You are on page 1of 26

TEMA 5. A ARTE ROMÁNICA.

Historia da Arte 2º bacharelato

INTRODUCIÓN

A arte románica é a arte cristiá que se desenvolve en Europa occidental desde


finais do século X ata mediados do século XII.

Despois das invasións que se produciron no século IX (viquingos, eslavos,


musulmáns) a finais do século IX Europa vive un momento de certa tranquilidade.
Nestes séculos Europa non presenta unha unidade política. O feudalismo acada,
durante este período, o seu máximo apoxeo, o que contribuirá decisivamente ao
fortalecemento dos señoríos fronte ao debilitamento da autoridade real.

No caso da Península Ibérica esta situación está máis agudizada xa que tras a
invasión musulmá no 711 atopamos dúas civilizacións paralelas e en moitos casos
enfrontadas: a cristiá e a musulmá. Durante os séculos XI e XII a España cristiá
ocupa a zona norte da península: Pireneos, norte de Cataluña e Val do Douro. Por
esa razón só atopamos nestas rexións este estilo. Ademais estas rexións
atopábanse divididas en diferentes reinos de tipo feudal que loitaban en solitario
pola supervivencia fronte ao Islam (León, Castela, Aragón, Navarra, Cataluña).

Con todo, o illamento non é total, e imos ver como xunto a os artistas, a maioría
itinerantes pois se desprazan buscando traballo de vila en vila, viaxan tamén as
influencias artísticas dunhas rexións de Europa a outras. En España este proceso é
especialmente activo a través do Camiño de Santiago, camiño de entrada e de
saída de influencias como a islámica ou mozárabe, a bizantina ou a dos francos.

Un profundo sentimento relixioso caracteriza á vida nesta época. O pobo sufrira


nun clima de angustia a chegada ao ano mil que o milenarismo profetizaba como
tempo de terrores e calamidades sen fin (Isto foi denominado como terror ao ano
1000). A superación de dito ano sen que se producisen os castigos divinos, suscitou
nos fieis un espírito de acción de grazas, producíndose unha ampla renovación
relixiosa.

Cobra auxe a vida monástica. Os mosteiros convértense non só en centros de


espiritualidade senón tamén en focos de actividade intelectual, artística e
económica. Arredor agrupábanse un grande número de campesiños que traballaban
as grandes explotacións das abadías e recibían a protección das mesmas. A rápida
expansión dos mosteiros e a súa unidade de formas débense sobre todo ao poder
dos monxes beneditinos de Cluny que impón as súas regras por todo o occidente

1
europeo. A arte románica é fundamentalmente unha arte rural, monástica, fronte ao
gótico que será urbano.

Impulsada por estes abades beneditinos xeneralízase a costume de facer


peregrinacións a determinados lugares, para venerar as reliquias alí conservadas.
Os principais centros de peregrinación serán Roma, Xerusalén e Santiago de
Compostela. Nestes camiños veremos aparecer numerosas construcións románicas.

A arte románica é considerada como o primeiro estilo internacional da cultura


occidental, pois é unha arte ao servizo da Igrexa, pero hai variantes rexionais.

O románico ten un marco cronolóxico que vai desde finais do século X achegando
segundo zonas ata o século XIII. A madurez do estilo acádase nas últimas décadas
do século XI e primeiras do século XII. A partires do século XII falamos de
tardorrománico.

ARQUITECTURA.

A arte románica é ante todo unha arte arquitectónica. Comunmente pintura e


escultura concíbense como partes orgánicas do edificio.

A importancia da Igrexa, que é a principal demandante de obras de arte fai que a


arte teña unha función eminentemente relixiosa.

A característica principal e o uso sistemático de bóvedas é o emprego de


perpiaños de pedra como material construtivo. A substitución de cubertas de
madeira por cubertas de pedra solucionou nun primeiro momento o problema dos
incendios. Como consecuencia do uso de bóvedas ensánchanse os muros e
recórrese ao emprego de contrafortes no exterior. As ventás son pouco frecuentes,
normalmente de reducidas dimensións e abucinadas.

Dos tipos de planta a máis común é a basilical con cruceiro máis ou menos
sobresaínte, con unha, tres ou cinco naves. O transepto pode sobresaír ou non en
planta. A cabeceira pode ser de varios tipos, cunha soa ábsida, con varias ábsidas
perpendiculares ao transepto, ou con xirola nas de igrexas de peregrinación. Esta
xirola ou deambulatorio é un corredor detrás do altar con capelas dispostas
radialmente.

As igrexas de planta centralizada son menos frecuentes por ser pouco adecuadas
para acoller aos fieis, pero aparecen nalgúns casos a imitación da Igrexa do Santo

2
Sepulcro de Xerusalén, como en igrexas relacionadas coas ordes de cabalaría que
loitaron nos Santos Lugares, e onde se reunían poucos fieis.

A planta en cruz latina combina o funcionalismo cun sentido simbólico: remite ao


Cristo crucificado e marca as diferentes fases que recorre o fiel dende os pés da
igrexa ata a cabeceira.

A nave central adoita cubrirse con bóveda de canón, e as laterais con bóveda de
aresta. O soporte utilizado é o piar composto: cadrado ou cruciforme con
semicolumnas adosadas nos seus frontes.

A bóveda é sostida uniformemente polos muros, que se fan grosos e con poucos
vans. Pode estar reforzada con arcos faixóns. Tamén se utiliza a bóveda de aresta,
que se forma polo cruzamento de dúas bóvedas de canón nun tramo cadrado. A
vantaxe é que a descarga dos empuxes recae sobre catro puntos, o que permite
unha maior repartición das cargas.

A cúpula utilízase para cubrir o cruceiro, sostida por pendentes ou trompas. No


exterior da cúpula cóbrese cunha torreciña ou ciborio.

Se hai varias naves o sistema complícase. Para iluminara nave central esta debe
ser máis elevada, abríndose pequenas xanelas na parte superior. O peso da cuberta
debe descansar sobre a arquería que separa as naves, sostida á súa vez por grosos
piares. As naves laterais contrarrestan o empuxe da nave central. Estas á súa vez
descargan o peso nos muros, que se reforzan no exterior con contrafortes.

Os arcos son de medio punto. Úsanse tanto na estrutura (bóvedas, arquerías,


portadas, vans) como na decoración.

