You are on page 1of 9

TEMA 3: PRIMEIRA ARTE CRISTIÁ

3.1- ARTE PALEOCRISTIÁ


3.2- ARTE BIZANTINA

3.1- ARTE PALEOCRISTIÁ

A arte paleocristiá é a arte realizada polas primeiras comunidades cristiás.


Responde a unhas determinadas crenzas relixiosas e a necesidade de buscar un
novo espazo arquitectónico axeitado para á celebración do novo culto.

A mediados do século I, o cristianismo empezou a súa rápida difusión por todo o


Imperio Romano. O Edicto de Milán (Constantino 313 d.C.) supón a legalización do
cristianismo que se converterá apenas 60 anos despois na relixión oficial do
Imperio (Edicto de Tesalónica, Teodosio 380).

A partir deste momento, as obras conservadas en Roma tratan principalmente de


temática relixiosa, porque as consideradas pagás foron destruídas posteriormente.

Os cristiáns saen das casas particulares nas que celebraban os seus cultos e
comezan a construír igrexas adoptando a tipoloxía das basílicas romanas, salas de
xustiza e de audiencias oficiais, xa que a estrutura dos templos clásicos, concibidos
como casas para a estatua dun deus, non serven ás necesidades da nova relixión
cuxa liturxia require a presenza da comunidade de fieis nas súas cerimonias.

O interior do edificio mantén unha planta, rectangular dividida en 3 ou 5 naves


lonxitudinais, ás que se engade un transepto ou nave transversal, que ocupa o
espazo que precede á ábsida e cuxos brazos sobresaen do corpo do edificio. A nave
central é mais ancha que as demais laterais, o que permite abrir xanelas. As naves
sepáranse por columnatas con arcos de medio punto ou arquitrabes que acentúan
as perspectivas cara o altar. Columnas e capiteis manteñen as ordes romanas,
amosando certa preferencia cara o uso do corintio e do composto. As cubertas son
de madeira, a dúas augas na nave central e a unha nas laterais. No interior, a
estrutura de trabes de madeira ocúltase baixo un teito plano de madeira xeralmente
artesoado con casetóns.

O presbiterio, lugar onde se encontra o altar defínese mediante unha ábsida


semicircular, enmarcada por un arco de medio punto que coroa a nave central e
que, a xeito dun arco conmemorativo romano, recorda o triunfo da Igrexa. A entrada
ao edificio está no extremo oposto á cabeceira, precedida por un patio porticado ou

1
atrio que vai seguido dun nártice ou vestíbulo onde se situaban os catecúmenos, é
dicir os fieis que aínda non se bautizaran.

Outras construcións paleocristiás son os baptisterios, os mausoleos e os martirya


(restos sepulcrais de mártires)

No aspecto decorativo seguen en uso as formas e técnicas romanas: mosaicos,


frescos e taraceas de mármore e xaspe ornamentan os muros e as bóvedas das
ábsidas. Cóbrense as paredes con imaxes que evocan escenas do Antigo e do Novo
Testamento, a maioría dos fieis non sabían ler nin escribir, as imaxes eran moi útiles
para as ensinanzas. No estilístico frescos e mosaicos supoñen a continuación da
arte romana, aínda que novos temas e un novo significado. O cristianismo adopta as
formas clásicas pero as adapta ós temas cristiáns.

A iconografía cristiá que apreciamos en obxectos, esculturas e pinturas ten a súa


orixe nas catacumbas, galerías subterráneas utilizadas polos primeiros cristiáns
como lugar de refuxio, celebración e enterramento. Nun primeiro momento a arte
paleocristiá promove imaxes neutras que poidan pasar inadvertidas pero sen deixar
de ser cristiás. Entre os motivos iconográficos máis repetidos están aqueles que
aluden a Cristo, como o peixe, a ave Fénix, o pavo real, o cordeiro ou o bo pastor.

3.2- ARTE BIZANTINA

A división do Imperio Romano por Teodosio (395) entre os seus fillos Honorio e
Arcadio consumarase coas invasións bárbaras que afectarán unicamente a parte
occidental. O Imperio Romano pervivirá en Oriente ata a caída de Constantinopla en
poder dos turcos en 1453. Este imperio oriental, cada vez mais helenizado, é o que
coñecemos co nome de Imperio Bizantino.

