You are on page 1of 2

A ARTE BARROCA

O Barroco (séculos XVII e XVIII) ten o seu foco máis influente na Roma papal, centro
dunha arte contrarreformista que derivou cara a un barroco exuberante e que influíu en
toda a arte europea dos séculos XVII e XVIII. Desde un punto de vista artístico, tamén
adquiriu unha grande importancia a corte española dos Habsburgo, con centros como
Sevilla, Valencia, Toledo e Madrid na Península, e Nápoles ou Flandres no resto de
Europa.
Francia apartouse da exuberancia barroca italiana e adoptou formas máis academicistas,
e Holanda constituíu un foco burgués e protestante, de gran riqueza artística, sobre todo
pictórica. Inglaterra, cunha plástica de influencia foránea, iniciou un estilo que
desenvolveu con personalidade propia durante o século XVIII.
O termo barroco aparece no século XVIII con certo sentido pexorativo; a súa orixe parece
estar relacionada co barrueco que designa unha perla de forma irregular. En arte, non
obstante, o termo asóciase coa complexidade da linguaxe artística da época. De aí que
na definición da arte barroca, á noción de irregularidade se lle engada a de complexidade.
Actualmente entendemos por Barroco o estilo que ao longo do século XVII e parte do
XVIII xurdiu de Italia e se estendeu por Europa, e que, cunha linguaxe propia e complexa,
elaborou solucións estéticas e formais diversas que reflicten a visión contraditoria e
unitaria que caracteriza o espírito da época.
Na arte barroca apréciase a manifestación dos tres poderes establecidos (a Igrexa, a
monarquía e a burguesía). Por iso, a produción artística deste período pódese dividir en
dous grupos: a promovida pola burguesía protestante e a promovida pola Igrexa e o poder
real. Esta distinción é o resultado da carga ideolóxica subxacente na arte e do feito de que
o artista se converte en transmisor da mensaxe que os diversos modelos queren
potenciar.
No Barroco, o estudo individualizado das obras débese complementar coa análise das
interrelacións co seu contexto, para buscar a unidade, a arte total que globaliza o resto de
manifestacións artísticas. Así, a arquitectura barroca convértese en continente da pintura
e a escultura e integra estas dúas artes nun todo unitario que se transforma nun espazo
ou universo interrelacionado, un theatrum sacrum (teatro sagrado), no que as artes
plásticas son elementos básicos da representación.
BERNINI é o máximo expoñente desta corrente integradora, que se atopa presente na
maioría das súas obras, e dun xeito especial na igrexa de Sant'Andrea al Quirinale e na
Cappella Cornaro da igrexa de Santa Maria della Vittoria de Roma.
ÉXTASE DE SANTA TERESA

Ficha técnica:
Título: Éxtase de Santa Teresa.
Autor: Gian Lorenzo Bernini (Nápoles, 1598-Roma, 1680).
Cronoloxía: 1647-1652.
Tipoloxía: escultura exenta.
Material: mármore.
Medidas: 351 cm (alto).
Estilo: barroco.
Tema: relixioso.
Localización: Igrexa de Santa Maria della Vittoria (Roma).

Temática:
Esta escena representa a transverberación de Santa Teresa, unha das experiencias de
éxtase ou unión mística con Deus narrada no Libro da Vida de Santa Teresa de Xesús,
escritora mística e fundadora da orde das Carmelitas Descalzas.

Descrición formal
Mostra do theatrum sacrum, o espazo adquire un carácter escenográfico moi
pronunciado, no que se acolle un espectáculo sacro a medio camiño entre o espiritual e o
terreal.
Sobre un altar situado no centro da capela, represéntase o grupo principal da escena, un
anxo retirando a seta candente que cravou no peito de Santa Teresa, quen, reclinada
sobre nubes, experimenta unha sensación de dor e pracer que simbolizan o amor divino.
Para representar a éxtase mística da Santa Teresa, BERNINI esculpe un rostro con ollos
pesadamente pechados e boca entreaberta despois de recibir o lume divino de mans dun
anxo riseiro de xestos contidos.

A convulsión interna da santa tamén se plasma nos pregues abundantes e expresivos do


seu hábito, cos cales realiza un xogo de volumes e claroscuros que outorgan dinamismo á
escena. O artista consegue ademais pronunciar o movemento a través do cruzamento de
diagonais que crean as dúas figuras, formando unha composición en aspa.

A luz cenital situada no proscenio ilumina de forma natural o grupo escultórico,


converténdose nunha luz divina grazas aos raios de bronce situados encima do grupo.
Nas paredes laterais sitúanse relevos marmóreos que representan palcos en perspectiva
onde se asoman os membros da familia comitente.

You might also like