ao terreo.
 Acumula substancias de reserva.
A raíz soe ter unha estrutura ramificada, estendéndose polo
chan.
A absorción de auga e sales minerais realízana os pelos
radicais.
Nas puntas encóntranse as zonas de crecemento, con
células en continua división que permiten o alongamento da raíz. Os extremos finais están
protexidos por un capuchón chamado cofia.

Talo
Realiza tres funcións principais:
 Serve de soporte ao resto da planta e mantena erguida.
 Transporta a través dos tecidos condutores, por un lado, o
zume bruto (auga e sales minerais absorbidos na raíz) e,
por outro, o zume elaborado (solución cargada de
compostos orgánicos elaborados pola planta na
fotosíntese).
 Acumula substancias de reserva, como no caso dos
tubérculos.
Ao longo da superficie do talo poden observarse uns pequenos
avultamentos chamados nós.
O tramo comprendido entre dous nós consecutivos denomínase entrenó.
As xemas axilares, responsables do crecemento lateral do talo, encóntranse nos nós, delas
agroman novas ramas ou follas.
As xemas terminais ou apicais, responsables do crecemento en lonxitude do talo, localízanse nos
extremos.

Follas
Xeralmente teñen forma laminar e cor verde, debido a un pigmento chamado clorofila.
Nunha folla pódense diferenciar as seguintes partes:
 Limbo: é a parte larga e lisa da folla. A
parte superior chámase face, mentres
que a inferior recibe o nome de envés.
Está percorrido por nervios, formados
por tecido condutor e encargados de
distribuír substancias pola folla.
 Pecíolo: é a parte da folla que une o
limbo co talo.
 Vaíña: é a zona do pecíolo que entra en
contacto co talo.
Nas follas prodúcense algúns dos procesos máis importantes da nutrición das plantas.
As follas son os órganos onde a planta elabora o seu alimento. Nelas prodúcese a fotosíntese e o
intercambio de gases.

Tema 6: O reino das plantas. 4


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

As funcións vitais nas plantas


A nutrición
As plantas son seres autótrofos e, polo tanto, son capaces de fabricar o seu propio alimento.
A nutrición nas plantas inclúe os seguintes procesos:
 Absorción de auga e sales minerais.
 Transporte de auga e sales minerais dende a raíz ás follas.
 Intercambio de gases.
 Fotosíntese.
 Transporte de compostos orgánicos dende as follas ao resto da planta.
 Respiración celular.
 Excreción.
a) Absorción de auga e sales minerais.
As plantas toman da terra, a través dos pelos radicais das raíces, a auga e os
sales minerais disoltos nela.
A auga e os sales minerais absorbidos forman unha mestura coñecida como
zume bruto.
b) Transporte do zume bruto dende a raíz ás follas.
O zume bruto sobe por uns condutos denominados vasos leñosos que
forman un tecido chamado xilema. O xilema esténdese ao resto da planta a
través do talo e das súas ramificacións.

Tema 6: O reino das plantas. 5


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

c) Intercambio de gases.
A entrada e a saída de gases prodúcese a través duns
orificios chamados estomas que se localizan no envés
das follas.
Os estomas
están formados
por dúas células
con forma de ril.

A través dos estomas realízase o intercambio de osíxeno,


dióxido de carbono e auga.
d) Fotosíntese.
Proceso polo que as plantas elaboran a súa propia materia
orgánica, a partir de compostos inorgánicos como auga,
dióxido de carbono e sales minerais, utilizando a enerxía
que obteñen a partir da luz solar.
A luz solar é captada pola clorofila e por outros pigmentos
que se atopan nos cloroplastos.
Este proceso realízase nas follas e nas partes verdes da
planta.
A fotosíntese produce osíxeno como substancia de refugo.

e) Transporte do zume elaborado dende as follas


ao resto da planta.
As substancias producidas na fotosíntese constitúen o zume
elaborado, que se distribúe ao resto da planta a través duns
condutos denominados vasos liberianos que forman un
tecido chamado floema.
O floema discorre, polo talo, paralelo ao xilema.

f) Respiración celular.
Ocorre nas mitocondrias de todas as células da planta.
Neste proceso consúmese osíxeno e obtense enerxía a partir da descomposición das substancias
orgánicas, elaboradas na fotosíntese, en substancias simples.
A respiración celular produce auga e dióxido de carbono.
g) Expulsión dos refugos.
As plantas expulsan os refugos de varias formas:
✔ Expulsan, sobre todo polos estomas, o osíxeno da fotosíntese, o CO2 da respiración e o
exceso de auga (en forma de vapor).