EVOLUCIÓN DA ARQUITECTURA.
As primeiras manifestacións da arte románica aparecen en Italia e a Borgoña
(Francia), estendéndose rapidamente cara Cataluña e no noroeste de Francia en
Normandía. Trátase do que coñecemos como primeiro románico (finais do século
X-segundo terzo do XI)

En Borgoña (Francia) destacan as sucesivas reformas e reconstrucións do Mosteiro


de Cluny, casa nai da orde que tivo un importante papel na difusión do románico. Alí
é onde xurde a Reforma Cluniacense que vai a estender o estilo.

En Italia non se atopan estruturas arquitectónicas importantes. O que destaca é a


aparición dun léxico ornamental nos muros polo emprego de faixas e arcos de
resalte sobre o paramento, moitas veces combinadas, dando lugar agrandes arcadas
que decoran o muro.
3
En Cataluña o abade-obispo Oliba introduce as prácticas beneditinas e promove a
construción de varias igrexas de interese como San Vicente de Cardona. Esta é
unha igrexa de planta basilical con tres naves. Ten bóveda de canón na nave central
e de aresta nas laterais, correspondendo tres tramos nas laterais por cada tramo da
central. Nos muros exteriores recibe a decoración de bandas lombardas.

Do románico pleno (último terzo do século XI- primeiras décadas do século XII)
atopamos abundantes exemplos en Francia. Na zona de Borgoña é importante o
influxo dunha nova fábrica da Igrexa do mosteiro de Cluny, que tería unha ampla
cabeceira con deambulatorio. Non a conservamos pero o seu influxo apréciase en
Santa María Madalena de Vezelay.

En Aquitania temos dous importantes exemplos de igrexas de peregrinación Santa


Fé de Conques e San Saturnino de Toulouse.

Na zona de Provenza destaca San Trófimo de Arlés con fachada rematada con un
frontón triangular por inspiración romana.

En Italia as igrexas amosan solucións técnicas sinxelas e cubertas de madeira.


Máis éxito ten a organización dos muros exteriores, dinamizados con columnas e
arquerías como vemos no conxunto da catedral de Pisa.

ARQUITECTURA ROMÁNICA NOS REINOS HISPÁNICOS.


Os monarcas hispanos introduciron as novas ordes reformadoras europeas para
substituír as vellas regras monásticas. Isto trouxo a implantación da liturxia romana
en detrimento do vello ritual hispanovisigodo. Ambas reformas ían acompañadas
dunha nova linguaxe arquitectónica.

Entre Galicia e o Pirineo, no Camiño de Santiago, produciranse as primeiras


manifestacións do románico pleno na Península. As influencias do románico francés
combínanse coas propias (musulmás, asturianas, visigodas) para dar lugar a un
estilo propio, que se repite ao longo de todo o Camiño e que culmina en
Compostela.

A catedral de Xaca, no inicio do Camiño, exerce unha gran influencia sobre as


demais. É unha igrexa con tres naves coroadas por ábsidas semicirculares sen
transepto sobresaínte en planta. Por influencia mozárabe vemos unha bóveda de
nervios cruzados no cruceiro sostida por trompas. A cuberta orixinal foi substituída
por bóvedas góticas.

Edificio: Igrexa de San Martín de Frómista Autor: descoñecido


Cronoloxía: S XI (1066)(Románico pleno) Localización: Frómista (Palencia)
4
San Martín de Frómista (Palencia). Presenta influencia de Xaca na súa planta.
Planta basilical articulada en tres naves cubertas con bóveda de canón. A nave
central é case o dobre de ancha que as laterais, separadas mediante piares
cruciformes. No cruceiro levántase un ciborio de tambor octogonal. A fachada
occidental está flanqueada por torres semicirculares.

San Isidoro de León. Foi fundada por Fernando I en honra de San Isidoro de
Sevilla. Existiu unha igrexa primitiva que seguía o modelo de Xaca e Frómista con
transepto non sobresaínte en planta. Desta Igrexa só se conserva o pórtico usado
como panteón Real. No século XII reconstrúese a Igrexa, adoptando un novo
modelo que incorpora un gran transepto. Ten tres naves, a central mais alta, con
grandes xanelas obre a arquería. Ten bóveda de canón na nave central e de aresta
nas laterais. Na cabeceira presenta tres ábsidas aliñadas. No transepto aparecen
grandes arcos polilobulados de influencia musulmá.

Edificio: Catedral de Santiago de Compostela

Autores: Bernardo o vello; Estevo, Bernardo o Mozo; Mateo.

Cronoloxía: 1075-1188 (románico pleno-tardorrománico)

Localización: Santiago de Compostela.

A Catedral de Santiago de Compostela.

O actual edificio románico (séculos XI e XII) levántase sobre os restos de dúas


antigas basílicas prerrománicas dos séculos IX e X. Foi construído en catro etapas,
nas primeiras, as influencias máis evidentes son de tipo languedociano (piares
compostos, arcos peraltados, bóvedas de canón con faixóns...) Na última etapa
predominan as influencias borgoñonas (triple portadas, arcos apuntados, bóveda de
cruzaría... etc.)

5
Cara o 1200-1212 debeuse de concluír o edificio levantando a fachada occidental
(de tipo normando con dúas torres cadradas e rosetón central) e as escaleiras de
acceso. Non obstante as obras non se detiveron. Reedificouse o claustro en dúas
ocasións (s. XIII e XIV) e engadíronse as capelas de padroado privado ou gremial
rompendo a primitiva harmonía do edificio. Por elo, no século XVII decidiuse
recuperar a unidade disfrazando a catedral con fachadas-telón barrocas (praza da
Quintana, Azabachería), rematando as obras no século XVIII coa construción da
fachada do Obradoiro (Casas Novoa).

As basílicas prerrománicas: O descubrimento da tumba do Apóstolo polo bispo


Teodomiro nos primeiros anos do século IX foille comunicado ó rei asturiano
Afonso II quen ordenou construír unha igrexa sobre o sepulcro que Teodomiro
atopara. Dela apenas quedan restos, aínda que pola cimentación que apareceu nas
escavacións sábese que tiña tres naves e unha cabeceira rectangular que englobaba
o primitivo sepulcro apostólico. Pronto esta igrexa quedou pequena polo que foi
reconstruída durante o reinado de Afonso III, sendo consagrada polo bispo
Sisnando no ano 899. Desta segunda basílica, de tres naves como a anterior,
quedan algúns restos que permitiron reconstruíla planta. Esta igrexa foi destruída
por Almanzor no 997, reconstruída por San Pedro de Mezonzo nos primeiros anos
do século XI e derrubada a finais do mesmo século para construír a Igrexa actual.

