You are on page 1of 6

Traballando cos textos

O título
Un título é o enunciado do contido dun libro ou doutro escrito que se coloca ao
comezo del. Debe presentar de modo obxectivo, agradable e sintético a información
que vén no texto.
Características:
- Breve (non máis de seis ou oito palabras).
- Preciso e exacto en relación co contido esencial do texto.
- Adecuado ao sentido e á intención do texto.
- Orixinal e atractivo.
Os títulos case sempre carecen de verbos e adoitan presentar a idea central do
texto ao que se refiren. Algúns dos esquemas máis empregados para os títulos son os
seguintes:
- Frase nominal cuxo núcleo é un substantivo abstracto: A revolta irmandiña.
- Frase nominal, seguida dunha aposición explicativa: A revolta irmandiña:
xénese e desenvolvemento.
- Título bimembre: Xénese e desenvolvemento da revolta irmandiña.

O tema
Determinar o tema dun texto consiste en expresar con poucas palabras a idea
fundamental do texto, do que autor quere transmitir (dez ou quince palabras abondan).
A definición do tema ha de ser clara, breve e exacta. Hai que evitar incluír
contidos anecdóticos ou ampliacións de contidos, que pertencerían ao asunto ou
argumento.

Exercicio práctico
Tan decisiva é a sedución dos cartos, que a súa influencia resulta determinante
incluso nos asuntos máis conflitivos. Alí onde as paixóns políticas ou raciais parecen
irreconciliables, a baza crematística termina sempre gañando a partida. Baluarte
poderoso, eu diría que invencible, é o diñeiro. (...) As guerras –sobre todo as
modernas- non as gañan nin o heroísmo dos soldados nin a intelixencia dos seus
xefes, gáñanas os países que dispoñen dunha economía superior. Na política sucede o
mesmo.
Un exemplo da nosa historia que demostra que isto é así, tivémolo no ano 2001 no
caso da detención do ex presidente de Iugoslavia Slobodan Milosevic. Tras a súa
derrota democrática a mans de Vojislav Kostunica, ao ser acusado de crimes contra a
humanidade por unha Corte Internacional e por crimes de guerra ante o Tribunal Penal
do seu país, o ditador buscou refuxio na súa casa das aforas de Belgrado. (...)
Realizábanse conversas a todos os niveis, pero Milosevic seguía tan cheo de razón na
súa residencia, incluso fachendeando do poder que xa non tiña.
Pero foron comprensibles os titubeos do goberno de Kostunica ante un caso tan
complicado como a detención e o proceso de Milosevic, ao que o exército aínda
respectaba. Os exércitos, xa se sabe, acostuman ser moi respectuosos cos ditadores.
En Chile co xeneral Pinochet, aquí con Franco. Pero volvo ao primeiro deste artigo: o
1
diñeiro manda. Whashington recordoulle a Belgrado que se encontraba conxelada
unha partida de cincuenta millóns de dólares para axudar a Iugoslavia se de verdade
quería entrar no camiño da democracia, anunciando, ademais, que de non ser así
vetaría o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e outras institucións
financeiras para calquera axuda ao país balcánico. E a data límite cumpría co mes de
marzo.
Polo tanto, como “money is money”, o goberno de Kostunica acabou coas
arrogancias de Milosevic e dos seus afoutos defensores. Comprenderon, uns e outros,
que sen a axuda norteamericana, a reconstrución de Iugoslavia non pasaría de ser
unha utopía, polo que a orde do xuíz se produciu antes de que se cumprira o prazo
dado pola Administración estadounidense, e a esas horas Milosevic xa non dependía
dos seus incondicionais, senón da xustiza iugoslava. (...)
José López: El Correo Gallego, 3-4-2001.
Tema: O poder dos cartos na política internacional

