You are on page 1of 2

“O DISCÓBOLO” DE MIRÓN

Identificación da obra:

• Autor: Mirón.
• Localización: Museo Nazionale, Roma (copia de
época romana)
• Cronoloxía: 450 a. C (mediados do s. V a.C)

Contexto histórico-artístico:
A Grecia antiga é considerada o berce da civilización occidental polas súas aportacións á
filosofía, á política, ás artes e á cultura xeral.
A civilización grega (que se desenvolveu entre os ss. VIII e II a.C, desenvolveuse na Península
Balcánica e illas próximas, espallándose por gran parte do Mediterráneo.
Trala victoria sobre os persas tralo final das chamadas Guerras Médicas, a civilización grega
acadaría o seu máximo esplendor nos século V e IV a.C: época Clásica.
A arte grega estaba feita á medida do Home. Buscaba a harmonía, a proporción, a racionalidade
e o equilibro como compoñentes da beleza (de aí a importancia das matemáticas nas súas
construccións e esculturas)
Centrándonos na escultura, esta disciplina artística acadou unha enorme importancia na arte
grega (importantes novidades e avances). Exercería unha gran influencia na escultura dos estilos
artísticos posteriores (na romana, especialmente, e noutros estilos moi posteriores, como o
Renacemento ou o Neoclásico).

Como características xerais da escultura grega destacan: buscaban a beleza baseada na


proporción e no canon (o equilibro das partes, tomando como referencia a medida do pulgar ou da
cabeza), seguíndose, por exemplo, os canon de Policleto ou o de Lisipo, respectivamente; o
naturalismo (Beleza Racional), procurando reproducir a natureza pero como un ideal; o estudo
da anatomía humana (antropocentrismo), cun sutil equilibro entre a beleza física exterior e os
sentimentos.

A escultura grega antiga foi evolucionando, buscando a expresión, o volumen e o movemento,


dende a época arcaica (figuras esquemáticas e ríxidas), ata chegar ao realismo da época clásica
(na que se acadou unha perfección técnica admirable), e rematando coa esaxeración “barroca” do
helenismo.

Outros trazos a destacar son o emprego como materiais do bronce (a maioría dos orixinais que
logo copiaron en pedra os romanos), e da mármore (esta moi axeitada para representar a
anatomía humana). Por outra banda, as esculturas orixinais de mármore estaban policromadas,
efecto que se perdeu co paso do tempo.
Clasificación e comentario da obra:

Trala rixidez, a frontalidade e o pouco naturalismo do período arcaico, na época clásica (séculos
V e IV a.C), acadouse un maior naturalismo (expresións máis logradas, anatomías e roupaxes
mellor traballadas), a sensación de movemento e o dominio pleno da técnica escultórica. Neste
sentido, o período Clásico sería para a escultura (como na arquitectura), a Idade de Ouro da
arte grega. Os principais escultores da época clásica foron Mirón, Polícleto e Fidias no s. V a.C,
e Lisipo, Praxíteles e Scopas no s. IV a.C.

O tema: a presente escultura representa a un atleta a punto de lanzar o disco, pero tamén é
unha representación ideal do Home. Mirón consegue avanzar no dominio realista da anatomía
humana. A disposición da figura é moi atrevida: Mirón capta o momento preciso no que o atleta
impulsa coa man dereita o disco cara atrás, para voltéalo e lanzalo despois. O xove inclínase
cara diante e xira co brazo dereito alzado, mentres o brazo esquerdo apóiase no xeonllo dereito,
tensando ao máximo cada membro do corpo do atleta. Cada membro do corpo está tensado ao
máximo, o que resalta aínda máis a musculatura. Sen embargo, o rostro non amosa expresión
algunha para o esforzó físico que está a facer (a súa ollada diríxese cara ao disco que vai
lanzar, pero sen mostrar unha emoción patente).

O momento representado obriga a Mirón a traballar unha composición difícil (de tipo curvilíneo
e espiral), contrapesada coas liñas crebadas de brazos e pernas. Ao mesmo tempo, o escultor
multiplica os puntos de vista, transmitindo tamén ao espectador unha plena sensación de
instanteneidade e momento fugaz, acentuándose así o dinamismo da obra.

Mirón tenta “conxelar” un momento preciso, un movemento violento (o lanzamento de disco),


pero fallando, como comentamos antes, na expresión do rostro, que aparece impasible, mirando
cara ao disco, de xeito relaxado, a pesar do esforzo que está a facer o corpo. O escultor busca a
perfección anatómica, case conseguíndoa, pero os músculos resultan un tanto “planos”.

Finalmente, destacar que o orixinal estaba feito en bronce, pero perdeuse, conservándose so
copias de época romana. A técnica do bronce permitía crear estatuas en equilibro inestable,
cousa que non sucede coa pedra, polo que se solucionou o problema dando un punto de apoio
que, neste caso, simula un tronco.

You might also like