Baixo a catedral hai pois un antigo sepulcro romano, unha necrópole sueva e as
basílicas afonsinas. O problema estriba en que os restos máis antigos son, como
moito, de finais do século II co que queda un lapso de 150 anos coa época do
hipotético enterramento do apóstolo.

A Catedral románica: O edificio actual responde aos esquemas das Igrexas de


peregrinación (3 naves, a central dobre, cabeceira con xirola e capelas radiais) con
paralelos en Francia (San Saturnino de Toulouse e Santa Fe de Conques). A obra
desenvólvese en catro fases:

6
1ª Fase (1075-1088) O bispo Diego Peláez encarga as obras levadas a cabo por
Bernardo o Vello e Roberto (mestre de obras). Realízanse as tres capelas centrais e
os tramos correspondentes da xirola (bóvedas de aresta). A capela do Salvador é
rectangular. Hai tamén contrafortes para soster o empuxe das bóvedas. As capelas
de San Xoán e San Pedro son semicirculares e abríanse á xirola por medio de
grandes arcos.

2ª Fase (1093-1105). Diego Xelmírez (bispo) / Mestre Estevo (arquitecto): remátase


a xirola (capelas poligonais e bóvedas de aresta con faixóns) e constrúense os
muros do transepto (os altares foron consagrados en 1105). No muro oriental do
transepto (o máis próximo a cabeceira) ábrense catro capelas (só queda a de San
Nicolás, modificada para servir de paso á Corticela). Os tramos do transepto
divididos por piares serven de módulos para organizalas alturas e a anchura do
resto do edificio. Tódolos cambios van unidos a unha nova concepción da
iluminación o que supón o crecemento da catedral en altura. Grazas e esta
racionalización das proporcións, a obra é totalmente harmónica, pero había o perigo
de caer na monotonía. Isto soluciónase recorrendo á alternancia de piares
compostos con núcleo cadrado ou rectangular e catro columnas adosadas que
reciben os empuxes dos faixóns e dos formeiros.

3ª Fase (1109-1122). Bernardo o Mozo: cubrición do cruceiro e primeiros tramos das


naves. Bóvedas de canón con faixóns, arcos de medio punto peraltados e piares
compostos. Continúase o proxecto anterior (as únicas diferenzas son decorativas),
sobre as naves laterais álzase a tribuna, que se abre á nave por medio de arcos de
7
medio punto xeminados (van de dous en dous). A tribuna cóbrese con bóveda de
cuarto de canón que recolle os empuxes da bóveda da nave central. É unha solución
moi complexa que permite que os muros poidan abrirse cunha dobre serie de
xanelas: as da planta baixa iluminan as naves laterais, as superiores ábrense á
tribuna, e todas elas iluminan a nave central de forma indirecta. No exterior, os
contrafortes percorren verticalmente os muros realzando a esvelteza do edificio.

Cando en 1122 se interromperon as obras da catedral, faltaban por construír os 2-3


últimos tramos das naves e a fachada occidental que, a pesar do que afirma o
Códice Calixtino, non chegara a levantarse aínda que estivese proxectada.

4ª Fase (1168-88) Mestre Mateo (arquitecto): remata as naves e constrúe a cripta


(mal chamada “catedral vella”), o Pórtico da Gloria e a Tribuna sobre o Pórtico, obras
nas que aparecen solucións que enlazan co gótico: bóvedas de cruzaría, arcos
apuntados...

Sección lateral e etapas construtivas

1168-1188, torres 1188 ss., consagración 1211 1109-1122 1093-1105 1075-1088

ARQUITECTURA CISTERCIENSE

Cluny adoptara a Regra de San Bieito que incluía a pobreza como precepto pero o
certo era que os seus mosteiros eran, en ocasións, verdadeiros palacios repletos de
luxo e os seus abades, señores feudais coa a máxima relevancia na vida mundana.
8
Algúns homes da Igrexa consideraban que os cluniacenses “dexeneraran” os
preceptos beneditinos e que era necesaria unha volta ao rigor dos primeiros
tempos.

Será na rexión de Borgoña, no ano 1098, cando Roberto de Molesmes se retirou


cos seus seguidores para facer vida monacal nun lugar illado chamado Citeaux
(Císter), cerca de Dijon,

Os sucesores de Roberto de Molesmes irán perfilando unha regra propia que non
triunfaría ata a aparición en escena de Bernardo de Claraval. El foi o encargado da
fundación do Mosteiro de Claraval (Clairvaux) e ao longo da súa vida foi capaz de
levar a Orde do Císter a súa máxima expansión, cun total de 343 mosteiros
fundados en toda Europa.

Como consecuencia da imparable actividade de San Bernardo, os monxes


cluniacenses relevaron aos cluniacenses na influencia sobre a sociedade e a Igrexa
so século XII.

Os mosteiros do Císter sitúanse en zonas inhóspitas pero con abundancia de auga,


normalmente nun lugar boscoso e illados por montañas. Eran os propios monxes ou
os laicos que traballaban con eles os que roturaban e traballaban as terras.

Esta característica colonizadora e “civilizadora” dos cistercienses será


especialmente útil no contexto hispano de pugna entre cristiáns e musulmáns.

A decadencia do Císter, apegado a unha vida feudal e rural que porén os levou a un
grande enriquecemento, ten que ver co desenvolvemento das novas ordes
mendicantes, franciscanos e dominicos, que situarán os seus conventos no ámbito
urbano e que se adaptarán mellor ás novas formas de vida das cidades.

A maioría dos edificios cistercienses son basicamente románicos, pero incorporan,


en bastantes casos e como novidade, a bóveda de cruzaría sinxela e tamén
frecuentemente o arco apuntado.

A arquitectura cisterciense é coñecida pola súa sobriedade. A diferenza das


igrexas parroquiais ou monásticas de Cluny, as do Císter pintábanse de branco, non
empregando pinturas murais figuradas e as fiestras só podían ter vidros
transparentes. Iso da a Igrexa unha grande luminosidade (a pesar de que o templo
cisterciense non dispoñía de grandes ventanais nin se tendeu á desmaterialización
do muro, como no gótico).