O esquema
O esquema, xunto co resumo, é unha das técnicas máis habituais de síntese.
Sintetizar é reducir ao fundamental algo que está desenvolto con maior extensión.
Consiste en expresar graficamente o que se subliñou, é dicir, en representar a estrutura
dun tema.
 Vantaxes:
- Permite tomar conciencia da vertebración e xerarquización das ideas principais
e secundarias dun texto determinado (dá conta da súa coherencia estrutural).
- Axuda á comprensión de ideas.
- Facilita a memorización, ou sexa, a fixación, retención e evocación do contido.
- É útil para repasar.
 Requisitos:
- Debe aparecer o fundamental dos contidos do texto, xerarquizado por orde de
importancia.
- As ideas han estar enunciadas de xeito breve: unha palabra ou unha frase
curta.
- No esquema cómpre evitar o emprego de frases e oracións longas.
 Proceso de elaboración:
- Unha lectura previa do texto e a súa posterior lectura comprensiva.
- O subliñado das ideas principais e secundarias.
- A determinación dos grandes apartados.
- A formulación das ideas de xeito breve e claro.
- A disposición gráfica das ideas segundo a súa importancia.
En xeral, para que o esquema de ideas sexa completo e reflicta de forma coherente
a información do texto, é preciso extraer, polo menos, dúas ideas principais, das cales
derivarán, á súa vez, polo menos dúas ideas secundarias.
As ideas han de estar enunciadas no esquema con concisión, precisión e rigor.
Un golpe de vista debe abondar para ter unha visión completa e xeral do tema.

2
Existen varias maneiras de realizar os esquemas, pero as máis empregadas son
o esquema de chaves e o esquema numérico.

 Esquema de chaves
No esquema de chaves, o título principal vai colocado á esquerda e despois,
mediante chaves, vanse incluíndo os contidos. Canto máis á dereita están colocados,
menor importancia e maior concreción teñen.

 Esquema numérico
No esquema numérico, dous números separados por puntos indican: o primeiro a
que apartado se fai referencia, e o segundo a idea importante nese apartado.
O sangrado (separación da marxe esquerda) indica a importancia das ideas: canto
máis á esquerda a idea será máis importante e xeral; canto máis á dereita, menos
importante e concreta.
1. Idea principal
1.1. Primeira idea secundaria subordinada á principal
1.2. Segunda idea secundaria subordinada á principal
1.2.1. Primeira idea terciaria (detalle)
1.2.2. Segunda idea terciaria (detalle)
2. Idea principal
2.1. Primeira idea secundaria subordinada á principal
2.2. Segunda idea secundaria subordianada á principal
2.2.1. Primeira idea terciaria (detalle) (Etc.)

Exercicio práctico: esquema


Tan decisiva é a sedución dos cartos, que a súa influencia resulta determinante incluso
nos asuntos máis conflitivos. Alí onde as paixóns políticas ou raciais parecen
irreconciliables, a baza crematística termina sempre gañando a partida. Baluarte
poderoso, eu diría que invencible, é o diñeiro. (...) As guerras –sobre todo as
modernas- non as gañan nin o heroísmo dos soldados nin a intelixencia dos seus
xefes, gáñanas os países que dispoñen dunha economía superior. Na política sucede o
mesmo.
Un exemplo da nosa historia que demostra que isto é así, tivémolo no ano 2001 no
caso da detención do ex presidente de Iugoslavia Slobodan Milosevic. Tras a súa
derrota democrática a mans de Vojislav Kostunica, ao ser acusado de crimes contra a
humanidade por unha Corte Internacional e por crimes de guerra ante o Tribunal Penal

