You are on page 1of 4

T.

5 – A II GUERRA MUNDIAL (1939-1945) (EXTENSO)


A II Guerra Mundial comezou na Europa o 1 de setembro de 1939, e rematou coa capitulación incondicional asinada
polo III Reich en Berlín (Karlhorst) o 9 de maio de 1945. Porén, na Asia oriental o conflito comezou xa no xullo de
1937, na segunda guerra chinoxaponesa, e continuou dende mediados de 1938 cunha pequena guerra fronteiriza entre
Xapón e mais a URSS. O ataque xaponés á base naval norteamericana de Pearl Harbor (Hawaii) no decembro de 1941
determinou a entrada dos EUA na contenda, e no Pacífico non remataría ata o 2 de setembro de 1945 (capitulación de
Xapón após as bombas atómicas de Hiroshima e Nagasaki).
No decurso da guerra forxáronse dous bandos: o Eixo e mais os Aliados, con diversas incorporacións e baixas. O Eixo
formouse arredor do III Reich, Xapón e Italia (ata xullo de 1943), máis algún aliados dende 1940/41 (Hungría, Bulgaria,
Romenia, Eslovaquia…). Os Aliados eran nun comezo Grande Bretaña (o imperio británico) e Francia, logo
engadiríanse os EUA, ademais dos gobernos no exilio dos países ocupados polo Eixo, as resistencias contra dos nazis,
e dende xuño de 1941 a URSS, ademais de China.
Na II GM estiveron involucrados, de xeito direito ou indireito, máis de 60 Estados; en total mobilizáronse en armas uns
110 millóns de homes e mulleres. A II GM na Europa consistiu de entrada nunha serie de “guerras lóstrego”
(Blitzkriege) e invasións terrestres dos países veciños por parte da Wehrmacht: Dinamarca e Noruega (abril 1940);
Países Baixos, Luxemburgo, Bélxica, Francia (maio/xuño 1940). O III Reich instituía gobernos colaboracionistas ou
“monicreques”, con maior ou menor apoio de movementos fascistas e forzas conservadoras locais; ás veces creou
movementos colaboracionistas afíns.
Hai un claro país agresor, Alemaña; acompañada pola URSS, que con menor despregamento de forzas invadiu Polonia
tres semanas despois, e anexiona unha parte dela; logo tenta invadir Finlandia (novembro 1939-marzo 1940, Guerra de
Inverno), e anexiónase os países bálticos no agosto de 1940. O decurso da guerra para a Wehrmacht en Europa e no
Mediterráneo ten tres fases claras:
1) Invasións a Polonia, Dinamarca, Noruega, Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo e Francia (39-40), con retirada das
tropas expedicionarias británicas e parte das francesas en Dunkerque seguidas das invasión de Yugoslavia e Grecia
(1941) e a intervención no Norte de Africa (Libia) dende febrero de 1941, para apoiar os italianos fronte aos británicos.
Alemaña colleita éxitos en case todas as frontes terrestres, agás na Africa, e non consegue dobregar mediante
bombardeos á Grande Bretaña, que porén Hitler renuncia a invadir (por pensar que pode chegar a un acordo co Imperio
británico para partillárense o mundo).
2) A invasión da URSS dende o 22 de xuño de 1941, secundada por Finlandia e Romenia, logo Hungría, Italia,
Eslovaquia e Croacia, que se converte no escenario decisivo e sobranceiro da guerra na Europa.
3) A fase na que os Aliados pasan á ofensiva, xa anunciada pola vitoria soviética en Stalingrado (febreiro 1943), a
rendición alemá e italiana en Túnez (maio 1942) e o desembarco aliado en Sicilia (xullo 1943), mais que se acelera co
desembarco dos aliados anglonorteamericanos en Normandía (6 xuño 1944), e pouco despois a Operación Bagration na
fronte oriental, a grande ofensiva soviética que provoca o retroceso alemán ata a caída de Berlín.
Só seis Estados ficaron neutrais na Europa durante a II GM: Portugal, España (“non belixerante” primeiro, logo neutral),
Irlanda, Suíza, Suecia, Turquía (ata febreiro de 1945). Os EUA ficaron neutrais ata seren atacados polo Xapón no
decembro de 1941; porén, vendían material bélico e subministramentos aos Aliados, e dende febreiro de 1941 enviaron
armas, municións, etc., baixo un réxime especial (Land Lease) para Grande Bretaña, que logo se ampliou á URRS.