A austeridade ornamental estaba pensada para illar ao monxe na súa meditación e


na oración, para que non puidese distraerse con pinturas, esculturas, nin vidreiras
9
cromáticas. Non se pode considerar como un medio de aforro, xa que o mosteiro
cisterciense foi custosísimo de levantar. As dimensións das construcións
cistercienses a miúdo eran catedralicias, estaban completamente abovedadas e se
edificaban con paramentos de perpiaños moi regulares.

As abadías cistercienses respondían a un vasto programa construtivo que


comprendía instalacións tan diversas como a hospedería, a enfermería, o muíño. O
núcleo monacal propiamente dito compoñíase das dependencias residenciais e da
igrexa, o eixe era o claustro coas súas catro galerías.

Os claustros cistercienses tiñan as súas galerías abertas por arcos sobre esveltas e
elegantes columnas pareadas e con capiteis de exquisita labra. De feito, a
austeridade da arquitectura cisterciense vólvese fina e delicada nos claustros e
outras dependencias que se organizan arredor, especialmente as salas capitulares.

A aparición da Orde do Císter en España e os seus edificios crearon unha grande


influencia na arquitectura cristiá peninsular nos séculos XII e XIII.

Edificio: Mosteiro de Santa María de Oseira

Autor: Descoñecido. Cronoloxía: 1137 (primeira metade do século XII)

Estilo: cisterciense. Localización: Oseira, Ourense.

O Mosteiro de Santa María de Oseira e orixinario


do século XII, está situado na provincia de Ourense,
no concello de Cea.

Este mosteiro foi a primeira fundación do Císter en


Galicia. Xa antes existía un mosteiro fundado por
uns eremitas. En 1141 decidiron seguir a regra
cisterciense e chegaron novos monxes dende o
propio Claraval. Desta forma o Mosteiro de Oseira
convértese no emblema do Císter en terras galegas,
semente que se propagaría en numerosos lugares de
Galicia.

A Igrexa ten planta de cruz latina con tres naves e


cruceiro. A bóveda da nave central é de canón
apuntado con faixóns. Ábrense ventanais de medio
punto no arranque da bóveda. A cabeceira imitaba á
de Santiago con xirola e capelas, aínda que hoxe

10
están moi modificadas. Na arquitectura bernarda era mais común unha cabeceira
recta. Rodeando o altar maior aparecen arcos apuntados apeados en grosas
columnas. No presbiterio cóbrese con bóveda de cruzaría con catro nervios. Na
ábsida bóveda de cruzaría con oito nervios e sete plementos cóncavos. A solución
innovadora das bóvedas de cruzaría.

As naves están separadas por piares de sección cruciforme con columnas


adosadas. Na labra dos capiteis, prescíndese do figuración –só hai un con cegoñas
enfrontadas- e óptase polas formas vexetais con follas lisas.

No cruceiro, unha cúpula nervada sobre pendentes con ciborio octogonal, algo
máis tardía.

A igrexa e o mosteiro ten moitos engadidos de épocas posteriores. Coa


desamortización de Mendizábal no século XIX, o mosteiro quedou abandonado,
entrando nun proceso de ruína que se comezou a solventar coa volta dos monxes no
século XX, iniciouse unha labor de restauración que lle devolveu o seu antigo
esplendor.

ARTES FIGURATIVAS: ESCULTURA E PINTURA

No século XI superáronse definitivamente as reservas que houbera ata entón de


representar as persoas sagradas. As imaxes familiarizaban aos fieis co Evanxeo e
transmitían a imaxe da Igrexa como camiño de salvación. Ao longo da Idade Media
a plástica románica vai a ir evolucionando progresivamente.

Localización e temas da escultura e a pintura románicas.


A arquitectura está deseñada para difundir esta mensaxe e, por este motivo
aparecen elementos como o tímpano, o parteluz, os canzorros, as arquivoltas ou os
capiteis, que serven de soporte da escultura. Por outro lado escultura e pintura están
subordinadas a arquitectura.

A plástica románica basea as súas fontes nos sarcófagos paleocristiáns, os beatos


inspirados na Biblia (apocalipse), Evanxeos Apócrifos e bestiarios (relatos
fantásticos sobre animais con ensinanza moral).

A igrexa románica é a imaxe da Xerusalén celeste e tamén medio de Salvación


porque nela se dispensan os sacramentos. Por este motivo, no seu interior
(xeralmente na ábsida) e no tímpano da portada principal aparece o pantocrator ou
Maiestas Domini (Maxestade do Señor). Na maioría dos casos, Cristo aparece como
o describe o apocalipse de San Xoán, sentado na bóveda celeste, bendicindo e
11
sostendo os evanxeos, entre as letras alfa e omega. Tamén se toma do Apocalipse
outras imaxes de Cristo, mostrando as chagas das mans ou como Cordeiro.

A imaxe de Cristo procede da iconografía siríaca de tradición bizantina: adulto, con


barba, pelo e tez escuros. É hierático e distante. O nimbo coa cruz significa a súa
dobre natureza, sagrada e terreal, e a mandorla (améndoa) que o rodea representa o
máis alá do tempo e do espazo.

Rodeando ao Cristo aparecen os “Catro seres viventes” do Apocalipse


(Tetramorfos) que a tradición identificou cos evanxelistas, criaturas aladas; co
aspecto dun home (San Mateo), un aguia (San Xoán), un touro (San Lucas) e un león
(San Marcos). Todos sosteñen un libro, o evanxeo.

Completando a descrición do Apocalipse aparecen outras personaxes que tamén


poden situarse no tímpano, o lintel ou as arquivoltas: uns anxos cos símbolos da
Paixón (columna, coroa de espiñas, a lanza, a cruz) ou con símbolos do triunfo de
Cristo (incenso, estandartes), outros que chaman ao Xuízo e vinte e catro anciáns
que tocan instrumentos musicais tamén mencionados no Apocalipse.

Nalgunhas representacións á dereita de Cristo aparecen os salvados e, a súa


esquerda, os condenados, xunto aos que se describe con detalle e imaxinación as
penas do inferno.

Na portada principal dalgunhas igrexas atopamos a Ascensión (subida ao ceo de


Cristo). Aparece na mandorla, baixo a forma de Pantocrátor, como Crismón ou
Cordeiro elevado ao ceo por dous anxos

No lintel aparece frecuentemente o apostolario, a sucesión dos doce apóstolos,


xeralmente coa virxe no centro, son intermediarios entre o Ceo e a Terra.