Cronoloxicamente esténdese dende o século V en que cae o Imperio Romano


Occidental (476) pola presión dos bárbaros, ata 1453 en que Constantinopla, último
resto do Imperio Bizantino, cae en poder dos turcos. De este longo período
destacaremos o momento do reinado de Xustiniano (século VI) no que se poñen as
bases da arte bizantina e se crean as obras máis representativas.

Constantinopla, a capital, acadou un desenvolvemento artístico e económico


considerable. A súa proximidade con Asia determinou que pronto adquirise trazos
diferenciais do mundo occidental e concretamente de Roma. Os piares do Imperio
foron a economía comercial favorecida pola súa estratéxica situación, a política
2
exterior expansionista e a Igrexa que serviu de elemento de unificación.
Fundamentouse no cesaropapismo que supoñía a unión do poder político e
relixioso de xeito que o Emperador o era por graza de Deus, era o seu representante
na terra.

O feito de que o Estado bizantino teña un forte sentido teocrático vai a


condicionar a arte. Fronte a un mundo occidental dividido en pequenos reinos
feudais, onde o Estado é débil e carece de poder, e onde o poder espiritual queda
nas mans dun Papa, en Bizancio séguese a tradición tardorromana de un poderoso
emperador, cun complexo aparato e rigoroso protocolo, que asume tamén a
dirección relixiosa. Así o temporal e o espiritual están estreitamente ligados e a arte
ten a función de exaltar ambos aspectos. Por iso é unha arte que se afasta de imitar
a natureza, é fundamentalmente simbólico e transcendente, xa que pretende
representar mediante símbolos unha realidade que transcende o mundo visible. Así
mesmo é un arte que non apela á razón senón aos sentidos, por iso é unha arte
colorista e luxosa que pretende impresionar ao espectador.

Diferéncianse tres idades de Ouro, separadas por períodos de decadencia ou


estancamento. O momento de máximo esplendor corresponde á denominada
Primeira Idade de Ouro, entre os séculos V e VII, e especialmente o momento do
reinado de Xustiniano (século VI) no que se poñen as bases da arte bizantina e se
crean as obras máis representativas. A etapa remata coa etapa iconoclasta, onde as
imaxes serán prohibidas e a arte entra en decadencia. A segunda Idade de Ouro,
séculos IX a XII, vive a expansión cara Rusia e ó nordeste, e a terceira Idade de
Ouro (séculos XIII- XV) será o derradeiro renacer de Bizancio.

ARQUITECTURA.

Na arquitectura bizantina continúan en uso as formas baixoromanas e


paleocristiás. Nun primeiro momento (Primeira Idade de ouro), séguense
construíndo basílicas como as de San Apolinar de Rávena e edificios de planta
central, inspirados nos martirya paleocristiáns como San Vital de Rávena. É
característica a importancia que adquiren as cúpulas cargadas de simbolismo,
normalmente construídas con materiais lixeiros. O modelo é Santa Sofía de
Constantinopla aínda que as súas dimensión non chegaron a superarse. En épocas
posteriores (2ª e 3ª idade de ouro) as cúpulas adquiren unha característica forma
bulbosa (San Marcos de Venecia) ou de alcachofa (San Basilio de Moscú).

Os interiores dos edificios cóidanse ó máximo cunha decoración a base de


mosaicos, pinturas e taraceas que invaden ata o último recuncho do muro. Ademais
dos temas cristiáns abundan os motivos vexetais e zoomorfos, xa que a Igrexa
3
aspira a converterse nun microcosmos, un reflexo a pequena escala da beleza e a
harmonía da Creación.

No exterior dos edificios hai que diferenciar entre as construcións da 1ª Idade de


Ouro (Sta. Sofía, S. Vital, S. Apollinar) con exteriores sobrios nos que o efecto
estético céntrase na propia estrutura do edificio e na gradación de volumes en
altura, dos edificios da 2º Idade de Ouro nos que aparecen os mosaicos, os adornos
e alternancia de materiais (pedra/ladrillo) buscando efectos cromáticos. Esta
tendencia á valoración plástica do edificio agudízase na 3ª Idade de Ouro, con
fachadas de cores, cúpulas douradas, tellas vidradas (S. Basilio de Moscú).