Varios países mudaron de bando e deixaron de apoiar o III Reich cando a sorte da guerra se torceu: Italia (xullo 1943),
Hungría e Romenia (mediados de 1944, ao se achegar o ExércitoVermello), Bulgaria, mesmo Finlandia (armisticio no
setembro de 1944 coa URSS). “Erguementos populares” adoitaban adiantarse ao avanzo dos soviéticos por Europa
oriental, pero só se autoliberaron Albania e Yugoslavia.
No outubro de 1943 Alemaña só tiña un aliado poderoso, Xapón, que facía a guerra pola súa conta no Pacífico. Nesa
altura estaba en guerra con 34 Estados, e con 52 no marzo de 1945.
Aínda que o III Reich domeaba na primavera de 1941 un amplo imperio terrestre na Europa central e oriental, que se
espallaba cara aos Balcáns, o obxectivo era crear unha “nova orde” europea na que se garantiría o dominio alemán dende
o Atlántico e Mediterráneo ata os Urais. Porén, non existía unha idea única de como sería ese imperio alemán terrestre.
Malia os nazis utilizaren o lema “Europa” na súa propaganda, nomeadamente dende xuño de 1941, non ficaba claro se
sería unha confederación de Estados baixo a éxida alemá, ou unha combinación de Estados aliados, protectorados e
comisariados no Leste, e réximes títeres noutras partes.
En todo caso, esa Europa baixo a “nova orde” tería sempre unha configuración etno-racial xerárquica, no seu seo non
habería xudeus e outros pobos, e serviría aos intereses da nación alemá, no seu centro. Europa (e parte de Africa) sería
alemá e dividiríase o mundo con GB, Xapón e USA.
Estaban máis claros os proxectos alemáns para o Leste. A invasión alemá da URSS estaba deseñada dende finais de
1940, e só se atrasou ata xuño de 1941 pola campaña dos Balcáns e a conquista de Grecia (derrota italiana perante o
ditador grego Metaxas, que houbo de ser corrixida por Alemaña).
A Operación Barbarroxa deu lugar á maior campaña terrestre da historia. A guerra xermano-soviética, desencadeada
por surpresa o 22 de xuño de 1941, supuxo a invasión da URSS por 19 divisións acoirazadas, 14 divisións motorizadas
e 119 divisións de infantaría da Wehrmacht e Waffen SS (o 72,5% dos efectivos da Wehrmacht na altura): máis de 3
millóns de homes, 3.350 carros de combate e 2.700 avións. 14 división romanesas (650.000 homes) atacaron dende o
Sur. E pouco despois varias divisións finlandesas polo norte.
O III Reich non plantexou no Leste unha guerra calquera. Era unha guerra imperial e de exterminio racial. Segundo o
Plan Xeral Leste (Generalplan Ost), cumpría chegar ata os Urais, derrubar a URSS, eliminar (fisicamente ou por fame)
case a metade da poboación eslava, escravizar na práctica a outra metade, repoboar con colonos alemáns varias áreas
(como a rexión de Leningrado-báltico), e instaurar unha sorte de limes ou fronteira cos “pobos asiáticos” nos Urais.
Alemaña aseguraríase para o seu imperio os recursos minerais, agrícolas (Ucraína) e humanos dos territorios soviéticos.
Así mesmo, a condución da guerra non se atería ás normas da Convención de Xenebra, ao contrario do que en Occidente
(onde en liñas xerais, malia as ocasionais represalias contra aldeas ou colectivos enteiros, fóra dos xudeus non se seguiu
a cabo unha política de exterminio contra civís, e os prisioneiros foron tratados de xeito aceitábel). No Leste: guerra
brutal e radicalización cumulativa, só igualada nalgúns escenarios do Oriente asiático (China, Iwo Jima) e intres como
a batalla de Normandía e nos Balcáns.
A Wehrmacht previa (“ordes asasinas” de xuño de 1941) aniquilar a maioría dos prisioneiros soviéticos, non alimentar
os civís, matar os comisarios políticos do ExércitoVermello. E, sobre todo, o despregamento na retagarda, coma en
Polonia pero en maiores dimensións, de grupos de despregamento ou Einsatzgruppen, varios milleiros de soldados do
Servizo de Seguranza e das SS que se encarregaron de “limpar” a retagarda, mediante asasinatos selectivos e masivos
de civís: tanto cadros comunistas como, moi en particular, xudeus. Primeiro homes adultos, logo homes e mulleres, á
final todos. Foi o “holocausto das balas”.