Como antecesores de Cristo podemos atopar nas xambas imaxes de profetas ou


reis do Antigo Testamento e tamén os apóstolos e, no parteluz, ao santo ao que se
consagra a igrexa.

Nas portas do transepto e os muros atopamos escenas da vida e da paixón de


Cristo e do antigo testamento, e calendarios con tarefas do campo ou con signos do
zodíaco que aluden a Cristo como Señor do Tempo. Nos capiteis das columnas que
separan as naves atopamos estes mesmos temas e tamén asuntos moi variados que
formaban parte do repertorio figurativo dos mestres. Imaxes da vida cotiá, alegorías
do pecado e do inferno representadas por criaturas monstruosas ou animais
(bestiarios), decoración xeométrica vexetal, etc.

12
Nos canzorros e nos capiteis de claustros e pórticos aparecen escenas profanas,
incluso asuntos triviais ou grotescos, que aluden a condición terreal do home, a súa
caída e os pecados.

Características xerais da escultura románica:

A escultura románica é case exclusivamente relixiosa.

Caracterízase por un marcado antinaturalismo, é dicir, non pretende representar a


realidade tal e como é senón que responde a unha linguaxe convencional. Aínda que
utilice elementos naturais non lle importa deformalos, xa que o que interesa son os
contidos das mensaxes. Ten unha función didáctica.

Atópase subordinada a arquitectura. Isto obrigará a adaptar as proporcións e a


forma das figuras á arquitectura (lei do marco).

En canto aos aspectos formais hai que destacar:

Material: pedra e madeira policromada (sobre todo no caso do vulto redondo).

Será case sempre en relevo, xa sexa en capiteis ou en fachadas, aínda que hai
algúns casos de escultura en vulto redondo.

Movemento: é pouco o movemento que hai porque son figuras moi ríxidas. Cara o
final do románico a veces hai comunicación entre varias figuras.

Expresión do rostro: os rostros son serios, non teñen moita sutilidade nas súas
expresións.

Formas: moi xeométricas (como as formas arquitectónicas) e desproporcionadas. A


cabeza adoita ser moito máis grande que o resto do corpo.

Composición. Non hai moita relación entre as figuras. Non deixan moito espazo
entre si. Non se comunican demasiado, a pesar de estar unha xunto as outras
parecen estar soas.

Localización:

-Portadas: tímpano, arquivoltas, capiteis, xambas e parteluz. As das arquivoltas


soen dispoñerse en sentido radial, e dicir, seguindo a dirección das doelas.

-Capiteis. No interior e exterior das igrexas e dos claustros.

-Placas claustrais: nas esquinas dos claustros.

-Canzorros.
13
PRINCIPAIS EXEMPLOS DA ESCULTURA ROMÁNICA

FRANCIA

Título: Tímpano de Santa Fe de Conques Autor : descoñecido

Cronoloxía: Século XII. Románico Tipoloxía: relevo

Material: pedra Localización: Igrexa de Santa Fe de Conques

Tímpano da Igrexa de Santa


Fe de Conques (s XII). Na
fachada occidental de esta
igrexa de peregrinación
atopamos a representación do
Xuízo final.

Neste tímpano apreciamos tres


rexistros ou niveis superpostos,
perfectamente divididos e
compartimentados. No centro
atópase o pantocrator ou
Maiestas Domine e ao seu redor se distribúen os demais personaxes. O tema do
tímpano é o Xuízo Final.

Xunto a figura de Deus aparecen os anxos que portan instrumentos da paixón,


acompañados de medallóns que personalizan o Sol, e a Lúa. A partir de aquí
represéntase o repertorio do Xuízo Final.

A dereita de Cristo represéntanse os elixidos, santos e personaxes relacionados


con esta igrexa, encabezados pola Virxe e San Pedro.

No rexistro inferior, vemos a San Miguel pesando as virtudes e os pecados das


almas, e as portas do Paraíso e do Inferno. Na parte inferior dereita é onde se
representan os demos e se desborda a imaxinación os escultores. No mesmo nivel,
no outro extremo represéntase o Paraíso.

ESCULTURA EN ESPAÑA

A cantidade de obras de escultura románica que hai en España é inmensa.

Claustro de Santo Domingo de Silos (Burgos). Ademais dos capiteis con


diferentes representacións de tipo fantástico e outros vexetais, nos piares das
esquinas do claustro represéntanse temas relacionados coa morte e resurrección de
14
Cristo. Seis deles son románicos, do século XI, aínda que con claras diferenzas
estilísticas, e outros pertencen ao século XII.

A Ascensión de Cristo e O Pentecostés son as escenas máis antigas, do século XI,


polo que representan un esquema compositivo moito mais arcaico, no que as
figuras se repiten unhas iguais a outras amontoándose nunha dobre fileira. A falta
de naturalismo é acusada: figuras esquemáticas, planas, ríxidas, repetitivas nos seus
xestos.

En O enterro a imaxe aparece dividida en dúas escenas, na inferior xacen


durmindo os gardiáns do sepulcro, e por encima Cristo morto é introducido no
sepulcro por Nicodemo e Xosé de Arimatea. A laxa do sepulcro aberta, sostida polo
anxo da resurrección, divide esta escena en dúas. Na parte superior aparecen as
tres Marías. Formalmente é unha representación moi primitiva, con figuras moi
esquemáticas, ríxidas, de escaso volume e escasa individalización.

As escenas do século XII son: A Crucifixión que representa o momento do


descendemento. Baixo a cruz, Adán, o pai de todos os homes, abre a tapa do seu
sarcófago para resucitar (existía unha lenda segundo a cal Adán foi enterrado baixo
a árbore coa que logo se fixo a cruz de Cristo, de tal maneira que na cruz de Cristo
simbolízase o pecado de Adán e a redención de Cristo a través da morte).

Título: A dúbida de Santo Tomás Autor: Primeiro mestre de Silos

Cronoloxía: Século XII. Románico

Tipoloxía: relevo Material: pedra

Localización: Mosteiro de Santo Domingo de Silos


(Burgos)

A escena da Dúbida de Tomás, coas figuras dos


apóstolos en diferentes ringleiras, dirixindo a súa
mirada cara Cristo e Santo Tomás. A forma e algo
máis naturalista e nos xestos, na postura de brazos e
pernas e nunha maior individualización das figuras.
Por enriba represéntase unha muralla almenada con
torres, onde dous homes e dúas mulleres tocan
trompetas e pandeiros, escena moi pouco usual na
arte románica.

