You are on page 1of 2

DAVID

IDENTIFICACIÓN
TÍTULO: David
ESTILO: Renacemento. Cinquecento.
AUTORES: Miguel Anxo
CRONOLOXÍA: 1501 – 04
ENCADRAMENTO HISTÓRICO (o mesmo que para San
Pietro in Montorio)
ANÁLISE FORMAL
O David de Miguel Anxo é unha escultura de vulto redondo, de 4.34 m. de altura. Está na Galería
da Academia de Florencia. Ata 1947 a escultura estivo situada na Praza da Signoria, da mesma
cidade, onde agora pode contemplarse unha copia. É unha obra en mármore, traballada a cincel.
Para a súa realización Miguel Anxo recibiu un bloque estreito e moi alto, que levaba abandonado
moitos anos na Catedral de Florencia.
O David de Miguel Anxo representa, a gran tamaño, a este rei bíblico, ao estilo clásico:
completamente espido e como atleta, que porta na súa man esquerda unha funda (cast.”honda),
apoiada sobre o seu ombreiro, e na dereita unha pedra. Son claramente apreciables os trazos do
rostro, o cabelo rizado, a musculatura, a diartrose e o contrapposto da figura.
Miguel Anxo representa ao rei David como atleta, pero non como un atleta novo, senón como un
home na plenitude da súa vida. O artista elixiu, como motivo para a obra, o momento previo ao
enfrontamento de David co xigante Goliat (cuxa cabeza non aparece derrotada aos seus pés, como
era usual noutras representacións). Por iso, o aspecto contido e expectante que nos mostra a figura,
cos trazos típicos dun loitador que se apresta ao combate. Esa expectación tradúcese na mirada,
enormemente penetrante, e exprésase tamén mediante a tensión corporal: a musculatura (e mesmo
os tendóns e as veas) son claramente perceptibles. En definitiva, podemos falar dun movemento
contido, que se converte en pura tensión corporal.
Ademais, para que a tensión non poida confundirse cun absoluto equilibrio, Miguel Anxo emprega
o contrapposto e aumenta os volumes de certas partes do corpo, que veñen simbolizar a fortaleza
(non só nin maiormente física) do rei David. Tales trazos son claramente perceptibles no tamaño da
cabeza (cuxo canon corresponde a 1/8 do total do corpo) e na potencia e tamaño da man dereita, que
suxeita a pedra, arma que o rei empregará para derrotar a Goliat. Todo iso conduce ao concepto de
terribilitá que caracteriza varias obras do autor.
Así que, malia as limitacións do bloque de mármore utilizado, co seu David, Miguel Anxo
demostroulles aos seus contemporáneos que superara a escultura da Antigüidade ao fusionar
maxistralmente a harmonía e a beleza clásicas coa expresión, o significado e o sentimento. Incluso
Miguel Anxo sorteou a frontalidade ao lle dar un leve xiro á cabeza que invita ao espectador a
rodear a figura. Todos estes trazos converten á figura escultórica do rei David nun símbolo da
liberdade e representa os ideais renacentistas de beleza masculina.
COMENTARIO

1
A nivel sociolóxico, dicir que o David foi encargado a Miguel Anxo polos cóengos da catedral de
Florencia (lugar onde se atopaba o bloque de mármore no que se tallou) pero o seu éxito foi tan
clamoroso que, unha vez concluída a obra, creouse unha comisión onde estaban Leonardo e
Botticelli e o gremio de mercadores de la da cidade decidiu adquirila para situala na Praza da
Signoria, fronte ao Palacio, sede do goberno da cidade, de maneira que servise como un símbolo da
liberdade da república florentina. Neste sentido, a escultura é fiel reflexo da mentalidade existente
en Florencia, cidade na que as formulacións da burguesía dedicada ao comercio e a banca
atopábanse amplamente estendidas.

You might also like