You are on page 1of 2

A Escola de Atenas é un cadro de Rafael de Urbino,

feito no 1510-1511 (Cinquecento) e localizado nos Museos


Vaticanos. É unha pintura ao fresco de estilo renacentista
italiano.
O Renacemento (s.XV-XVI) foi un estilo que
admiraba a antigüidade clásica, tratando de recuperar
moitas das formas da cultura grecorromana,
reinterpretándoas e adaptándoas á nova linguaxe artística
en torno a dous conceptos: a perspectiva e a proporción.
Desenvolveuse nun contexto no que se impuxeron o Antropocentrismo e o Humanismo, a burguesía
acadou un importante papel como grupo social, os artistas pasaron a ser protexidos polos chamados
mecenas e tendo unha importante consideración social. Este novo estilo iniciouse en Italia no s.XV,
xa que non se perdera a herdanza clásica. Os restos da arte romana ou tratados teóricos como os do
arquitecto romano Vitrubio, tiveron un peso considerable no inicio do novo período artístico.
Cronolóxicamente, o Renacemento desenvolveuse en dúas fases: o Quattrocento (s.XV), e o
Cinquecento (s.XVI, coñecido ao final desa centuria como Manierismo).
A beleza no Renacemento conseguirase a través da harmonía ou a proporción, e o equilibrio
dunha forma similar á idea clásica de beleza. O naturalismo do Renacemento non vai ser unha
simple imitación da realidade senón unha procura do ideal (Neoplatonismo).
A consideración social do artista comeza a cambiar, sendo traballadores intelectuais e
humanistas. O artista toma conciencia de si mesmo, asina as obras, se autorretrata, busca un estilo
propio e diferenciado, cobra máis diñeiro... Tampouco vai ser estraño que os artistas sexan
multidisciplinares, é dicir, que se dediquen a varias disciplinas (Rafael, Leonardo ou Miguel Ángel).
Os mecenas son os principais gobernantes, as familias poderosas, os condottieros, os papas...
No Cinquecento, podemos distinguir dúas etapas: o Clasicismo e o Manierismo. Algunhas
das características principais da pintura do Cinquecento son: o dominio da perspectiva, destácase o
tema principal e elimínanse detalles anecdóticos; composicións clásicas, piramidais ou triangulares
e a pintura centrada no ser humano.
O centro artístico pasa a ser Roma no canto de Florencia. Os artistas máis representativos
deste período serán Miguel Ángel, Bramante, Leonardo e Rafael.
Rafael nace en Urbino e formarase en Perugia con Pietro Perugino. Trasládase a Florencia
onde se volve un mestre no tema das Madonnas, convén destacar un interesante número de retratos
nos que introduce a captación psicolóxica do modelo. É a partir desta etapa, cando Rafael xa é un
pleno artista do Cinquecento, aplicando os avances de Leonardo. Trasládase a Roma chamado polo
papa Julio II para traballar na decoración das famosas estancias do Vaticano, os aposentos privados
do pontífice. A influencia de Miguel Ángel será importante en Rafael.
Nas súas últimas obras hai certos elementos de renovación espiritual que anticiparán a
revolución iconográfica que suporá a contrarreforma.
A Escola de Atenas é unha pintura ao fresco realizada na Estancia da Signatura, que
encargou decorar Julio II. Está situado fronte á Disputa do Sacramento, que simbolizaba a verdade
revelada, a Escola de Atenas simboliza a verdade racional ou filosófica. O programa iconográfico
está fundamentado no neoplatonismo, que tenta conciliar a cultura grecolatina coa cristiá, facendo
que temas pagáns teñan un carácter moralizante e convivan con temas relixiosos. A obra adáptase ao
marco arquitectónico.
Os personaxes da obra sitúanse nun marco arquitectónico monumental, vemos unha gran
bóveda de canón con casetóns, separados por un espazo central cun tambor que sostería unha
cúpula. Posiblemente, a arquitectura corresponde a un modelo de planta de cruz grega. Nos muros
ábrense nichos que conteñen estatuas, as centrais teñen deidades gregas protectoras do Pensamento
e das artes: Palas Atenea e Apolo coa lira.
O punto de vista baixo permite a apertura do fondo ao ceo en tres niveles, dando gran
luminosidade. O foco de luz cenital serve para crear volumes con claroscuro de pouco contraste.
Toda a organización está adaptada á perspectiva lineal, con punto de fuga central na man de Platón,
coincidente coa liña do horizonte.
Podemos dividir a obra nun verticalmente entre Aristóteles e Platón. Distribúense de forma
xeométrica e compensada os grupos de filósofos da Antigüidade a cada lado. Podemos trazar outra
liña horizontal nas cabezas do grupo superior. A trama de liñas crea unha estrutura ortogonal, que
organiza o mundo en formas regulares e harmónicas. Os dous niveis quedan conectados por medio
da escaleira, actuando Diógenes como elemento de conexión. Dentro deste equilibrio compositivo,
Rafael logra dinamizar a escena e romper o estatismo por medio da variedade de actitudes,
expresións e posturas, mesmo forzadas ou desequilibradas como Diógenes. A figuración é realista,
pero con certa idealización.
En canto á cor, aínda que domina a liña, mestura cores frías e cálidas para conseguir
novamente a harmonía, resultando máis colorista e fogosa do habitual. Rafael sérvese de artistas
contemporáneos para representar a algún dos filósofos da antigüidade, así vemos a Leonardo,
Bramante, Miguel Ángel e a el mesmo autorretratado. Con este recurso, os artistas renacentistas
equiparan o seu traballo ao dos ilustres pensadores e dignifican o seu labor artístico.

You might also like