Tema 6: O reino das plantas. 6


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.
✔ Outras substancias de refugo elimínanse a través das follas vellas cando caen. Certos refugos
irritantes e pegañentos, como o látex e a resina, circulan polo talo e despréndense cando se
producen cortes ou feridas, contribuíndo a desinfectar e defender a zona danada.

A relación
As plantas, aínda que carecen de órganos sensoriais e de sistema nervioso, son capaces de captar
estímulos e de reaccionar ante eles, elaborando respostas.
As respostas das plantas son, a miúdo, lentas e moi sutís.
As plantas reaccionan, de forma coordinada, ante estímulos como a luz, a humidade, a
temperatura, ...
As respostas máis frecuentes das plantas son os tropismos e as nastias.
Tropismos
Son respostas das plantas que consisten en orientar o seu crecemento cara ao estímulo ou en
sentido oposto.
Son respostas que dan lugar a cambios permanentes no crecemento da planta.
 Tropismo positivo: o crecemento diríxese cara á fonte do estímulo.
 Tropismo negativo: o crecemento prodúcese en dirección contraria á fonte do estímulo.
En función do tipo de estímulo que os produce, os tropismos poden ser:
 Fototropismo. O estímulo é a luz. Os talos medran cara á luz, mentres que as raíces fano en
sentido contrario.
 Xeotropismo. É unha resposta á gravidade. As raíces medran cara ao interior da terra, e os
talos, en sentido contrario.

Tema 6: O reino das plantas. 7


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.
 Hidrotropismo. Prodúcese como resposta á presenza de auga. As raíces das plantas medran
cara ás zonas do terreo máis húmidas.
 Tigmotropismo. Son respostas ao contacto físico. Algunhas plantas rubideiras enrólanse
arredor doutros obxectos.

Nastias
Son respostas das plantas que consisten en movementos rápidos dalgunhas partes.
Son respostas temporais. Adoitan ser reversibles, unha vez que o estímulo cesa, a planta volve ao
seu estado anterior.
En función do tipo de estímulo que as produce, as nastias poden ser:
 Fotonastias. Son respostas á luz. Destacan os xiros das follas ou das flores para orientarse
segundo o movemento do Sol, ou a apertura e peche dalgunhas flores dependendo de que
sexa de día ou de noite.
 Sismonastias ou Tigmonastias. Son respostas ao contacto. Por exemplo: o arbusto mimosa
prega as súas follas cando se tocan; as plantas carnívoras pechan as súas follas sobre os
insectos que as rozan.
 Quimionastias. Son respostas á presenza de determinadas substancias químicas. Por
exemplo, as plantas pechan os seus estomas para evitar a perda de auga.
 Termonastias. Prodúcense cando a planta se somete a variacións de temperatura. Por
exemplo, a flor do tulipán ábrese cando aumenta a temperatura ambiental e péchase cando
diminúe.

Tema 6: O reino das plantas. 8


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

A reprodución
Reprodución asexual
Os vexetais teñen a capacidade de reproducirse asexualmente orixinando, a partir dunha parte
deles mesmos, un novo organismo. En consecuencia, o novo vexetal é xeneticamente idéntico ao
de partida.
Existen diferentes modalidades:

a) Estolóns.
Talos finos que medran paralelos ao chan, polo que se
denominan talos rastreiros.
Posúen nós, a partir dos cales se poden orixinar novas raíces e
talos e desenvolverse unha nova planta.
Por exemplo, os amorodos e os trevos.

b) Tubérculos.
Talos subterráneos que almacenan nutrientes de reserva.
Desenvolven xemas a partir das cales se pode orixinar unha nova
planta.
Por exemplo, a pataca.

c) Bulbos.
Talos subterráneos envoltos por follas carnosas
que teñen función de almacenaxe de nutrientes.
Teñen xemas que poden orixinar unha nova
planta.
Por exemplo, a cebola, o allo e o tulipán.

d) Rizoma.
Talos subterráneos que crecen horizontalmente por debaixo da
terra. Dan lugar a xemas que producen brotes dos cales se
orixinan novas plantas.
Por exemplo, os fentos, os lirios e o bambú.

e) Esgallos.
Fragmento da planta proxenitora, principalmente do talo, a partir
do que se orixina a nova planta.
É un proceso moi utilizado en xardinería: o esgallo córtase e
entérrase, ou introdúcese en auga, ata que bota as raíces.

