You are on page 1of 4

A ARTE GÓTICA.

O estilo gótico esténdese polos séculos XIII, XIV e XV, é por tanto un estilo baixomedieval. É
unha arte que aparece na época de rexurdimento das cidades polo que, fronte ao Románico moito
máis relacionado co rural, a arte gótica vai ser un estilo urbano. Tamén é a época na que a
burguesía cobra relevancia, isto vai facer que non so a Igrexa encargue obras de arte ou grandes
edificios, os burgueses ricos tamén poden permitirse pagar a grandes artistas.

Ao igual que o Románico, chegou á Península Ibérica desde Francia.

1. A arquitectura gótica.
A arquitectura gótica supón respecto da románica un gran cambio técnico e estético.
Na estética apreciase no edificio un aspecto moito máis lixeiro ao non aparecer os grosos
muros do románico, de moita maior altura nas naves e nas torres, rematadas xeralmente en
agulla (imaxe 002).
O arco característico é o arco apuntado ou oxival, máis alto e estilizado que o arco de medio

punto. O edificio gótico é en realidade unha estrutura ou esqueleto pétreo de columnas, arcos
e bóvedas pechados por grandes vidreiras de cores (imaxe 004). Pódese dicir que os muros
de pedra practicamente desaparecen. Para soster o peso do edificio, igual que antes hai
contrafortes, pero aparecen agora separados dos muros e recollen o peso das bóvedas a través
dos arcobotantes (005).

O principal edificio é a Igrexa aínda que tamén aparecen edificios non relixiosos, como lonxas,
pazos ou edificios do concello. A igrexas seguen a empregar a planta de cruz latina aínda
que o tamaño é maior e a cabeceira máis prolongada (006). A altura que alcanzan os grandes
arcos apuntados e bóvedas é enorme (007).

Outros elementos do edificio gótico son de tipo decorativo, como os pináculos que se sitúan
sobre os contrafortes. As agullas (008) que soen coroar as torres. As gárgolas (013),
destinadas a evacuar a auga do tellado e decoradas con figuras animais. Os gabletes, formas
triangulares que dan un aspecto de maior altitude ao edificio (009).

2. Escultura gótica.
Ao igual que no Románico a escultura gótica ten as funcións de decorar edificios e educar nos
temas relixiosos ao pobo analfabeto. Segue a ser unha arte relixiosa, predominan as escenas
bíblicas como o Cristo, e cobran importancia as representacións da Virxe co neno (016) (unha
figura máis amable que o ameazante pantocrátor).
En canto as características das obras deben sinalarse:
- Mellora a técnica, aumenta o naturalismo dando lugar a corpos máis proporcionados e
realistas. Tamén se aprecia no tratamento das telas dos vestidos (017).
- As figuras humanas amosan emocións e sentimentos coas súas expresións faciais e xestos
(sorrisos, xestos de tristeza, de sorpresa...) (017).
- Hai certa sensación de movemento.
- A maioría segue a ser unha escultura ligada aos edificios, pero tamén aparecen esculturas
de vulto redondo, é dicir exentas, non unidas a ningún muro ou edificio.

3. A pintura gótica.
En primeiro lugar hai que sinalar que a pintura xa non aparece nos muros das igrexas como
sucedía no Románico, posto que as igrexas góticas apenas teñen muros. En lugar de pinturas
aparecen as vidreiras de cristal de cores rechamantes (004 e 021), que teñen a mesma función
que tiña a pintura románica.
Posto que xa non se pintan muros ao fresco a pintura pasa a realizarse sobre táboas (019). Era
pintura ao temple (que usaba ovo para mesturar cos pigmentos). Esas táboas soían situarse nos
retablos das igrexas.
Debido ao auxe da burguesía a arte non relixiosa vai ser cada vez máis abundante. Os
burgueses gustarán de ser retratados e dispoñer desas obras nas súas casas (020).
Ao igual que na escultura a pintura gótica amosa un maior naturalismo e realismo. O pintor
gótico comeza a empregar o volume e a perspectiva (aínda que de forma un pouco torpe) para
dar profundidade aos seus cadros.
Ao igual que en tempos do románico seguen a facerse libros a man nas bibliotecas dos
mosteiros.
001 Fachada da Catedral de Notre Dame de París
002 Fachada da Catedral de Burgos con dúas torres rematadas en agulla
003 Vista aérea da Catedral de Notre Dame de París
004 Interior da Santa Capilla de París
005 Cabeceira na que se aprecian os arcobotantes conectando o edificio cos contrafortes
006 Vista aérea da Catedral de Colonia
007 Catedral de Colonia (157 m. de altura, durante séculos o edificio máis alto do planeta)
008 Catedral de Salisbury
009 Fachada da catedral de León (rematada no alto por un gablete)
010 Bóvedas da catedral de Palencia
011 Bóvedas da catedral de León
012 Claustro da catedral de Canterbury
013 Gárgola da catedral de León
014 Gárgola na catedral de Palencia
015 Porta policromada da colexiata de Toro
016 Virxe co neno na porta da catedral de León
017 Tímpano coa escena da morte da virxe esculpiada
018 Tríptico do Xardín das delicias de El Bosco
019 Retablo coa escena da anunciación
020 Retrato dun matrimonio burgués de Jan Van Eyck
021 Vidreira da catedral de León

You might also like