Fronte ó modelo de planta basilical na arte bizantina é máis común a planta central
ou planta centralizada, xa sexa de cruz grega, poligonal ou de cruz inscrita nun
cadrado.

As cubertas planas son substituídas por bóvedas de canon ou de aresta ou por


cúpulas múltiples nas que a transición do espazo cadrado da planta ao circular da
bóveda faise mediante pendentes ou triángulos curvilíneos (en castelán pechinas). O
problema era soster o peso destas cubertas que xa non repousaban no muro senón
en catro piares. A solución consistiu en reforzar estes piares mediante grosos
contrafortes no exterior, utilizar materiais moi lixeiros na cúpula (ladrillo) que logo
se revestían de materiais mais nobres (herdanza romana) e por último en crear un
complexo sistema de cúpulas e semicúpulas cuxas forzas íanse contrarrestando ata
descargar no muro tal e como se fixo en Santa Sofía. O resultado é un grande
espazo diáfano cun alto sentido simbólico.

A PRIMEIRA IDADE DE OURO: A ÉPOCA DE XUSTINIANO (s.VI d.C). É unha época


de esplendor político grazas á expansión do Imperio Bizantino por parte do
Mediterráneo tras a conquista dalgúns territorios do norte de África, Italia e o
sueste da Península Ibérica. Grazas a este esplendor engrandécese e embelécese a
capital do Imperio, Constantinopla. Constrúense numerosas igrexas sobre as que
destaca Santa Sofía, que pasa a converterse en modelo de outras moitas igrexas, e
posteriormente, tras a toma da cidade polos turcos, de moitas mesquitas.

Nome: Igrexa de Santa Sofía de Constantinopla


Autores: Antemio de Tralles e Isidoro de Mileto
Cronoloxía: 532-537 Estilo: Arte Bizantina (Primeira Idade de Ouro)
Tipoloxía: orixinariamente igrexa, hoxe mesquita. Localización: Constantinopla
(Actual Estambul, Turquía)

4
Santa Sofía.(532-537) Esta igrexa toma moitos elementos da tradición romana e
paleocristiá pero combinándoos de forma moi innovadora. Os seus arquitectos,
Antemio de Tralles e Isidoro de Mileto, eran homes dunha elevada formación
técnica, que lles permite levar a cabo o edificio cunha complexa técnica construtiva.
Antemio de Tralles era experto en xeometría e matemáticas, sería o responsable
teórico. Isidoro de Mileto ocuparíase de levar a teoría á práctica.

Non esta concibida como unha basílica para o pobo, senón que é gran basílica do
emperador Xustiniano, construída xunto ao seu palacio e conectada con este. Coa
grandiosidade desta construción o emperador manifesta o seu poder. Estaba
dedicada á “Divina sabiduría”

Planta: segue a tradición paleocristiá de planta basilical de tres naves pero inscrita
nun cadrado e deixando un grande espazo central. Nos pes, un pórtico, ou nártice e
na cabeceira unha ábsida sobresaínte ao exterior. Sobre as naves laterais de menor
altura sitúase unha tribuna ou matroneum que permite iluminar a nave.

Cuberta: as naves laterais cóbrense con bóveda de aresta e o grande espazo


central cóbrese cunha gran cúpula que descansa sobre catro grandes arcos sostidos
por catro grosos piares. O enorme peso da cúpula é contrarrestado por un sistema
articulado de cúpulas menores: dúas medias cúpulas nos eixes este e oeste, e estas
a súa vez suxeitábanse con outras dúas medias cúpulas máis pequena e diagonais,
que transmiten o peso sobre o muro. No eixe norte-sur o sistema de suxeición
cambia, os grandes arcos cóbrense cun paramento no que se abren galerías e por
riba tres filas de ventás. Os empuxes que reciben os piares son reforzados no
exterior por xigantescos contrafortes.

Exterior: Sobrio e pouco decorado pero sen aspecto macizo pois traduce ao
exterior o xogo de volumes do interior dándolle un aspecto moi dinámico.

