You are on page 1of 3

O substantivo

1. Definición: o substantivo é unha clase de palabra variable, que designa seres,


obxectos, mais tamén conceptos ou entidades do mundo extralingüístico.
Morfoloxicamente, constan dunha raíz ou lexema, que contén o significado léxico,
morfemas de xénero e número (mes-a, cadeir-a-s, rapa(c)-e-s, profesor-Ø), e tamén,
potencialmente, morfemas derivativos: profesor-ado, rapaz-ada... O substantivo
determina o xénero e número dos determinantes e adxectivos que o acompañan e dos
pronomes que o substitúan.

1.2. Categoría de xénero: todos os substantivos posúen esta categoría, é dicir, todos son
femininos ou masculinos, mais non todos presentan flexión nesta categoría (o amor, a luz,
a mañá...). O xénero pode ter diversos significados: pode coincidir co sexo (o cabalo/a
egua), pode ter unha forma invariable (a testemuña), consorte do masculino
(barón/baronesa) e existen tamén epicenos para certos animais que designan tanto o
msculino como o feminino (a aguia, o sapo), polo que precisaremos o adxectivo para
especificar: o sapo femia, as aguias macho...
Por outra parte, cando se trata de seres non sexuados, o xénero gramatical pode
establecer a diferenza entre individual e colectivo
(froito/froita), significar diferente tamaño (feminino
maior en saca/saco, horta/horto, e masculino maior
en machado/machada, por exemplo), ou significar
diferente forma ou función: fouciño/fouciña.
En canto á variación de xénero, hai substantivos cun
só xénero (o sal, a aprendizaxe), outros con dous
xéneros sen flexión (o/a equilibrista), ou de dous
xéneros con flexión: cando acaban en vogal átona (o
ou e) o feminino é en a: mestre/mestra, neno/nena;
cando rematan en vogal tónica ou consoante, pode
engadir a (avó/avoa, rapaz/rapaza, lacazán/lacazana)
ou substituír por -á (curmán/curmá).

1.3. Categoría de número: esta categoría indica oposición entre plural e singular,
designando este último un individuo ou unidade, e aquel, máis de unha. Mentres no
xénero atopamos diferentes terminacións para masculino e feminino, no número só hai
terminación de plural. Hai substantivos que se usan en singular ou plural sen variación no
significado (as tesouras/a tesoura), ou pode ser que teñan outros matices de significado
como abstracto/concreto (amor/amores), ou continuo/descontinuo (auga/augas), ou
directamente diferente significado (o miolo/os miolos).
Hai substantivos sen flexión, cun só número singular (o éter, o cénit) ou plural (cóxegas),
e outros con flexión: rematados en vogal ou consoante -n ou -m engaden un -s (lúa/lúas,
álbum/álbums, camión/camións...), rematados en -r, -z, ou -s despois de vogal tónica
engaden -es (amor/amores, rapaz/rapaces, envés/enveses), como tamén fan os
rematados en -l monosílabos (sol/soles), mais os polisílabos rematados en -l poden ter a
terminación -is/-ís (funil/funís, caracol/caracois) ou en -es, no caso das graves:
réptil/réptiles.
Por último, no caso das
palabras compostas: se o
son por un substantivo e un
adxectivo, ambos os dous
flexionan: garda civil/gardas
civís. Se se trata dun verbo
ou palabra invariable co
substantivo, é este último o
que flexiona:
norteafricana/norteafricanas,
e se son dous substantivos,
aínda cunha preposición no
medio, é o primeiro que
flexiona: sofá cama/sofás
cama, cabaliño do
demo/cabaliños do demo.
1.4. Unha posible clasificación semántica:
- Substantivos:
* Propios:
• Antropónimos (nomes propios, apelidos, alcumes, hipocorísticos...): Maruxa,
Tonecho, Salgado, O Bocas...
• Topónimos (microtopónimos,
macrotopónimos, hidrónimos, orónimos...):
Poio, A Seca, Europa, Illa de Tambo, Lérez...

* Comúns:
• Abstractos (liberdade, felicidade, morriña...)
• Concretos:
** Continuos ou non contábeis (madeira, fariña, auga...)
** Descontinuos ou contábeis:
• --- Individuais (abella, ovella, alumna).
• --- Colectivos (enxamio, grea, alumnado).

You might also like