You are on page 1of 2

DAVID

IDENTIFICACIÓN
TÍTULO: David
ESTILO: Renacemento. Quattrocento.
AUTORES: Donatello
CRONOLOXÍA: 1444 – 1446
ENCADRAMENTO HISTÓRICO (o mesmo que para a Cupula de
Santa María dei Fiori).
ANÁLISE FORMAL
Esta escultura de vulto redondo, de 1,58 m, fundida en bronce, representa un tema do Antigo
Testamento: a loita de David e Goliat, entre xudeus e filisteos. O momento escollido é o
inmediatamente posterior á batalla. Donatello representa a un David adolescente que, despois de
derrotar ao xigante, lle corta a cabeza coa súa propia espada. David písalle a cabeza e sostén na man
dereita a espada de Goliat e na esquerda a pedra coa que o deixou sen consciencia. Estamos ante un
novo tipo de heroe individual que non precisa a forza, senón a intelixencia, a virtude.
O artista e escritor Vasari xa comentou sobre esta obra que “ese corpo é tan natural, vívido e
delicado que aos artistas lles parece que debe de ter sido moldeado sobre o corpo dunha persoa
viva”, malia iso, a naturalidade do corpo grácil e adolescente é froito dunha composición moi
estudada.
O tratamento xeral é sobrio, pero a sinxeleza do corpo espido rómpese co calzado de David e o
abigarrado adorno do casco de Goliat, traballados ao detalle con relevos historiados (alusivos aos
duques de Milán) e adornos vexetais típicos do primeiro Renacemento (chamados «in candelieri»).
David leva o sombreiro típico dos campesiños da Toscana e unha coroa de follas, en clara alusión
ao heroísmo grego.
Donatello interpreta este tema bíblico como un espido clásico. De feito, é o primeiro espido
integral, de vulto redondo, que aparece na escultura renacentista. Trátase dun espido ponderado,
natural, pero moi expresivo debido á firmeza das liñas compositivas xerais. Ten claras
reminiscencias da escultura clásica, especialmente de Praxíteles. O marcado e suave contrapposto
parece inspirado na coñecida curva praxiteliana, que Donatello debeu coñecer a través de copias
romanas do citado escultor grego. A p erfección anatómica, no bronce puído, na que o modelado
muscular é moi suave, difuminado, “case feminino”, parece tomado, tamén, de Praxíteles. A
superficie puída e case negra do bronce realza as calidades e o atractivo do corpo xuvenil.
Así e todo, malia a súa gracia, a espada que sostén na man dereita coa que acaba de cortar a cabeza
do seu inimigo, a pedra que garda na outra man e a ollada satisfeita que lanza ao seu trofeo dan idea
da súa coraxe e valentía.
COMENTARIO
Segundo a Biblia, Goliat, un xigante da cidade filistea de Gat, desafiou aos israelitas a que enviasen
ao seu representante para loitar contra el; o resultado da pelexa decidiría a vitoria no enfrontamento

1
entre os dous pobos. David, un pastor de Belén, ofreceuse para representar aos israelitas. David
matou ao seu adversario lanzando unha pedra coa súa funda e despois cortoulle a cabeza.
Pero esta obra é máis que unha simple escenificación do relato bíblico. Para interpretar
correctamente esta escultura, hai que decatarse da presenza do helmo con visor e ás de Goliat, un
claro referente aos duques de Milán, que ameazaron á próspera Florencia; e tamén do sombreiro do
pastor, típico dos campesiños florentinos. Así pois, a capital toscana encárnase en David (máis
pequeno, pero elixido por Deus) e Milán en Goliat. Tamén a súa inscrición fai referencia ao mesmo
tema: Prol Patria fortiter dimicantibus etiam adversus terribilissimos hostes dei i praestant auxilium
(“Aos que valerosamente loitaron pola nai patria, os deuses darán a súa axuda mesmo ante os máis
terribles inimigos”).
En principio, a escultura colocouse no patio do palacio dos Médicis, pero, cando os Médicis foron
expulsados da cidade, a estatua foi trasladada ao patio do Palacio Vecchio, sede da Signoria da
República. Actualmente exponse no Museo do Bargello, en Florencia. O que é indubidable é que o
obxectivo do seu autor era que puidese ser vista desde todos os ángulos.
Donatello está considerado como o escultor máis importante e influínte do primeiro Renacemento.
Defenderá unha completa independencia dos estereotipos tradicionais góticos e, lonxe de repetir as
vellas fórmulas utilizadas polos artistas medievais, estudará o corpo humano a partir de modelos
que posarán para el, como fora costume na Antigüidade. O David é a culminación da loita do artista
por liberar á escutura das ataduras que a supeditaban á arquitectura.
O artista retomou nesta obra o espido tridimensional de tamaño natural na Antigüidade, que fora
esquecido durante a Idade Media. Aínda así, o seu tratamento da anatomía masculina difire da
tipoloxía clásica no escaso desenvolvemento muscular e na aparencia andróxina do David de
Donatello, en contraposición cos atletas gregos.
Co tempo, Donatello foise afastando do clasicismo das súas primeiras esculturas para potenciar o
dramatismo e o naturalismo. Así, esculturas como As milagres de Santo Antón, María Madalena
penitente ou Judith e Holofernes decántanse por unha maior expresividade psicolóxica.

You might also like