You are on page 1of 3

A morfoloxía: breve definición:

Como saberedes, o elemento grego morfo relaciónase en referencia ao significado coa palabra
galega forma. Desta forma, por exemplo, dicimos que algo é amorfo cando carece de forma
específica. Por outro lado, como sabedes, a sufixo -loxía está relacionado co termo grego logos,
relativo ao concepto de saber e, por extensión, ao de estudo de.

Desta forma, unha vez coñecemos a etimoloxía, non nos resultará difícil comprender que a
morfoloxía consiste no estudo da forma e da estrutura das palabras.

Clases de palabras:

Realmente, non afondaremos demasiado neste apartado, pois sabemos que xa estudastes os
conceptos relativos ao mesmo na quincena anterior na materia de Lingua Castelá e Literatura. Por
razón de coherencia, utilizaremos a mesma denominación da que se valeu a profesora desta materia.

Desta forma, entre as clases de palabras, encontramos as seguintes:

• Substantivos: clase de palabras con flexión de xénero e número que pode designar
individuos (concretos ou de forma xenérica) e outros seres vivos, inertes ou conceptos
(exemplos: Carla, persoa, planta, pedra, xustiza,...)

• Adxectivos: Tamén posúen estas palabras flexión de xénero e número, e designan calidades
propias do substantivo (amarelo, forte, hábil,...)

• Artigos: identificadores definidos (o, a, os, as) ou indefinidos (un, unha, uns, unhas).
Como vedes, flexiona tamén en xénero e número.

• Verbos: clase de palabra que expresa accións, estados ou procesos; e que pode admitir
flexión de xénero, número, tempo e persoa. Agás as formas amodotemporais (infinitivo,
xerundio e participio), calquera forma verbal inscríbese nun modo e tempo concreto.

• Adverbios: trátase dunha clase de palabra carente de flexión. Pode expresar lugar (alí,
aquí,...), modo (así, ben, mal,...), tempo (antes, agora,...), cantidade (moito, pouco,...),
precisión (exactamente, precisamente,...), afirmación (si,...), negación (non,...) ou dúbida
(quizais, talvez,...).

• Pronomes: tipo de palabra que desenvolve as mesmas funcións que un nome (substantivo)
e que carece de significado semántico constante (por exemplo, que pode funcionar nalgúns
casos como relativo, noutros como interrogativo, noutros como exclamativo,...).

• Preposicións: é a preposición unha clase de palabra invariable que serve como elemento de
enlace entre un elemento sintáctico e o seu complemento (de, en,...).

• Conxuncións: clase de palabra invariable que funciona con frecuencia a modo de nexo ou
partícula de enlace (e, porque,...).

• Interxeccións: se ben hai quen cuestiona a interxección como clase de palabra,


introducímola porque si son consideradas como tal na gramática tradicional. Son
invariables e consisten en sons exclamativos utilizados con afán comunicativo (eh!, urra!,
ups!,...).

Estrutura da palabra. Lexemas e morfemas gramaticais. A Análise morfolóxica:

A palabra componse, como é sabido, de elementos que supoñen unidades lingüísticas menores.
Desta forma, en cada palabra encontraremos un morfema lexical ou lexema e morfemas
gramaticais. Estudaremos, a seguir, en que consiste cada un destes elementos.

Os lexemas consisten na parte da palabra que porta a raíz do seu significado léxico. Desta forma, se
collemos como exemplo o termo libro, encontraremos libr- como lexema. Para identificar o lexema
dunha palabra de forma efectiva podemos botar man da familia léxica. Así, en libro, libreta,
libreiro, libraría,... achamos a repetición do elemento libr-, e por tanto non cabe dúbida de que este
constitúe o lexema.

Ao carón dos lexemas encontramos os morfemas gramaticais, os cales tamén conteñen


significado, pois portan información relevante para a construción das palabras.

Este segundo tipo de morfemas poden ser fundamentalmente de dous tipos:

• Derivativos: son aqueles morfemas que contribúen á aparición de novas palabras. Desta
forma, da palabra libro sae libreira, e por tanto -eira supón un morfema derivativo.
Referirémonos a eles cando falemos da derivación e da parasíntese, e por tanto agora
simplemente mencionaremos que poden encadrarse en prefixos, sufixos e circunfixos.

• Flexionais: denominamos morfemas flexionais aqueles que non conforman novas palabras
nin alteran o significado léxico da raíz, mais si introducen información sobre o xénero e o
número (nos substantivos, adxectivos e pronomes). Estes son os chamados morfemas
flexionais nominais. Pola súa parte, en relación ao verbo, os morfemas flexionais ofrecen
información sobre o número (singular ou plural), a persoa (1.ª, 2.ª,3.ª,...), o tempo (presente,
antepretérito ou pretérito imperfecto, futuro, pospretérito ou condicional,...), o modo
(indicativo, subxuntivo ou imperativo) e o aspecto (perfectivo, imperfectivo, prospectivo,...)
en que se encontra a forma verbal. Neste último caso, falaremos de morfemas flexionais
verbais.

Por outra parte, ao referírmonos á estrutura da palabra e á análise morfolóxica non podemos perder
de vista outro concepto de sumo interese. Aludimos, como non, ao morfo cero, cuxa representación
se efectúa a través deste símbolo Ø. Trátase de morfemas que non teñen representación gráfica nin
sonora, mais que permanecen como un vestixio a fin de cubrir un oco na análise morfolóxica. Así
explicado o concepto pode resultar un pouco complicado, mais comprenderase facilmente se o
explicamos a través de exemplos. Poñamos por caso o termo isto. Como sabemos, é esta unha
forma invariable, pois carece de flexión de xénero e número. Pois ben: tanto o morfema de xénero
como o morfema de número da palabra isto será Ø, pois nin se representa na escrita nin na
pronuncia. O mesmo ocorre co termo que aparece na guía: quen, invariable (por exemplo: quen é
el? / quen é ela?/ quen son eles?/ quen son elas?), conta co morfo cero como morfemas de xénero e
número.

Do mesmo xeito, cando nos referimos á análise do verbo, non podemos obviar a existencia da vogal
temática, que non é outra que aquela que indica a conxugación á que se adscribe a forma verbal en
cuestión. Desta forma, a vogal temática será a no caso dos verbos da primeira conxugación
(cantaba, falar,...), e nos da segunda (facer, saberá,...) e i nos da terceira (ir, partiría,...). Cabe
lembrar neste apartado, a fin de identificar a vogal temática, que o verbo pór e derivados (dispor,
propor,...) se adscriben á segunda conxugación.
Unha vez coñecemos de forma teórica estes conceptos, pasaremos á realización de exemplos
prácticos de análise morfolóxica. Excluímos deste documento, con todo, o caso da análise
morfolóxica das formas verbais, pois esta aparecerá moi ben explicada nun documento elaborado
por Dolores, o cal ofreceremos como anexo a este.

Exemplos:

-NENOS: Nen-: lexema; -o-: morfema flexional de xénero; -s: morfema flexional de número.

-LIBREIRA: Libr-: lexema; -eir: morfema derivativo sufixo; -a: morfema flexional de xénero.

ANTEDILUVIANO: Ante-: morfema derivativo prefixo; -diluv-: lexema; -ian-: morfema


derivativo sufixo; -o: morfema flexional de xénero.

FESTIVO: Fest-: lexema, -iv-: morfema derivativo sufixo; -o: morfema flexional de xénero.

You might also like