A radicalización cumulativa da violencia na retagarda e na fronte e o esgotamento psicolóxico dos membros dos
Einsatzgruppen, unida ao feito de que Alemaña agora dominaba as áreas xeográficas de Europa onde máis xudeus
habitaban (Polonia, Ucraína, Bielorrusia, Hungría e os Balcáns), levou aos xerarcas nazis a pensar nunha “solución
final” para levar a cabo o exterminio de todos os xudeus europeus, amais de romaníes (ciganos) e outros grupos vistos
como razas inferiores. As medidas previsas incluíran a súa concentración en guetos urbanos, e as masacres selectivas.
Conferencia de Wansee (Berlín), xaneiro 1942. Acórdase a deportación masiva dos xudeus a campos de concentración
e exterminio (Auschwitz-Birkenau, Sobibor, Treblinka, Chelmno, Belzec, Majdanek), onde unha parte traballaría ata a
morte e outra sería executada co uso de gases (Zyklon B, e outros métodos).
Os planos iniciais da Wehrmacht prevían que o Exército soviético se derrubaría en doce semanas. E os avanzos alemán
parecían a ollos do mundo imparábeis. As tropas acoirazadas rompían a fronte, penetraban seguidas das división
motorizadas, que logo encerraban grandes bosas de divisións soviéticas.
A Wehrmacht fixo millóns de prisioneiros. E en Moscova e outras cidades houbo intres de pánico. Porén, o Estado
soviético non se derrubou. Stalin ficou no poder. Con man de ferro e desprezo humanos, ordenou resistir a ultranza e a
táctica de “terra queimada”. Fábricas enteiras foron desmontadas e enviadas a Siberia. Unha ferreña disciplina na fronte,
con castigos para quen recuase, e na retagarda (deportacións e represalias masivas) cobrouse tamén milleiros de vidas.
Sin embargo, os soviéticos gañaron tempo ata a chegada do inverno. Moscova non caeu, por pouco (contraofensiva de
decembro). Os EUA entraron na guerra (Pearl Harbor), co que a URSS recibiu axuda. E o exército alemán desangrouse
e desgastouse de maneira irremisíbel na campaña de Rusia, con enormes custes en vidas humanas e material que non se
pudieron reemprazar ao cen por cen. Neve, lama nos camiños, partisanos nos bosques e na retagarda: condicións moi
duras para os soldados invasores. A superioridade numérica dos soviéticos só se vía compensada pola maior destreza
técnica dos alemán, mais o ExércitoVermello gañaría en experiencia e técnica dende 1942/43.
Con todo, o esforzo de guerra soviético non se baseou só na coerción. Dende finais de xuño, a propaganda apelou ao
nacionalismo, á patria: Grande Guerra Patria ou Patriótica (en lembranza da guerra de 1812 contra Napoleón).
Precedentes dese discurso: guerra civil rusa e GC española. Era un discurso que admitía gradacións: patria soviética e
nacionalidades diversas. Pero: xerarquía do heroísmo. Eran os rusos e pobos eslavos os principais defensores da Unión
Soviética, segundo a propaganda.
Aínda que moitos soviéticos (amais de nacionalistas ucraínos e bálticos, ou caucásicos) creron que os alemáns os
ceibarían da ditadura estalinista, desencantáronse axiña. A lóxica nazi non era a da I GM (durante a que por un tempo,
no 1918, controlaron case tanto territorio os alemáns coma na II GM). Na vez de apoiárense nos nacionalistas bálticos,
ucraínos ou caucásicos, os nazis no Leste non permitiron a formación de Estados satélites antirrusos (frustrada
proclamación da Rep.Ucraína o 30 de xuño de 1941), e non fixeron moito por atraérense as simpatías dos opositores a
Stalin, nomeadamente dos labregos opostos ás granxas colectivas (que foron mantidas). A lóxica racial opúñase á lóxica
imperial que poderían ter aprendido dos imperios coloniais: é dubidoso, neste senso, que algunhas prácticas xenocidas
(coma o exterminio dos Herero e Naqba en Namibia, 1904) fosen importadas polos alemáns dende as colonias.
Nos escenarios decisivos da fronte oriental, logo da batalla de Moscova, a sorte foi adversa para os alemáns: a fronte de
Leningrado mantívose estática (os alemáns asediaron a cidade para rendela por fame) ata xaneiro de 1944; a teima en
conquistar Stalingrado acabou nun desastre para o VI Exército alemán, que se rendeu no febreiro de 1943; e a
contraofensiva alemá en Kursk (xullo/agosto 1943), con amplo despregamento de carros de combate, rematou en táboas.