As dúas etapas distintas na vida das plantas


Durante o ciclo biolóxico das plantas altérnase dúas xeracións ou formas de vida distintas, o que
permite falar de alternancia de xeracións.
O organismo no que se encontran os esporanxios nos que se orixinan as esporas coñécese como
esporófito, e o organismo no que se forman os gametos ou células sexuais denomínase
gametófito.
Tema 6: O reino das plantas. 9
Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.
Estas dúas fases non acadan o mesmo desenvolvemento en todos os tipos de plantas. Nas plantas
máis evolucionadas, o gametófito non é visible a simple vista, xa que está reducido a un pequeno
grupo de células aloxadas no interior dos órganos reprodutores masculinos e femininos.
A medida que as plantas evolucionaron, o esporófito foi acadando maior desenvolvemento,
mentres que o gametófito foise reducindo de maneira paulatina.

Nos musgos, a maior parte da planta corresponde ao gametófito, mentres que o esporófito
redúcese a un vástago.
Nos fentos, o gametófito ten uns poucos milímetros e pasa desapercibido.
Nas plantas con sementes, o gametófito redúcese a un grupo de células non visibles a simple vista,
que se aloxan nas flores ou órganos reprodutores.

Reprodución alternante nas plantas sen sementes


Nas plantas sen sementes, como os musgos e os fentos, obsérvase como se vai alternando a
reprodución asexual por esporas coa reprodución sexual mediante gametos, proceso
denominado reprodución alternante.

Reprodución alternante nos musgos


Nos musgos o gametófito acada un maior desenvolvemento e constitúe a maior parte do corpo
destes organismos, a diferenza do que ocorre no resto das plantas.
O gametófito ten uns órganos sexuais onde se forman os gametos. A unión destes gametos orixina
un cigoto. O desenvolvemento do cigoto dá lugar ao esporófito.
O esporófito desenvólvese na parte alta do cauloide, consta dun filamento rematado nunha
cápsula na que se producen as esporas.

Tema 6: O reino das plantas. 10


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.
Cando están maduras, as cápsulas ábrense e as esporas son dispersadas polo vento. Cando as
condicións son propicias estas esporas xerminan e dan lugar a unha pequena planta, un novo
gametófito.

Reprodución alternante nos fentos


O esporófito é a parte que vemos do fento. No envés das súas frondes aparecen uns avultamentos
de cor marrón chamados soros. Dentro dos soros encóntranse os esporanxios, estruturas
produtoras de esporas. Cando maduran, os esporanxios ábrense para permitir a dispersión das
esporas. Das esporas nacerán os gametófitos.
Nos fentos, o gametófito pasa desapercibido, ten uns poucos milímetros, forma de corazón e é
subterráneo. O gametófito ten os órganos sexuais onde se forman os gametos masculinos e
femininos.
O cigoto fórmase pola unión dun gameto masculino e un feminino.
O desenvolvemento do cigoto dará lugar a un novo esporófito.
O esporófito e o gametófito son independentes.

Tema 6: O reino das plantas. 11


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Reprodución sexual nas plantas con semente


A reprodución sexual nas plantas con sementes consta de varias etapas:
 Formación dos gametos.
 Polinización.
 Fecundación.
 Formación da semente.
 Formación do froito (nas anxiospermas).
 Dispersión da semente.
 Xerminación da semente.
Ximnospermas
As ximnospermas teñen unhas estruturas reprodutoras que se coñecen como conos. Existen conos
masculinos e femininos, que poden estar na mesma planta en ramas diferentes ou en distintas
plantas.
Os conos masculinos conteñen grans de pole
cos gametos masculinos.
Os conos femininos conteñen os gametos
femininos.
O vento leva os grans de pole ata os conos
femininos. Este proceso é a polinización.
No cono feminino ou piña prodúcese a
fecundación. Tras a fecundación, no interior
das piñas desenvólvense as sementes,
chamadas piñóns. Cando están maduras, as
escamas da piña abren e liberan as sementes.
As sementes caen á terra e, se as condicións
son favorables, xerminan e dan lugar a unha
nova planta.

Tema 6: O reino das plantas. 12


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Anxiospermas

A formación dos gametos: a flor.


As plantas con sementes presentan unha estrutura, formada por follas modificadas, na que se
encontran os órganos reprodutores, a flor.
A flor consta das seguintes partes:
 Envoltura floral. Cobre e protexe os órganos reprodutores. Está formada pola corola e o
cáliz.
 Órganos reprodutores. Encargados de producir gametos. O androceo ou órgano reprodutor
masculino, formado polos estames, e o xineceo ou pistilo que é o órgano reprodutor
feminino.

 Corola: formada por un conxunto de pétalos, xeralmente de cores vistosa.


 Cáliz: formado por un conxunto de follas verdes chamadas sépalos.
 Pedúnculo: parte que une a flor ao talo.
 Estames: formados por un filamento que sostén a antera, onde se encontran os grans de pole
que conteñen os gametos masculinos.
 Pistilo: estrutura con forma de botella. A parte superior chámase estigma, o colo denomínase
estilo e a base é o ovario, que contén os óvulos cos gametos femininos.

