You are on page 1of 3

TEMA 2.

CAMBIOS AMBIENTAIS NO PASADO


E CRISE AMBIENTAL

1 EVOLUCIÓN DE ATMOSFERA, HIDROSFERA, XEOSFERA


Nos primeiros instantes da súa formación, a Terra probablemente sería un protoplaneta de aspecto
semellante ó que hoxe presenta a Lúa cunha superficie marcada polos cráteres de impacto dos meteoritos
e sen capas fluídas. Nas etapas posteriores, os choques de planetesimais menores coa prototerra serían
cada vez máis frecuentes. A liberación de enerxía de todos eses impactos debeu ser de tal magnitude que
provocaría a fusión parcial do protoplaneta, permitindo así a diferenciación en capas da Terra segundo a
súa densidade.

1.1 Evolución da xeosfera


Simultaneamente a esta diferenciación por densidades a Terra liberaba calor xerando un gradiente
dende o núcleo (máis quente) ata a codia (máis fría), de tal xeito que comezaron a formarse correntes de
convección dentro das capas fluídas cuxa consecuencia máis aparente na superficie será a Tectónica de
Placas. A partir desta época, a litosfera entrou nunha dinámica de continuos cambios tanto nas zonas
continentais como oceánicas que perduran ata actualidade.
Existen evidencias de que dende a orixe dos primeiros continente (uns 4000 M.A.) estes veñen de
sufrir unha continua deriva chegando a colidir entre si formando grandes supercontinentes en varias
ocasións ó longo da historia terrestre. A última rexistrada é o denominado Panxea (aprox. 300 M.A.)
Durante o Mesozoico Panxea sufriu a súa disgregación que continuou no Cenozoico ata chegar á
distribución actual.

1.2 Evolución da atmosfera


A fusión dos materiais terrestres durante a fase térmica inicial provocaría unha desgasificación.
Algúns dos gases liberados no proceso (os máis lixeiros) escaparían cara ao espazo, mentres que outros
quedarían retidos pola gravidade constituíndo a primitiva atmosfera, que posteriormente evolucionou ata
adquirir a estrutura e composición actuais.
Pénsase que a comezos do Arcaico (hai uns 3800 millóns de anos), cando a vida iniciaría o seu
percorrido, a atmosfera estaría composta fundamentalmente por gases como nitróxeno, dióxido de
carbono e vapor de auga, con pequenas cantidades doutros como sulfuro de hidróxeno ou monóxido de
carbono, e con mínimas trazas de osíxeno.
A aparición dos primeiros microorganismos autótrofos fotosintéticos determinou que a cantidade
de osíxeno na atmosfera primitiva fora incrementándose xunto coa progresiva retirada de CO2, propiciando
así uns cambios significativos na composición atmosférica. Este fenómeno veríase intensificado coa
aparición das algas e posteriormente dos vexetais terrestres. Ademais, co incremento de osíxeno
empezaría a produción de ozono ata dar lugar á actual capa de ozono situada na estratosfera.

1.3 Evolución da hidrosfera


A orixe da hidrosfera estivo ligada á da atmosfera, xa que un compoñente básico da fase gasosa
liberada pola fusión de materiais terrestres era o vapor de auga. Por tanto, durante o "gran acontecemento
térmico", a atmosfera primitiva debeu de conter grandes cantidades de auga en forma de vapor. Conforme
o planeta ía arrefriando, esa auga atmosférica foi condensando ata precipitar en forma de chuvia e encher
as cuncas do planeta e formar os océanos. Este feito ocorrería hai uns 4100 millóns de anos.
Os océanos irían incrementando a súa salinidade debido ás erupcións volcánicas e ós aportes de
materiais disolvidos polas augas continentais.

2 EVOLUCIÓN DA INFLUENCIA HUMANA SOBRE O MEDIO AMBIENTE


Segundo a utilización dos recursos e o impacto ambiental, a historia da humanidade pode ser
dividida en tres fases: sociedade cazadora-recolledora, sociedade agrícola e gandeira e sociedade da
Revolución Industrial.

1
2.1 Sociedade cazadora e recolledora
Durante o Paleolítico (dende aprox. 2,8 M.A.) o ser humano mantiña un modo de vida moi
vinculado ó contorno, con escasa capacidade de provocar nel grandes alteracións, ademais de contar
cunha poboación moi reducida en número.
Os seus modos de alimentación eran cazadores-recolledores. O seu enxeño levouno a desenvolver
un profundo coñecemento do medio, o que lle permitiu sobrevivir en climas extremos, descubrir plantas
que lle servían de alimento e medicinas, encontrar auga, facer vestidos cos que se abrigar, construír útiles
de caza e pesca (arcos, frechas, arpóns, etc) e medios de transporte (barcas, etc).
O sistema enerxético que mantiña esta sociedade era o alimento que consumía (enerxía
endosomática). Tamén empregaba algunha enerxía exosomática como o lume, que lle serviu para
quentarse, cociñar, alumearse e manter afastados aos animais.