3
do seu país, o ditador buscou refuxio na súa casa das aforas de Belgrado. (...)
Realizábanse conversas a todos os niveis, pero Milosevic seguía tan cheo de razón na
súa residencia, incluso fachendeando do poder que xa non tiña.
Pero foron comprensibles os titubeos do goberno de Kostunica ante un caso tan
complicado como a detención e o proceso de Milosevic, ao que o exército aínda
respectaba. Os exércitos, xa se sabe, acostuman ser moi respectuosos cos ditadores.
En Chile co xeneral Pinochet, aquí con Franco. Pero volvo ao primeiro deste artigo: o
diñeiro manda. Whashington recordoulle a Belgrado que se encontraba conxelada
unha partida de cincuenta millóns de dólares para axudar a Iugoslavia se de verdade
quería entrar no camiño da democracia, anunciando, ademais, que de non ser así
vetaría o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e outras institucións
financeiras para calquera axuda ao país balcánico. E a data límite cumpría co mes de
marzo.
Polo tanto, como “money is money”, o goberno de Kostunica acabou coas
arrogancias de Milosevic e dos seus afoutos defensores. Comprenderon, uns e outros,
que sen a axuda norteamericana, a reconstrución de Iugoslavia non pasaría de ser
unha utopía, polo que a orde do xuíz se produciu antes de que se cumprira o prazo
dado pola Administración estadounidense, e a esas horas Milosevic xa non dependía
dos seus incondicionais, senón da xustiza iugoslava. (...)
José López: El Correo Gallego, 3-4-2001.
Esquema de ideas
1. O poder dos cartos no mundo é enorme.
1.1. Os países economicamente poderosos son os que gañan as guerras
1.2. As grandes potencias manexan a política mundial no seu favor.
2. Un exemplo é a detención de Milosevic.
2.1. Inoperancia do goberno iugoslavo.
2.2. Ameaza norteamericana de conxelar as axudas económicas
Iugoslavia.
2.3. O goberno de Kostunica detén a Milosevic.

O resumo
Resumir é condensar nun texto breve, eliminando o accesorio, os contidos
básicos doutro texto máis extenso. Polo tanto, un resumo expresa de maneira
integradora, condensada, coherente e con palabras do autor ou autora (sempre que
sexa posible) o contido esencial dun texto.
 Vantaxes:
- Facilita a comprensión dun tema.
- Mellora a capacidade de análise e de síntese.
- Aforra tempo e esforzo para memorizar e repasar.
 Características:
- Brevidade e selección: deben aparecer só as ideas importantes e os datos
imprescindibles.
- Claridade e precisión: empregaranse palabras e expresións exactas.
- Orde: as ideas deben estar ordenadas, relacionadas e redactadas.

4
- Extensión: o resumo debe supoñer un terzo ou un quinto da extensión do texto
orixinal, pero isto depende do tipo de texto: hai textos curtos, pero complexos
con moita información mentres que outros máis longos pódense resumir máis ao
ter menos información básica.
 Elaboración: o resumo debe ser un texto redactado, composto por unha serie
coherente de enunciados e non dunha simple enumeración de ideas, como é o caso
do esquema. A ortografía, a expresión e a presentación son aspectos básicos de
calquera traballo escrito que se han de ter en conta e que se deben coidar na
confección dun resumo.

