You are on page 1of 2

Práctica

Violencia lexitimada
As imaxes violentas aínda causan sorpresa. As palabras xa non tanto. De novo

temos que falar da importancia das palabras. Palabras que en forma de insultos,

descualificacións e ameazas enchen parlamentos, rúas ou redes sociais como tal

cousa. A sesión de investidura de Sánchez ou a crispada campaña en Arxentina

son dous exemplos recentes.

Quero determe nun aspecto, a lexitimación que desde a dereita se realiza da

violencia. Xa pasado o debate parlamentario, e no que debería ser unha fin de

semana de reflexión ante o que vai ser a próxima lexislatura, non se baixa o nivel

de crispación e a condescendencia cos violentos. A crítica política non pode

deslizar a comprensión da violencia diante das sedes de ningún partido político

en ningún caso. Durante días coreáronse cantos fascistas como se fose algo que

ten cabida dentro da liberdade de expresión. Restóuselle importancia a falar en

termos de golpe de estado ou eliminación da democracia. A tolerancia coas

persoas que portan simboloxía nazi ou as desafortunadas afirmacións de cargos

electos da dereita sitúan a tolerancia ante a violencia verbal, incluso física, nun

chanzo cada vez máis elevado.

Ás veces penso que cando non se condena con rotundidade a violencia, hai quen

cre que será quen de controlala ou usala no seu beneficio. Mais a violencia corre

soa e non acepta ben ser reseteada como se fose un xogo na consola. O

problema de lexitimar a violencia é que vai coándose no imaxinario de moitas

persoas como unha forma máis de expresión. A situación mundial fálanos da

frustración e da ira como un caldo de cultivo para as saídas demagóxicas que en

moitos casos aceptan e lexitiman a violencia.


Práctica

Como parte da recente violencia quero reparar no uso da palabra "puta". Palabra

que é unha constante para insultar as mulleres que están en política ou os homes

a través das súas nais. Tan de uso común é que hai poucos días uns alumnos

tentaban convencerme que agora xa case non é un insulto. É certo que está nun

proceso importante de resignificación que podemos aplaudir. Non obstante, o seu

uso, incluso gráfico a través da imaxe dos bonecas da semana pasada, sinala a

unha infravaloración do feminino e a unha rabia polo exercicio do poder na esfera

do público das mulleres. Ante os avances en igualdade e paridade, a ira

masculina exprésase na burla ou na demanda de control sobre as mulleres que o

mercado do sexo de pago e trata lles permite.

Non hai ningunha violencia lexítima. Hoxe é obvio, debemos repetilo e explicalo

sen descanso porque os ventos rolan rápido e non son xustamente os da razón

os que moven as masas. As desigualdades sociais e as dificultades para

imaxinar un futuro mellor levan a unha parte da mocidade a unha nostalxia

fascista que debemos encarar non con máis berros, senón, como dicía

Concepción Arenal, con máis educación.

Esta ía ser a sociedade do coñecemento, logo quedou na da información. Mais

ao paso que imos, se cadra ficamos na sociedade da mala educación.

Agardemos non dar pasos cara a unha sociedade do odio.

You might also like