You are on page 1of 4

“O DORÍFORO” (PORTADOR DE LANZA)

Identificación da obra:

• Autor: Polícleto.

• Localización: Museo Arqueolóxico Nacional de


Nápoles (copia de época romana)

• Cronoloxía: 450-440 a. C (mediados do s. V a.C)

Contexto histórico-artístico:
A Grecia antiga é considerada o berce da civilización occidental polas súas aportacións á
filosofía, á política, ás artes e á cultura xeral.
A civilización grega (que se desenvolveu entre os ss. VIII e II a.C, desenvolveuse na Península
Balcánica e illas próximas, espallándose por gran parte do Mediterráneo.
Trala victoria sobre os persas tralo final das chamadas Guerras Médicas, a civilización grega
acadaría o seu máximo esplendor nos século V e IV a.C: época Clásica.
A arte grega estaba feita á medida do Home. Buscaba a harmonía, a proporción, a racionalidade
e o equilibro como compoñentes da beleza (de aí a importancia das matemáticas nas súas
construccións e esculturas)
Centrándonos na escultura, esta disciplina artística acadou unha enorme importancia na arte
grega (importantes novidades e avances). Exercería unha gran influencia na escultura dos estilos
artísticos posteriores (na romana, especialmente, e noutros estilos moi posteriores, como o
Renacemento ou o Neoclásico).

Como características xerais da escultura grega destacan: buscaban a beleza baseada na


proporción e no canon (o equilibro das partes, tomando como referencia a medida do pulgar ou da
cabeza), seguíndose, por exemplo, os canon de Policleto ou o de Lisipo, respectivamente; o
naturalismo (Beleza Racional), procurando reproducir a natureza pero como un ideal; o estudo
da anatomía humana (antropocentrismo), cun sutil equilibro entre a beleza física exterior e os
sentimentos.

A escultura grega antiga foi evolucionando, buscando a expresión, o volumen e o movemento,


dende a época arcaica (figuras esquemáticas e ríxidas), ata chegar ao realismo da época clásica
(na que se acadou unha perfección técnica admirable), e rematando coa esaxeración “barroca” do
helenismo.

Outros trazos a destacar son o emprego como materiais do bronce (a maioría dos orixinais que
logo copiaron en pedra os romanos), e da mármore (esta moi axeitada para representar a
anatomía humana). Por outra banda, as esculturas orixinais de mármore estaban policromadas,
efecto que se perdeu co paso do tempo.

Clasificación e comentario da obra:

Trala rixidez, a frontalidade e o pouco naturalismo do período arcaico, na época clásica (séculos
V e IV a.C), acadouse un maior naturalismo (expresións máis logradas, anatomías e roupaxes
mellor traballadas), a sensación de movemento e o dominio pleno da técnica escultórica. Neste
sentido, o período Clásico sería para a escultura (como na arquitectura), a Idade de Ouro da
arte grega. Os principais escultores da época clásica foron Mirón, Polícleto e Fidias no s. V a.C,
e Lisipo, Praxíteles e Scopas no s. IV a.C.

Neste caso estamos, como se indicou ao principio deste comentario, ante unha obra moi
coñecida da escultura clásica grega. O corpo humano, tanto nas representacións de deuses como
nas de seres humanos (atletas), foi o motivo fundamental da arte desenvolvida polos gregos no
período clásico, unha das etapas históricas máis influíntes para o mundo da arte, en particular,
e a cultura, en xeral.

O autor: condiscípulo de Mirón e contemporáneo de Fidias, Polícleto foi alumno de Agelades.


Ademais de escultor especializado no bronce, foi tamén un gran teórico da proporción, o ritmo e
a simetría do corpo humano na escultura. Ademais do “Doríforo”, outras obras coñecidas deste
escultor son o “Diadúmenos”, “Heracles”, ou a “Amazona ferida”. Polícleto coñecía
rigurosamente a anatomía humana, baseada nunha detallada observación, co que a escultura
grega gañou máis naturalismo que en épocas anteriores.

Polícleto foi o autor do “Canon”, obra desgraciadamente perdida e na que explicaba o seu
sistema de proporcións aplicadas á escultura. Para dito artista, a beleza identificabase coa
proporción. Deste xeito, o corpo ideal para o escultor debía ter unhas dimensións de 7 cabezas e
2/3, o que se coñeceu como “O Canon das Sete Cabezas” (módulo aritmético). Precisamente, o
“Doríforo” está considerado como a representación perfecta do canon de Policleto, destacando a
actitude serea do xove e a beleza e a harmonía do corpo, proporcionado dentro dun ideal
naturalista, superando a rixidez dos kuroi da época preclásica.

Outra das aportacións deste artista á escultura clásica foi o chamado “contraposto”: o
movemento harmónico do corpo, dispoñendo unha perna de sostén (soporta o peso do corpo) e
outra relaxada (permite retraer a perna e levantar lixeiramente o talón).

Polícleto especializouse en figuras de atletas xoves e vigorosos, xoves victoriosos, de tamaño


natural e con rostros idealizados e impersonais. As súas figuras están dotadas dun ritmo
pausado e dun gran sentido do equilibro, xoves que dan un paso, pero en equilibro estático, con
exemplos como este “Doríforo” ou tamén no seu “Diadúmenos” (o atleta que se cingue unha
cinta no seu cabelo)

O tema: trátase dun tema atlético, posiblemente un encargo dun aristócrata e que serviría
como ofrenda para un santurario. Representa a un xove en actitude de camiñar e que,
orixinariamente, levaba unha lanza no ombreiro, hoxe perdida. Para outros expertos podería
ser unha representación do heroe Aquiles, armado no seu momento con escudo e espada
(obxectos tamén desaparecidos). En todo caso, Polícleto idealiza o corpo masculino, traballando
a anatomía perfecta dun varón xove.