Interior: é onde se centra todo o interese. Créase un grande espazo diáfano e


dinámico cun dobre eixe de movemento. Por un lado hai un movemento dos pés a
cabeceira (dende o profano ao sagrado) e por outro lado ascensional, dende o chan
(terreal) cara as cúpulas (celestial). A decoración a base de mármores de cores e
mosaicos de fondos dourados confírenlle grande riqueza e dota á igrexa de gran
dinamismo polo efecto da luz. A luz aumenta progresivamente dende as naves
laterais, moi escuras, á nave central máis luminosa, e acada o seu máximo na cúpula
grazas ás corenta ventás que se abren na base e que proxectan luz sobre os
mosaicos dourados, dando a sensación de que a cúpula flota sobre a igrexa, o que
aumenta seu valor simbólico. A decoración de carácter relixioso foi suprimida tras a
conquista turca polo carácter iconoclasta do islam.
5
Foi convertida en mesquita cando Constantinopla caeu en poder dos otománs e
posteriormente se lle agregaron os minaretes que hoxe presenta.

San Vital de Rávena. A cidade de Rávena, na costa adriática, convertese na


capital dos territorios bizantinos en Italia. Alí constrúese a igrexa de San Vital,
cunha clara función política como ofrenda e propaganda dos emperadores
Xustiniano e Teodora, que aparecen retratados en dous mosaicos xunto ó altar.

A planta é centralizada, octogonal, cun pórtico ou nártice desprazado respecto ao


eixo central. Cóbrese cunha gran cúpula que descansa sobre oito grandes piares. As
tensións da cúpula contrarréstanse por varias exedras, seguindo o modelo de Santa
Sofía. Entre os piares hai paramentos semicirculares con dobre galería e tras eles
unha nave circular ou deambulatorio. O exterior é moi sobrio pero o interior está
ricamente decorado con mosaicos de vivo colorido tanto de tema relixioso como de
retratos de corte dos emperadores facendo donacións á nova igrexa. Aínda que
segue o modelo bizantino, neste caso a particularidade é que a concepción do
espazo é unicamente ascensional (forte verticalidade non contrarrestada polo eixe
que vai dos pés da igrexa ao altar).

A SEGUNDA IDADE DE OURO :S. IX-XII. Non hai grandes novidades. Como
consecuencia da expansión do islam o Imperio Bizantino perde gran parte dos seus
territorios en África e en Asia, quedando case illada a cidade de Constantinopla. Na
arte prodúcese unha barroquización nas formas e a decoración pero os materiais
fanse mais pobres, aínda que combinándose de forma máis decorativa. As cúpulas
fanse máis numerosas pero de menor tamaño o que simplifica a técnica construtiva,
e adoptan formas bulbosas sobre un alto tambor.O máis interesante deste período é
a difusión dos modelos bizantinos a outras rexións como Rusia (Santa Sofía de Kiev)
ou Venecia, que mantén fortes relacións comerciais con Bizancio. Nesta cidade
constrúese a igrexa de San Marcos de Venecia (830-1204).San Marcos posúe
planta de cruz grega inscrita nun cadrado, con cinco cúpulas, unha en cada brazo da
cruz e outra no cruceiro, e un pórtico que recorre a fachada tamén cuberto con
numerosas pequenas cúpulas. Aínda que no exterior funde influencias románicas e
bizantinas, o interior é claramente bizantino pola súa decoración con mosaicos
dourados.

TERCEIRA IDADE DE OURO: S XII-1453. Ata a caída da cidade en poder dos


turcos en 1453 continúase a tendencia anterior cara a barroquización e o traballo en
materiais máis pobres

6
AS ARTES DA COR: FRESCOS E MOSAICOS.

CARACTERÍSTICAS XERAIS.

Os bizantinos, ao igual que os romanos, prefiren decorar os seus edificios con


mosaicos e pinturas, sendo menos frecuente a escultura. Os pobres materiais
cóbrense de ricos mosaicos, que permiten grandes posibilidades de luminosidade e
colorido. Son moi abundantes as cenefas ou frisos con elementos vexetais ou
xeométricos, que recobren case toda a superficie interior da igrexa e enmarcan os
temas figurativos. Nalgúns casos recórrese á pintura ao fresco, menos custosa.