No 1943-44, o exército soviético contraatacou en todas as frontes, dende Carelia ata Crimea. E coa operación Bagration
(xuño 1944), os soviéticos chegaron ás portas de Varsovia e os Balcáns, provocando enormes baixas á Wehrmacht. Xa
só ficaría a ofensiva final sobre Berlín, dende febreiro de 1945, mentres os soviéticos avanzaban polos Balcáns e o
Danubio, e os antigos aliados de Hitler lle viraban as costas.
Por qué o Eixo perdeu a guerra?
Ata 1942 as forzas alemás e xaponesas levaban a dianteira en Europa e Asia oriental (non tanto os italianos en Africa).
O intre de maior extensión do seu imperio é setembro de 1942. Os xaponeses chegan ata Birmania, ameazaban con
estender os seus ataques a Australia e mais á India… Ademais, presentábanse coma os expoñentes dun novo
“imperialismo asiático” que pretendía desaloxar os europeus do continente.
Pero, o desafío ao poderío norteamericano (ao non poder eliminar de todo a súa frota no Pacífico após Pearl Harbor)
levou á intervención dos EUA na guerra, factor que desequilibrou de maneira definitiva as forzas. Os EUA puxeron a
súa capacidade industrial e produtiva ao servizo da causa aliada, na Europa e na Asia. Pola contra, os recursos xaponeses
e alemáns, malia a intensiva explotación dos seus territorios conqusitados, eran limitados, e o tempo corría a prol de
norteamericanos e soviéticos.
A Wehrmacht tiña serios problemas para recrutar soldados en idade de combater xa dende 1942 para poder remprazar
as baixas en combate, tiña de importar man de obra e procurar voluntarios onde podía, mesmo as Waffen SS aceitaron
voluntarios eslavos, caucásicos, musulmáns…
Doutra banda, nin xaponeses nin alemáns foron quen de ir alén da improvisación no artellamento dos seus espazos
imperiais. Os postulados raciais da guerra de exterminio e a ríquida xerarquización étnica impedían aos alemán, pero
tamén aos xaponeses, atraer simpatías e complicidades abondas, malia o tentar coa causa do “anticomunismo” e a
“cruzada europea contra do bolxevismo” (no caso alemán, logo de xuño de 1941), ou o apelo ao orgullo asiático no caso
xaponés, onde a súa política de ocupación cara aos chineses, coreanos, filipinos, indonesios ou filipinos non se baseou
na vontade de atracción, senón no supremacismo etnocultural que só aceitaba a submisión. Alemáns e xaponeses
demostraron ter pouca experiencia imperial.
Un mito recorrente, construído polos propios xenerais alemáns (e xaponeses) foi o da superioridade técnica, só derrotada
pola contía numérica e material dos seus aliados. “Vitorias frustradas” (von Manstein). Mito da Wehrmacht: poderían
ter tomado Moscova e derrotar os soviéticos, de non ter un liderado político incapaz (Hitler).
Porén, do ponto de vista militar e estratéxico os aliados non foron inferiores aos alemáns e xaponeses, cando menos
dende 1942. Mesmo se o ExércitoVermello baseou a súa primeira resistencia á invasión xermana na súa disponibilidade
de efectivos humanos e a súa capacidade de reemprazar as baixas, a cantidade e calidade do armamento producido (T-
34, avións, artillaría, etc.) foi decisiva. O mesmo se pode afirmar en intres puntuais dos británicos (batalla aérea de
Inglaterra: Spitfires vs. Stukas e Heinkel), e de USA no Pacífico.
A superioridade aérea dos Aliados dende 1942 foi decisiva na fronte occidental, como o foi a da URSS en armamento
pesado. E armas ou ámbitos nos que os alemáns demostraran maior eficacia, coma no uso da arma submariña, perderon
relevancia dende 1942. Malia estaren máis avanzados na tecnoloxía dos proxectís teledirixidos (V-1 e V-2), non
chegaron a desenvolver plenamente a tecnoloxía do que serían despois os mísiles balísticos de media e longa distancia,
e fixeron poucos progresos na pescuda da fisión nuclear, no que os norteamericanos collerían a dianteira.
Finalmente, no caso do Eixo demostrouse a falla de capacidade do liderado político en conxunturas decisivas, e a falla
de autonomía da alta oficialidade militar, consecuencia da supeditación dos militares ao capricho de dirixentes
ditatoriais. Se na I GM se cometera o erro de deixar a dirección da guerra de maneira preponderante aos militares, na II
GM demostrouse que os liderados unipersoais levaban ao desastre. Mesmo Stalin tivo que emendar erros dende 1942 e
aprendeu a ter confianza nos seus xenerais, coma Zhúkov.