15
Cristo en Emaus: é unha das mais tardías, con maior interese polo naturalismo na
figura, as túnicas, o movemento, os rostros, a maior monumentalidade. Mesmo na
forma en que a figura se independiza do marco arquitectónico (a cabeza de Cristo
sobresae do semicírculo). É curioso que Cristo apareza coma un peregrino a
Santiago, coa cuncha sobre o zurrón, nunha clara alusión ao camiño de Santiago, no
que se atopa o convento.

San Xoán da Pena destaca polo seu claustro no que atopamos capiteis
fermosamente labrados.

Terceiro cuarto do século XII.

Consérvanse 26 capiteis historiados que narran escenas do Xénese, Caín e Abel, a


natividade, a Epifanía, episodios de San Xoán Bautista, da vida pública de Xesús e a
Última Cea

Título: A Última Cea. (capitel historiado do claustro de San Xoán da Pena).

Autor: Mestre de San Xoán da Pena ou Mestre de Agüero

Cronoloxía/estilo: Terceiro cuarto do século XII 1145-1175 románico

Material: pedra Localización: Real Mosteiro de San Xoán da Pena (Huesca)

O máis famoso é o que representa a


última cea. Ten unha factura moi
esquemática, pero sobresae pola súa
vontade narrativa, pola expresividade da
composición e polo gusto polo detalle.

Vemos como Xesús lle está a ofrecer


un anaco de pan ao apóstolo que ten a
súa dereita. Este apóstolo é identificado
como Xudas e parece que lle está a
coller o peixe do prato de Xesús, isto
sería un símbolo da súa traizón.

Vemos unha moi evidente adaptación ao marco das figuras. Estas figuras son
claramente desproporcionadas e teñen un canon moi curto. É moi característico
deste mestre os ollos bulbosos e a curva supracilar moi marcada.

A CATEDRAL DE SANTIAGO. ESCULTURA.

16
Existe un claro paralelismo entre as fases de construción da catedral e a obra
escultórica á que se lle pode aplicar a mesma periodización. Na primeira fase
(capiteis das capelas centrais) a escultura se emparenta cun círculo ou taller activo
no Camiño de Santiago cuxos orixes atópanse na Catedral de Jaca.

Na segunda fase, os capiteis manteñen vínculos co que se está facendo no Camiño


de Santiago, seguen os mesmos elementos decorativos pero introdúcense novos
modelos con decoración de entrelazo entre as que poden aparecer figuras animais
ou humanas. Tamén hai capiteis historiados pero menos frecuentes.

Cara o 1100 proxectouse o programa iconográfico completo para as tres portadas


que representarían en conxunto toda a historia da Humanidade; creación, pecado e
promesa de redención. Non obstante, o programa nunca chegou a executarse
completamente e ademais, a primitiva fachada do Paraíso (hoxe Azabachería), foi
destruída por un incendio en 1117. Algúns do seus restos foron reutilizados na actual
Praterías, a súa disposición lembra bastante á orixinal do Paraíso.

Portada do Paraíso: É a portada norte ou a actual Azabachería. Consérvanse


algunhas pezas e a descrición do Calixtino que permitiron unha reconstrución
hipotética. Nela se representaba o dualismo Pecado/Redención. Traballan nela tres
mestres: o mestre do cordeiro, o mestre da traizón e o de Praterías

Título: Portada de Praterías

Autores: Mestre Estevo (arquitectura), Mestre de Praterías, Mestre do Cordeiro,


Mestre da traizón…

Cronoloxía/ estilo: Principios século XII, Románico Pleno.

Localización: Catedral de Santiago de Compostela

Portada de Praterías (Principios do s. XII): É a portada sur e a única fachada que


queda en estilo románico actualmente.

Estruturalmente o conxunto organízase en dúas portas coas súas arquivoltas de


medio punto abucinadas, tímpanos esculpidos e xambas de columnas adosadas.
Presenta un aspecto un tanto desordenado polas desfeitas do incendio do ano 1117
e os engadidos de relevos procedentes da desaparecida fachada norte. A portada
dedícase a Cristo na súa dobre natureza: humana e divina

No tímpano dereito (dende o punto de vista do espectador) represéntanse:

17
No rexistro superior: a Epifanía: os Reis Magos axeónllanse ante a Virxe co neno
cuns anxos a cada lado, e o demo.

No rexistro inferior represéntanse escenas da Paixón (o Prendemento, Xesús


atado a columna, a coroación de espiñas) e o milagre da curación do cego. Xesús
como home na Paixón e como fillo de Deus facendo un milagre e sendo adorado
polos Reis Magos)

Tímpano esquerdo. Represéntanse as Tentacións de Cristo e o seu triunfo sobre o


pecado. No marxe dereito represéntase unha muller cunha caveira no regazo (Eva ou
a “muller adúltera”).

O friso, as xambas, as columnas e nos muros laterais son as áreas de maior


desorde, mestúranse pezas de distintas procedencias e temáticas: A transfiguración,
Cristo e os Apóstolos, escenas do Xénese (creación de Adán, creación de Eva e
expulsión do Paraíso), o rei David tocando un instrumento musical...

Diferénciase a man dun mínimo de tres mestres (por orde cronolóxica):

-O denominado mestre de Eva ou mestre de Praterías autor da creación de Adán,


David, Eva con cranio..., as súas anatomías son coidadas, os rostros con beizos
grosos, ollos avultados e meixelas inchadas, o peiteado tratado a base mechóns
soltos e uns característicos pregados paralelos e en
U. As resonancias clásicas pódense explicar pola
utilización de modelos antigos. Algún autor identifica
a este mestre con ESTEVO, arquitecto que traballou
na segunda fase construtiva da catedral.

O rei David. É obra do mestre de Praterías. Está


situado no paramento lateral esquerdo de dita
fachada.

Aparece como rei coroado, vestido con túnica e


manto. Está sentado sobre un trono con dosel e
patas conforma de garra de león. Tocando un
instrumento tipicamente medieval (un laude ou
unha viola, que non un arpa como nos conta a
biblia). Os pes, vistos dende arriba, pisan un
animal con garras, un demo, simbolizando así o
triunfo sobre o mal.