O naturalismo que predominara no mundo clásico, e que fora abandonándose


progresivamente en época tardorromana, segue perdéndose, tendendo ao abstracto
e ao ornamental, e estilizando moito os motivos cando son de tipo vexetal.

É unha arte fundamentalmente relixiosa que eleva a mente dende o plano material
ao espiritual. As imaxes son símbolos dunha realidade superior: a través da beleza
das imaxes contémplase o esplendor da divindade.

Neste sentido na figura humana non interesa plasmar as formas con máis ou
menos perfección, senón representar unha idea. Representan arquetipos que
pasarán ó arte occidental en moitos casos (Pantocrator, Deisis...).

As composicións son moi sinxelas, sen movemento e de grande xeometrismo e con


tendencia a frontalidade e a simetría en torno a un eixo central onde se sitúa a
figura principal.

As figuras adoptan posición frontal, sen volume,sen movemento nin relación entre
elas. Os rostros, salvo excepcións, non representan trazos individuais senón valores
espirituais grazas aos grandes ollos e á mirada perdida. Dáse moita importancia aos
detalles decorativos, á riqueza dos tecidos, as xoias, os tocados e todos aqueles
elementos simbólicos que axudan a dar significado á imaxe

Os fondos son tamén sinxelos, en moitos casos dourados, aludindo a un espazo


alleo ao temporal. Cando aparecen elementos da natureza ou arquitectónicos só se
representan os trazos esenciais.

Desenténdese da perspectiva, aínda que nalgúns casos hai unha perspectiva


invertida para mostrar ao espectador algún elemento que doutro modo quedaría
oculto. Tampouco se usa o claroscuro para dar a sensación de volume. A cor
esténdese de forma plana, perfilando os diferentes campos cunha liña negra.

7
No interior da igrexa as imaxes dispóñense atendendo tamén ao seu valor
simbólico, dende o máis profano ao máis sagrado. Na ábsida aparecen personaxes
divinas pero que tamén están ligados ao terreal. Na cúpula, símbolo do mundo
celestial, só aparece a representación de Cristo como Deus en maxestade ou
pantocrator, que tamén podería aparecer na ábsida.

EVOLUCIÓN. A maioría das imaxes que nos chegaron proceden de Italia pois as
loitas iconoclastas e a posterior conquista islámica acabaron coa maioría das
imaxes que decoraban as igrexas.

PRIMEIRA IDADE DE OURO (s. VI). Nesta época hai unha maior liberdade que se
perderá na época posterior tralas loitas iconoclastas.

Mosaicos de San Vital de Rávena. En ambos lados da ábsida, representando a


Xustiniano e a súa corte e a emperatriz Teodora e a súa corte, facendo doazón ao
bispo Máximiano dun cáliz e unha patena de ouro. É un caso case excepcional de
asociación do poder temporal e espiritual, pero que expresa moi ben a mentalidade
bizantina. A imaxe é un instrumento político-relixioso de afirmación do poder dos
emperadores nuns territorios recentemente conquistados. Neste caso si hai unha
intención de retrato nas personaxes principais (Xustiniano, Teodora, Máximiano),
mentres os demais se reproducen de forma mimética, aínda que polos elementos
que portan (escudo...) simbolizan as bases do poder militar, administrativo e
relixioso. Vemos todas as características do mosaico bizantino: simbolismo,
antinaturalismo, cor viva e brillante, decorativismo (cenefa que bordea o mosaico e
finxe materiais preciosos), fondo dourado, falta de volume e perspectiva (as figuras
parecen flotar no aire), composición xeométrica e sen movemento (todas as figuras
de fronte e coa mesma postura).

Nome: Mosaicos de San Vital de Rávena Autor: descoñecido


Cronoloxía: Século VI Estilo: Arte Bizantina

8
Obras (en negriña as que destaca a CIUGA):

-Igrexa de Santa Sofía de Constantinopla.

-Mosaico do Cortexo da emperatriz Teodora en San Vital de Rávena.

-Mosaico do Cortexo do emperador Xustiniano en San Vital de Rávena.

Definicións (para entregar):

Ábsida Doela Planta basilical.


Arco de ferradura Iconografía Nártice
Clave dun arco Presbiterio

You might also like