Exercicio práctico: resumo


Contan as crónicas dos viaxeiros que por aqueles mundos andaron, con ollo atento e
pluma fácil, que hai na localidade turca de Kangal, a máis de 200 leguas de Istambul,
unhas fontes termais onde viven uns peixes que sandan unha enfermidade da pel tan
rebelde aos tratamentos da farmacopea como é a psoríase. Estes peixes minúsculos
teñen un apetito moi voraz, centrando a súa atención carnívora nas escamas de pel
morta, que tanto abundan nas zonas afectadas polas lesións típicas desta enfermidade.
Tal parece, segundo explicou en Lovaina o dermatólogo turco que presentou a
Occidente tal marabilla, que estes peixes posúen nas secrecións das glándulas dos
beizos unha substancia que fai remitir as lesións, sen que se teña conseguido illar,
malia os reiterados intentos dos turquestanos, axente químico tan benéfico.
Similares propiedades posúe o fluído visguento dos peixes saltaríns da lama. Na
farmacopea chinesa utilízase en particular a baba do saltarín da lama de Macau, que é
o máis apreciado entre estes peixes.
Unha vez máis, o embigo ao que nos ollamos reiteradamente os occidentais non nos
deixa ver con claridade que hai outro mundo e outros métodos de traballo máis aló das
nosas minguadas fronteiras, e que certas tradicións, aínda que empíricas, brindan
resultados positivos con máis xenerosidade e abundancia do que imaxinamos.
Endemais, que dúas culturas tan separadas como a chinesa e a otomá procurasen
solucións a unha mesma enfermidade, por intermedio dun proceso analítico
semellante, debería tamén facernos reflexionar, aínda que eu non sei moi ben a
propósito de que.
Xavier Queipo, Mundiños, 1996.
Resumo: Na localidade turca de Kangal, ao igual que na farmacopea chinesa,
empréganse uns peixes con propiedades curativas para sandar a psoriase. O feito de
que dúas culturas tan distantes procuren remedios semellantes ante a mesma
enfermidade debería de nos facer reflexionar aos occidentais, que pensamos que os
nosos métodos curativos son os únicos válidos.

A síntese
Realizar a síntese dun texto, a diferenza do resumo, consiste na interpretación
das partes e en expresar unha idea clara do texto como un todo.
Ademais, na síntese empréganse as propias palabras para expresar os contidos do
texto; por esta razón cómpre evitar cambiar o sentido das palabras do autor e errar na
interpretación.

5
 Elaboración:
- Análise do texto para comprendelo.
- Ordenar as ideas máis sinxelas ata chegar á máis complexa.
- Interpretar o texto integrando as súas partes.
- Seleccionar as ideas do texto e separar as principais tendo en conta o interese
fundamental do traballo que se realiza. Débese ter en conta só o que se pode
relacionar co tema, o demais é innecesario (aínda que sexa importante nun
sentido xeral).

Exercicio práctico: síntese


Contan as crónicas dos viaxeiros que por aqueles mundos andaron, con ollo atento e
pluma fácil, que hai na localidade turca de Kangal, a máis de 200 leguas de Istambul,
unhas fontes termais onde viven uns peixes que sandan unha enfermidade da pel tan
rebelde aos tratamentos da farmacopea como é a psoríase. Estes peixes minúsculos
teñen un apetito moi voraz, centrando a súa atención carnívora nas escamas de pel
morta, que tanto abundan nas zonas afectadas polas lesións típicas desta enfermidade.
Tal parece, segundo explicou en Lovaina o dermatólogo turco que presentou a
Occidente tal marabilla, que estes peixes posúen nas secrecións das glándulas dos
beizos unha substancia que fai remitir as lesións, sen que se teña conseguido illar,
malia os reiterados intentos dos turquestanos, axente químico tan benéfico.
Similares propiedades posúe o fluído visguento dos peixes saltaríns da lama. Na
farmacopea chinesa utilízase en particular a baba do saltarín da lama de Macau, que é
o máis apreciado entre estes peixes.
Unha vez máis, o embigo ao que nos ollamos reiteradamente os occidentais non nos
deixa ver con claridade que hai outro mundo e outros métodos de traballo máis aló das
nosas minguadas fronteiras, e que certas tradicións, aínda que empíricas, brindan
resultados positivos con máis xenerosidade e abundancia do que imaxinamos.
Endemais, que dúas culturas tan separadas como a chinesa e a otomá procurasen
solucións a unha mesma enfermidade, por intermedio dun proceso analítico
semellante, debería tamén facernos reflexionar, aínda que eu non sei moi ben a
propósito de que.
Xavier Queipo, Mundiños, 1996.
Síntese: A sociedade occidental pensa que os seus traballos e descobrementos no
campo da farmacopea son os únicos válidos. Mais a existencia de métodos similares
para curar unha enfermidade como é a psoriase en culturas tan afastadas como a
chinesa ou a turca deberíanos facer reflexionar sobre isto.

You might also like