18
Apenas hai volume, as pernas e o instrumento non se elevan suficientemente.
Rompese lixeiramente a frontalidade con xiro da cabeza. Compositivamente hai
un claro eixe vertical cortado polas liñas en aspa das pernas cruzadas.

A muller adúltera, da mesma autoría.


Algúns autores defenden que sería a
representación de Eva como símbolo
do pecado orixinal. Segundo o
Calixtino aludiría ó adulterio: "Junto a
la tentación del Señor está una mujer
sosteniendo la cabeza putrefacta de
su amante, cortada por su propio
marido, quien le obliga dos veces al
día a besarla. ¡Oh cuán grande y
admirable castigo de la mujer adúltera
para contarlo a todos!". Senta sobre
unha cadeira de tesoiras que remata
en garras de león abaixo e en cabezas
do mesmo animal no alto.

Destacan as súas formas sinuosas,


redondeadas, transmitidas a través da
túnica que viste e que deixa á vista a perna e o peito esquerdo, engadindo unha
nota de sensualidade.

-O mestre do cordeiro é o autor do Pantocrátor o nome deriva de que traballou


tamén na “Porta do cordeiro” de San Isidoro de León. Caracterízase pola monotonía
en panos e anatomías, volumes xeometrizados, formas pulidas, frontalidade, rostros
inexpresivos. Certos trazos da faciana (ollos, beizos, fazulas) son semellantes aos do
mestre de Praterías pero inexpresivos.

-Mestre da traizón: traballa no tímpano dereito de Praterías (curación do cego,


prendemento), na expulsión do Paraíso... o seu estilo moi narrativo, é case de vulto
redondo. Son características as pupilas escavadas, os bigotes coas guías cara arriba
e os grosos pregados de sección cilíndrica.

-Algunhas outras figuras como a Flaxelación e a Coroación de espiñas serían obra


dun cuarto mestre, denominado mestre de Conques ou das tentacións:cabezas

19
cúbicas, figuras de canon curto, pés de lado, calzados con botíns e peiteados
semiesféricos iguais ós dalgunhas figuras de Conques.

-Aínda habería un quinto mestre, mestre da Transfiguración, sería o autor


dalgunhas figuras cun estilo máis avanzado,probablemente foron pensadas
orixinalmente para a portada occidental (hoxe Obradoiro que se construiría anos
máis tarde).

Título: Pórtico da Gloria Autor: Mestre Mateo e o seu obradoiro

Cronoloxía/Estilo: 1168-1188 Tardorrománico

Tipoloxía: relevo Localización: Pórtico occidental da catedral de Santiago de


Compostela.

O Pórtico da Gloria.

É sen dúbida a obra cumio da arte románica presentando unha perfecta síntese
entre elementos arquitectónicos e escultóricos.

Sabemos que comezou a construírse ó redor de 1168 e rematouse en 1188


segundo consta na inscrición dos linteis na que se menciona a un magister
Matheum que dirixiu as obras. E discutible se Mateo foi escultor ademais de o
planificador do conxunto que inclúe a cripta, o Pórtico e a tribuna formando un todo
unitario. A concepción arquitectónica é de raíz francesa aportando novidades, como
as bóvedas nervadas, que se utilizan, quizais por primeira vez, na Península.

Mateo substitúe unha primitiva fachada. Resolve realizar un nártice monumental


flanqueado por torres xemelgas de base cadrada. Para salvar o desnivel do terreo,
construíse un grande basamento conformado pola cripta, coñecida como catedral
vella.

Toda a estrutura concíbese cun complexo simbolismo: a cripta -situada debaixo do


Pórtico- é a zona terrea na que o sol e lúa -esculpidos nas claves da bóveda-
proporcionan a luz. O Pórtico representa unha zona celestial, a Gloria, na que ten
lugar o Xuízo Final e, por último, a tribuna superior, iluminada por uns óculos,
simboliza á Xerusalén Celeste na que “non fará falta nin sol nin lúa porque o Año
será a luz” (na clave da bóveda aparece efectivamente un año esculpido).

O material empregado é fundamentalmente granito. Ten policromía aínda que de


diferentes épocas.

20
Mateo tamén foi o escultor do claustro románico da catedral, que foi substituído no
século XVI, e do coro pétreo que foi destruído no século XVII, algunhas das súas
figuras están na porta santa na praza da Quintana.

Debemos considerar o Pórtico da Gloria como una obra de transición


(tardorrománica) pois o naturalismo nas actitudes e nas facianas están a anticipar o
gótico. O pórtico quedou cuberto pola superposición da fachada barroca do
Obradoiro.

O nártice é cuberto de bóvedas de cruzaría, a portada divídese en tres arcos


correspondendo coas naves da catedral. O arco central é o dobre de grande que os
laterais, está dividido por un parteluz coa figura do apóstolo.

A iconografía é moi complexa e non hai unha interpretación unánime. Considerase


que é a plasmación do Apocalipse de San Xoán, segundo o cal o templo representa
a nova Xerusalén.

No centro do tímpano maior aparece Cristo coroado e ensinando as chagas. É


hierático, coroado como rei, en tamaño maior que o resto das figuras acorde coa
perspectiva xerárquica, cos brazos abertos, misericordioso, non ameazante, que
ofrece a salvación.Aparece rodeado polo Tetramorfos (os catro evanxelistas cos
seus respectivos símbolos: Lucas, touro; Marcos, león; Xoán, aguia; Mateo escribe
sobre un ábaco –en recordo do seu oficio de cobrador de impostos- pois non sería
propio facelo sobre o anxo que é o seu símbolo). A ambos lados, un grupo de anxos
que levan atributos da paixón (columna, lanza, coroa de espiñas, etc.). Arriba, unha
multitude de 38 figuras humanas (as 12 tribos de Israel e a corte celestial, que
representan aos elixidos que contemplan a Gloria.

A arquivolta acolle os 24 anciáns do apocalipse con instrumentos musicais.

No parteluz, o Apóstolo Santiago sobre unha columna que representa a “árbore de


Jessé” que simboliza a xenealoxía de Cristo.

No arco da dereita, ten lugar un Xuízo Final bastante atípico (as figuras da clave
son Deus e San Miguel), a dereita os condenados son torturados por grotescos
demos mentres que na metade esquerda do arco, as almas dos elixidos son
arroupadas por anxos que os levan a Gloria.