Características técnicas: o “Doríforo” orixinal foi realizado en bronce, pero só se conservan na


actualidade copias romanas feitas en mármore. A escultura mide case dous metros e segue o
canon correspondente das 7 cabezas mencionado anteriormente.
Aínda que non está totalmente clara a aplicación detallada das proporcións do canon de
Policleto, parece ser que nesta obra a unidade de medida era o dedo, sendo a cabeza a séptima
parte do corpo; o rostro está dividido en tres partes iguais (a fronte, o nariz e a distancia entre
esta ao mentón); o pé é tres veces a palma da man; do pé ao xeonllo, seis palmos; do xeonllo ao
centro do abdomen outros seis; o arco torácico e o pregue da ingle son arcos dun mesmo círculo.
É dicir, a beleza traducida en medidas matemáticas e en proporción aritmética.

De feito, o “Doríforo está considerado como a representación perfecta do canon de Policleto.


Vemos como a anatomía procura semellar máis natural que en etapas anteriores, ao tempo que
o rostro transmite serenidade, logrando así un alonxamento idealizado da realidade.

Represéntase ao “Doríforo” en actitude de avanzar, pero nunha pausa momentánea (“o


movemento en potencia” ou non finalizado). Trátase dunha acción con menos forza que no caso
do “Discóbolo” de Mirón, pero concentrando no torso ese movemento sen rematar.

Vemos como o xove flexiona o brazo esquerdo e que ten o puño pechado para asir a lanza,
tensando o ombreiro esquerdo, que se ergue lixeiramente, mentres que o brazo dereito
permanece recto e relaxado, seguindo a liña do costado. A figura apoia o peso do corpo nunha
perna, a dereita, mentres que a outra, a esquerda, non soporta ningún peso e apenas toca o
chan coa punta do pé, flexionando ao tempo o xeonllo . Isto provoca que a cadeira se relaxe cara
abaixo na parte esquerda do corpo, mentres que se levanta na parte dereita. O torso entre a
cadeiraa e a axila está contraído. Este contraste entre unha parte do corpo contraída e outra
relaxada, dá á figura unha sensación de equilibro dinámico, moi alonxada da simetría estática e
ríxida dos kuroi (nestes, os dous lados do corpo eran representados exactamente iguais). A
alternacia membros tensos-membros relaxados, combinada cun torso amoldable é un clarísimo
exemplo, tal como indicamos previamente, do recurso escultórico coñecido como “contraposto”
(recuperado, posteriormente, noutras épocas como no Renacemento e no Barroco, xa que é moi
útil para infundir un sentido de vitalidade e naturalismo a figuras feitas de mármore ou de
bronce e, tamén, no mundo da pintura).

Deste xeito, o lado dereito do “Doríforo” ofrece unha sensación de repouso grazas á continuidade
da liña vertical que vai desde a perna dereita (a que soporta o peso) ata o brazo en posición
relaxada. Pola contra, o lado esquerdo, é angular (brazo flexionado), e a posición do cóbado
correspóndese coa curva pechada da perna esquerda relaxada.

A cabeza do “Doríforo” inclínase cara a dereita, dándolle o toque final á obra. A figura describe
unha suave curva en forma de “S” invertida (recurso moi apreciado no gótico, por exemplo, para
dotar de harmonía ás esculturas da Virxe María). Dita inclinación mellora o perfil do xove
protagonista da obra.

Polícleto, polo tanto, busca o equilibro compensado entre as distintas partes do corpo do atleta.
A disposición harmónica dos brazos e das pernas (uns membros relaxados e outros en tensión),
xunto á cabeza lixeiramente ladeada, marcan, como indicamos ao longo deste comentario, un
acusado “contraposto”.

Certamente, a figura aínda mantén algún elemento da época arcaica (está esculpido con rudeza,
os pectorais son planos, as liñas da cintura e da cadeira están moi marcadas…), pero tamén é
unha obra innovadora polo emprego do contraposto e a influencia que exercerá en obras
escultóricas posteriores.

En conclusión, o “Doríforo” é un claro exemplo do ideal da beleza na Grecia clásica, xa que o


número e a xeometría predominan en toda obra, apreciándose na composición distintas curvas,
semicircunferencias e o volumen esférico da cabeza. É a encarnación ou prototipo do corpo viril
perfecto, de elegancia austera, sen formas hercúleas nin brandas, unha figura segura de si
mesma. A obra de Policleto aportou unha interesante solución para as figuras de pé en repouso
co emprego do referido contraposto, compensando a tensión de liberar unha das pernas con
lixeiras inclinacións na pelvis e nos ombreiros.

Ámbolos dous lados da escultura presentan cualidades e tratamentos moi distintos, pero cada
un por separado resulta harmonioso e bello.

Por outra banda, é interesante recordar que esta obra de Polícleto serviría de modelo e
inspiración para obras escultóricas posteriores, como o “Augusto de Prima Porta” na antiga
Roma ou o “David” de Miguel Anxo na época do Renacemento, entre outros exemplos da
Historia da Arte.

You might also like