O número total de vítimas é aínda debatido.
Estímase que morreron arredor de 60 millóns de persoas nos combates (terrestres, aéreos, navais), bombardeos etc. De
engadírense as vítimas da Shoah, do Porajmos (exterminio dos romanís), mortos en campos de prisioneiros, como
traballadores forzados, como vítimas de bombardeos sobe cidades (medio millón na Alemaña), como consecuencia de
desnutrición e doenzas (2 millón en Bengala, por fames provocadas pola interrupción dos subministramentos de arroz
dende Birmania cando foi ocupada polos xaponeses, etc.; case un millón de mortos de fame en Leningrado; unas 22.000
nos Países Baixos, no inverno de 1944-45, Hongerwinter), o número elévase a 80 millóns. As bombas atómicas sobre
Xapón causaron 230.000 mortes.
O número de vítimas civís foi, en todo caso, bastante superior ás baixas militares. Sobre todo, a URSS: arredor de 27
millóns de cidadáns soviéticos perderon a vida (menos da metade eran soldados, incluíndo case tres millóns de
prisioneiros). En China faleceron uns 13,5 millóns de persoas, a maioría (10 millóns) civís. Polonia tivo 6 millóns de
mortos, deles 5,7 millóns civís. O resto dos vencedores sufriu perdas moito menores: 407.316 norteamericanos (todos
civís), 360.000 franceses, 332.825 británicos (maioría soldados)…
Os países vencidos non foron os que máis vítimas rexistraron: Alemaña perdeu 6,5 millón de vidas, delas 5,3 millóns
de soldados; Italia 300.000, a maioría soldados; Xapón 3,8 millóns, dos que 2 millón eran militares; Hungría unhas
950.000 persoas… mesmo houbo uns 6.000 españois que morreron (malia ser España neutral), ou 1.463 brasileiros.
A II GM tamén provocou enormes desprazamentos forzados de poboación: millóns de traballadores forzados
(Zwangsarbeiter) ao servizo da economía de guerra do III Reich; prisioneiros políticos e pobos enteiros (chechenos,
tártaros de Crimea…) deportados ao Gulag polo réxime estalinista, sobre todo en 1944-45; millóns de prisioneiros de
guerra: os últimos cativos alemáns na URSS (3,3 millón) retornaron a casa en 1955.
Ao rematar a guerra, na Europa central había case 20 millóns de persoas desprazadas (displaced persons) que moraban
en barracóns e campos de internamento: antigos traballadores forzados, superviventes de campos de concentración,
prisioneiros ceibados, alemáns étnicos expulsos de Europa oriental (ata 12 millóns). Algún deses campos perviviu ata
comezos da década de 1950.
Como consecuencia das destrucións da guerra e da desorganización das redes de abastecemento, ben como de más
colleitas, na posguerra houbo algunas fames máis na URSS. Entre mediados de 1946 e o inverno de 1947-48, estímase
que case dous millóns de cidadáns soviéticos, moitos deles nenos e bebés recén nados, faleceron por consecuencia da
desnutrición, nomeadamente en Bielorrusia, Ucraína, Moldavia e Rusia.
Os danos materiais foron enormes: Europa central e oriental estaba en boa parte en ruinas no maio de 1945. Cidades
como Varsovia, Dresde, Hamburgo, Berlín ou Budapest foran duramente bombardeadas dende o aire, ou foran escenario
de cruentos combates casa por casa. Na Alemaña, 4 millóns de persoas non tiñan casa. A metade da quilometraxe dos
camiños de ferro da Europa estaba tamén danada.
A falla de vivenda en varias ciudades, nomeadamente na Alemaña, onde as ruinas foron visíbeis ata comezos da década
de 1960 (cf. Germania anno zero, 1948, R. Rossellini), mais tamén en países vencedores como a URSS, converteuse
nun problema social, que na URSS só tivo solución a finais dos anos sesenta. Moitos veteráns de guerra descubrían ao
seu retorno que tiñan que vivir en tendas de campaña ou sotos compartidos con outras familias. Millóns de orfos na
URSS, pero tamén na Alemaña e noutros países, constituíron bandas e caeron na delincuencia xuvenil, que nalgúns
países se converteu nun problema social axexante ata entrada a década de 1950.
Houbo unha serie de conflitos provocados pola II GM e que non remataron no 1945: guerra civil en China, ata 1949;
entre 1944 e 49, guerra civil grega; Indonesia estalou a guerra de independencia logo da retirada dos xaponeses.

You might also like