21
22
O arco da esquerda reflicte temas do Antigo Testamento (creación de Adán e Eva,
cativerio das tribos de Israel...) baixo a idea xeral da espera dos xustos pola chegada
do Salvador. Este arco ten tres arquivoltas, unha delas con motivos vexetais.

As columnas que sosteñen o Pórtico apóianse sobre un bestiario de animais


monstruosos de difícil interpretación, aínda que para a maioría dos historiadores
simbolizan o paganismo, e sobre os restos do paganismo levántase a Igrexa cristiá.

Nas xambas do van central represéntase o Antigo Testamento simbolizado polos


Profetas e o Novo Testamento polos Apóstolos. No piar da dereita os apóstolos, de
curtas e coidadas barbas portando códices, na esquerda os profetas (ou sen barba
como Daniel), con longas barbas e portando un rolo, pois non son autores de
escritos. Son os enviados de Deus para difundir a súa mensaxe, ao tempo que
actúan de intermediarios entre os peregrinos (abaixo) e Deus (arriba).

De entre os profetas temos a Xeremías, triste a causa das súas profecías que
anunciaban a paixón de Cristo, xunto a el Daniel sorrinte porque anuncia a chegada
do Salvador; Isaías sostén un pergamiño; e Moisés levanta as Táboas da Lei.

No piar dos apóstolos están: San Pedro, ataviado como sumo pontífice coas chaves
do Reino de Deus, San Pablo descalzo, Santiago e San Xoán mozo en pe sobre unha
aguia.

Unha pequena estatua na parte posterior do parteluz asociouse sempre co Mestre


Mateo axeonllado mirando cara o interior do templo. Coñécese tamén como santo
dos croques pola costume de chocar alí as cabezas dos estudantes.

As figuras relaciónanse entre elas, conversan, de modo que o espectador


convértese nun intruso da sacra conversación, estas relacións espaciais entre as
figuras son un concepto novo.

No referente ao estilo pártese das formas románicas, pero trunfa xa o carácter


protogótico (ou tardorrománico), que se aprecia nos diversos aspectos:

-O naturalismo na representación dos anciáns, profetas e apóstolos.

-A expresión de sentimento no sorriso do profeta Daniel ou na tristeza de


Xeremías.

-As figuras conversan, establecendo unha comunicación entre elas, poñendo fin
ao hermetismo do románico.

23
-Acrecéntase o volume das figuras, que se liberan do marco arquitectónico
(xustapóñense á columna, non se fusionan con ela), como se fai evidente no
tratamento das esculturas dos apóstolos e profetas das xambas.

-Téndese á idealización maxestosa na figura de Moisés e, sobre todo na figura


sedente do apóstolo Santiago no parteluz.

Recentemente (2018) concluíu a restauración do Pórtico da Gloria que permitiu


recuperar restos importantes de diferentes policromías de diferentes épocas.

PINTURA ROMÁNICA EN ESPAÑA

Tradicionalmente, as diferentes mostras de pintura románica conservadas na


Península Ibérica asócianse á corrente bizantina e a mozárabe, que deron lugar a
dúas grandes escolas da pintura románica, a catalá e a castelá-leonesa.

A corrente bizantina penetraría en España por Cataluña proveniente de Italia, do


mesmo xeito que a arquitectura, onde a influencia lombarda é moi forte. A influencia
mozárabe pasaría dende Al-Andalus a todos os territorios cristiáns, aínda que
principalmente a Castela e León, onde a reconquista liberara de presenza musulmá
un extenso territorio ata o val do Teixo (no século XI -185- Afonso VI toma Toledo).

A pintura en moitos caso cubría completamente o interior dos templos románicos


pero en relación a isto quedan poucos exemplos.

Pinturas do Panteón Real de San Isidoro de León


Título: Anunciación aos pastores Autor: descoñecido
Cronoloxía: s XII Románico pleno Técnica : fresco e temple.
Localización: Panteón dos Reis, Real Colexiata Basílica de San Isidoro (León).

24
Están situadas no teito do Panteón Real e son as mellor conservadas de toda a
Península. Son de finais do século XI. Narran escenas do nacemento de
Cristo(Anunciación, Adoración dos pastores, a matanza dos inocentes...), da Paixón
(última cea e Crucifixión). No centro o Pantocrator rodeado do Tetramorfos.

Pinturas da Capela de Santa Cruz de Maderuelo (Segovia). Principios do XII. As


pinturas atópanse hoxe no Museo do Prado, recreando a capela orixinal. Nun
extremo vemos a creación de Adán e o pecado orixinal.O estilo deste artista foi
sempre considerado próximo ao do Mestre de Tahull.

Título: Frescos da ábsida de San Clemente de Tahull

Autor: Mestre de Tahull Cronoloxía: 1123, Románico pleno

Técnica: fresco e temple Localización: MNAC

As pinturas de San Clemente de Tahull actualmente están no Museo de nacional


de Arte de Cataluña. Seguen fielmente os modelos iconográficos bizantinos. Na
ábsida vemos o Pantocrator rodeado de anxos e evanxelistas, debaixo a virxe e os
apóstolos.

25
Obras (en negriña as que destaca a CIUGA):

Arquitectura: San Martín de Frómista; Arquitectura do interior da Catedral de


Santiago; Interior do Mosteiro de Oseira.

Escultura: "A dúbida de San Tomé", no ángulo do claustro de San Domingos de


Silos (Burgos), "Última cea" do capitel historiado do claustro de San Xoán da Pena
(Huesca); Esculturas de Praterías (Catedral de Santiago); Pórtico da Gloria
(Catedral de Santiago);Xuízo Final no tímpano de Santa Fe de Conques (Francia).

Pintura: Bóveda da Anunciación aos pastores no Panteón Real de San Isidoro de


León, e ábsida de San Clemente de Tahull (Lleida).

Comentario (para entregar): Interior da Catedral de Santiago.

Recorda que debes:

• Catalogar a obra: título, autor, cultura/estilo/movemento, cronoloxía (1 punto


selectividade)

• Analizar o contexto histórico-artístico no que foi realizada (1 punto


selectividade)

• Analizar e xustificar a obra seguindo os enfoques metodolóxicos da Hª da


Arte. Lembrade explicar os aspectos materiais e formais e os trazos estilísticos (2
puntos selectividade)

Definicións (para entregar)

Arco formeiro.
Arquivolta.
Deambulatorio (ou xirola)
Ménsula
Perspectiva xerárquica
Tímpano
Tribuna.
26

You might also like