A polinización.
A polinización é o transporte dos grans de pole desde as anteras dos estames ata o estigma dos
pistilos da mesma flor (autopolinización) ou doutra flor doutro individuo da mesma especie
(polinización cruzada).
A polinización pode ser:
 Polinización entomógama: os grans de pole son
transportados dunha flor a outra por insectos. As
plantas con este tipo de polinización teñen flores
grandes e vistosas, fabrican substancias azucradas (o
néctar) para atraer aos insectos e non necesitan
producir moito pole. As abellas ou as bolboretas de
forma involuntaria, ao pousarse nas flores para libar ou
absorber o néctar situado, xeralmente, na base da flor,
atrapan nas súas patas o pole das anteras. Cando se pousan nunha nova flor en busca de
néctar, polinízana ao tocar o estigma coas patas cargadas de pole.

Tema 6: O reino das plantas. 13


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.
 Polinización anemógama: os grans de pole son transportados dunha
flor a outra polo vento. As plantas con este tipo de polinización teñen
flores pequenas e pouco vistosas, non necesitan elaborar néctar e
producen gran cantidade de pole, pois moitos grans son espallados
polo vento e só uns poucos chegan ás flores.

Cando son outros animais, como os colibrís, os que transportan os


grans de pole falamos de polinización zoógama.

A fecundación.
A fecundación consiste na unión dos gametos masculinos,
aloxados no interior do gran de pole, cos femininos do
interior do óvulo da flor.
Cando o gran de pole chega ao estigma, desenvolve un tubo
polínico que percorre o estilo ata chegar ao ovario. No
interior do ovario, o tubo polínico cúrvase cara un dos
óvulos onde se encontra a oosfera, célula sexual feminina.
Os gametos masculinos descenden polo tubo polínico ata o
ovario, en cuxo interior, dentro do óvulo, está o gameto
feminino.
Os gametos masculino e feminino únense, é dicir, prodúcese a fecundación e fórmase o cigoto.

A formación da semente.
Cada oosfera fecundada dá lugar a un cigoto que se
transforma nun embrión.
Na semente diferéncianse tres partes:
 O embrión é un esbozo da futura planta. Nel
diferénciase unha raiciña, un pequeno talo (plúmula) e
unha ou dúas pequenas follas chamadas cotiledóns, que
almacenan nutrientes.
 O albume é unha substancia nutritiva que rodea o
embrión e o alimenta.
 As cubertas protectoras rodean á semente e protéxena.

A formación do froito.
Se a planta é anxiosperma, ao redor da semente, fórmase o froito.
Trala fecundación, os sépalos, os pétalos e os estames
despréndense. A miúdo, o estilo e o estigma tamén o fan.
Paralelamente á formación da semente, as paredes do ovario
engrósanse e transfórmanse no froito.
A función do froito é protexer ás sementes e colaborar na súa
dispersión.
Poden ser carnosos, como a mazá, que acumulan reservas, e secos, como a noz ou a abelá, que
teñen as paredes endurecidas.

Tema 6: O reino das plantas. 14


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Dispersión e xerminación das sementes.


A dispersión da semente ou do froito pódese
levar a cabo de diferentes formas, polo vento,
pola auga, polos animais ... e permite á planta
colonizar novos lugares.
Cando o semente cae ao solo, se as condicións
ambientais son favorables, é dicir, se hai unha
temperatura e unha humidade adecuadas,
prodúcese a xerminación.
A xerminación é a transformación dunha
semente nunha nova planta.
A xerminación iníciase cando a semente absorbe
auga, o que provoca que as súas envolturas rompan; é dicir, a semente ábrese e o embrión empeza
o seu desenvolvemento orixinando unha nova planta.
O primeiro que emerxe é a raíz, chamada radícula, que permite que a planta se fixe á terra, a
continuación o talo, chamado plúmula.
Nas primeiras etapas, a nova planta nútrese das reservas almacenadas nos cotiledóns e no albume,
ata que desenvolve follas verdes e é capaz de realizar a fotosíntese e comeza a fabricar os seus
propios nutrientes.

Importancia das plantas nos ecosistemas


 Son as principais produtoras do osíxeno do aire que respiramos.

 Absorben dióxido de carbono do aire, co que contribúen a reducir o incremento do efecto


invernadoiro.

 Son os produtores nas cadeas alimentarias dos ecosistemas terrestres. Producen substancias
orgánicas que serven de alimento ao resto de organismos dos ecosistemas.

 Evitan a erosión do terreo, retéñeno coas súas raíces.

Tema 6: O reino das plantas. 15


Bioloxía e Xeoloxía. 1º ESO.

Tema 6: O reino das plantas. 16

You might also like