2.2 Sociedade agrícola e gandeira


A sociedade agrícola comezou no Neolítico hai uns 10.000 anos. Este tipo de sociedade reduciu a
súa dependencia directa da natureza para conseguir alimentos.
Como primeiro impacto que produce está a transformación de espazos naturais para conseguir
terreos agrícolas e pastos para o gando, dando lugar á deforestación dos terreos ocupados.
O consumo enerxético experimentou un ascenso: ao consumo de leña para combustible
engadiuse o traballo animal, o uso da enerxía eólica para mover barcos e o da enerxía hidráulica para
impulsar muíños e sistemas de rega.
Os excedentes de alimentos permitiron que certas persoas puideran dedicarse a labores distintos
do agrario, sentándose así as bases dun gran cambio social. A acumulación de recursos xunto coa
aparición de novas tecnoloxías permitiu novas empresas como a actividade mineira, construción de
estradas, cidades, portos, etc, o que supuxo novos impactos sobre o medio natural derivados de minas ou
a ocupación do terreo para establecer urbes.
A poboación experimentou un importante crecemento durante esta época.

2.3 Sociedade da Revolución Industrial


O seu inicio pódese situar a finais do século XVIII coa utilización de máquinas de vapor impulsadas
por carbón nas fábricas que empezaron a producir masivamente bens de consumo. Comeza así a
utilización de combustibles fósiles para mover máquinas, o que sufrirá un novo impulso a principios do
século XX co emprego dos derivados do petróleo e a produción de enerxía eléctrica a partir de diversas
fontes.
A creación masiva de bens de consumo supón tamén unha obtención masiva de recursos no medio
natural, tanto enerxéticos como non enerxéticos, para atender a unha crecente poboación que se estaba a
concentrar en urbes. Todo elo supón continuar a acción deforestadora, a contaminación das augas e da
atmosfera con consecuencias globais.
A agricultura non permaneceu á marxe da Revolución Industrial e converteuse de tradicional en
mecanizada. Este tipo de agricultura caracterízase pola implantación de grandes cultivos (monocultivos)
empregando pesticidas, abonos químicos e inxentes cantidades de auga para a rega. Todo iso conduce a
unha intensa sobreexplotación dos recursos e degradación do medio.
Paralelamente, melloraron os sistemas sanitarios e as condicións de vida, feito polo que a
poboación humana experimentou un vertixinoso crecemento, pasando actualmente dos 7.000 millóns.

2.4 Situación medioambiental actual e alternativas


Debido a tódolos problemas medioambientais que está a causar a humanidade no seu proceso de
crecemento e desenvolvemento, podemos dicir que nos atopamos nunha situación de crise ambiental.
Existe un consenso mundial, expresado en diferentes conferencias internacionais, de que as
alternativas a esta situación deben vir da man do desenvolvemento sostible: aquel que satisfai as
necesidades da xeración presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as
súas propias necesidades.
Unha sociedade sustentable controla o seu crecemento económico, a contaminación, o
esgotamento dos recursos e o tamaño da súa poboación para non exceder a capacidade de carga
marcada pola natureza.

Entre as pautas para a consecución da sostibilidade estarían:

2
- Adecuación ás taxas de renovación nos recursos potencialmente renovables.
- Utilización de menos recursos non renovables debendo substituírse polos renovables.
- A emisión de residuos debe respectar a capacidade de carga dos sistemas que acollan tales
residuos.
- Selección de tecnoloxías e políticas en función da eficiencia na utilización de recursos.
- Aplicación do principio de precaución. Isto implica que cando unha actividade é potencialmente
ameazadora para o medio ambiente ou a saúde humana deben tomarse medidas precautorias
mesmo se as relacións causa-efecto non están cientificamente establecidas.
- Procurar o desenvolvemento equitativo e global.

CUESTIÓNS

1) A deriva continental fai que grandes masas da codia continental se despracen milleiros de
quilómetros ó cabo de millóns de anos. Segundo as seguintes imaxes, que consecuencias para o
clima, os ecosistemas mariños, os ecosistemas terrestres, o relevo terrestre, etc terá o
desprazamento que se observa dende a Panxea ata a actualidade?.

2) Por que a capa de ozono só apareceu despois de que a atmosfera se enriquecera en osíxeno?.
Que vantaxes supuxo esta aparición para os seres vivos?
3) Se puideses estimar o grao de impacto ambiental que tivo a especie humana ó longo da súa
existencia, como cres que sería a súa evolución?. Como sería a curva nunha gráfica que
enfrontase dito impacto fronte ó tempo?. Represéntao. Como cres que será a proxección no
futuro?.
4) Por que o desenvolvemento sostible recibe este nome?.
5) O satélite europeo Envisat ven de rexistrar a distribución europea de NO2 na troposfera.
a. En que zonas se observan maiores concentracións?. Como se explica esta distribución.

You might also like