You are on page 1of 11

Xustiza global

e xustiza local
Xustiza Global
Discutimos sobre a xustiza en termos xerais. Dicimos que unha distribución
de bens e cargas é xusta cando ten en conta tal ou cal principio. Queremos
que as leis do noso Estado sexan xustas.
Agora ben, calquera que sexa o principio de distribución que aceptemos, se
ese principio é correcto, non se debería aplicar a todo o mundo, alén das leis
que rexen un Estado e das leis que gobernan a relación entre os diferentes
estados? En resposta a iso aparece a noción de xustiza global.

●A xustiza global defende unha aplicación universal de principios xustos.

A idea da xustiza global é simple: se unha persoa ten dereito á alimentación, a


seguridade, a liberdade de expresión, etc., teno tanto se vive en Roma coma
se vive nalgún lugar recóndito de Tanzania.
No actual mundo globalizado, no que o coñecemento das circunstancias de
vida das persoas é accesible por toda a información da que dispoñemos e
onde a acción das persoas pode repercutir no outro extremo do planeta, se o
propósito da xustiza global é lexítimo, a distancia non pode ser unha escusa
para non o levar a cabo.
Aínda que a idea que persegue a xustiza global poida ser simple, o modo de
aplicala non o é tanto. Con frecuencia é difícil que as persoas, ocupadas nas
nosas actividades diarias e nos nosos problemas cotiáns, sexamos quen de
tomar conciencia desas realidades afastadas e nos decatemos de que temos
algunha responsabilidade.

Xustiza local
Cara a finais do século XX xurdiu unha nova discusión sobre o que se deu en
chamar xustiza local. Esa noción, que non é incompatible coa de xustiza
global, pódese caracterizar da seguinte forma:
● A xustiza local ocúpase do conxunto de normas concretas que regulan
as reparticións que lle afectan a unha sociedade.
Non debemos entender a xustiza local nun sentido normativo, senón como un
intento de avaliar de que forma se aplican os principios da xustiza distributiva
nas diferentes sociedades.
Imaxina que tes claro cal é o principio xusto de distribución de bens e cargas,
e imaxina tamén que todos estamos de acordo con este principio. Agora
cómpre aplicalo, e iso significa precisalo en todas as reparticións diferentes
que se producen na nosa vida cotiá.
A xustiza local céntrase naqueles bens e cargas que non se poden fragmentar
como o diñeiro nin se lle poden repartir por igual a todo o mundo porque son
limitados. Esta distribución de bens e cargas tampouco adoita ser
compensatoria, no sentido de que non intenta compensar as desigualdades
dos cidadáns.
Son exemplos que discute a xustiza global o criterio para lle asignar a un neno
unha escola e non outra; ou para favorecer unha persoa en lugar doutra á hora
de atopar traballo; ou para asignar un órgano nun transplante entre dous ou
máis pacientes; ou unha vivenda pública entre diferentes candidatos, etc.

Algúns criterios de xustiza local


Fíxate nos mecanismos para facer unha distribución xusta de bens e cargas:
● Cando vas ao cinema, fas cola para conseguires unha entrada. Quen
chega primeiro ten máis opcións de mercar unha entrada e sentar onde
queira.
● En moitas empresas, quen ten máis antigüidade ten máis dereitos (non
só salariais) ca quen acaba de chegar.
● Na asignación de prazas escolares, determinadas características
fami-liares (familia numerosa, renda) danlles preferencia a algunhas
persoas.
● No caso de ter que reducir traballadores, en moitas empresas a
eficiencia é un criterio e despídese os menos eficientes. Noutras, o
criterio é o de preferir o despedimento que comporte menos custo para
a empresa.
● Na admisión nas universidades, o mellor rendemento académico é o
criterio de asignación das prazas.
● Na selección de persoal, ás veces favorécese a quen ten unha
discapacidade ou establécense criterios que teñen en conta a idade.
● Os membros dun xurado popular elíxense mediante un sorteo.
Aínda hai máis criterios que, ademais, tampouco son os mesmos en todas as
partes en circunstancias iguais. Podemos discutir que principio de xustiza
teñen en conta e se son xustos ou non. Non é fácil. Pero non os podemos
evitar.

Que é percibir?

● Os estímulos son os feitos do mundo que os nosos sentidos son


capaces de detectar.

Eses estímulos poden consistir en feitos externos ao noso organismo
(estímulos externos), por exemplo, o ruído que produce un bolígrafo cando
cae ao chan ou a temperatura dun día de inverno. Tamén poden ser feitos que
se dan dentro do noso corpo (estímulos internos), por exemplo, o ruído do
latexo do noso corazón ou o feito de ter fame.
Detectamos eses estímulos grazas aos receptores sensoriais que temos na
pel, na retina, no oído, nos órganos, nos tecidos internos... A captación dun
estímulo é unha sensación, que é unha excitación do noso sistema nervioso.
Pero unha sensación non é unha percepción.
● A percepción é o proceso mediante o cal captamos o mundo,
ordenándoo e interpretándoo a partir dos estímulos presentes.

As sensacións son o punto de partida da percepción, pero a atención, a


memoria e a aprendizaxe tamén son importantes para percibir. Os psicólogos
estudan cales son as leis segundo as que todos eses elementos interveñen
cando percibimos.
Supoñamos que no mundo se dá unha vibración do aire cunha intensidade
suficiente como para estimular os nosos receptores auditivos e producirnos
sensacións. Cando recoñecemos esas sensacións, percibimos un son.
Podemos recoñecer de diferentes formas esas sensacións e percibilas como
unha melodía, como unha palabra, como un xemido... Se non falas xaponés,
nun discurso nesa lingua percibirás sons, pero non palabras. E a un xaponés
que non fale o teu idioma sucederalle o mesmo se te escoita falar a ti.
Os psicólogos da corrente da Gestalt propuxeron unha serie de leis segundo
as cales a nosa mente agrupa os estímulos.

Dúas dificultades
Representamos o mundo tal como o percibimos, estamos de acordo niso. A
cuestión segue sendo se o modo como o percibimos é tal como é en
realidade. Hai dúas dificultades para responder que si a esta cuestión.
A primeira dificultade é que o que se capta do mundo depende dos receptores
sensoriais dos que dispoñemos.

● Hai unha brecha entre que hai no mundo e os estímulos que son
capaces de captar os nosos receptores sensoriais.

Os estímulos aos que somos sensibles os seres humanos non representan


todos os feitos do mundo. Se unha vibración ten unha frecuencia á que non é
sensible o oído humano, esa vibración non é un estímulo porque non nos
produce ningunha sensación. Se é moi débil, tampouco. De modo que o que
captamos do mundo está condicionado pola nosa capacidade sensorial e,
polo tanto, no mundo hai feitos que nos escapan.

A segunda dificultade é que o modo en que percibimos os estímulos depende


de como a percepción os organiza e como os recoñecemos, aínda que a
percepción humana podería ser diferente se a evolución seguira outros
camiños e o noso sistema nervioso actuase doutra forma.

● Hai outra brecha entre os estímulos que nos chegan e como os


percibimos.
A experiencia estruturada
Agora xa sabemos que os sentidos non nos dan unha copia exacta de como é
a realidade. Pero ese non é o único problema. O filósofo Immanuel Kant
mostrou por primeira vez que a forma en que ordenamos os datos da
experiencia depende da nosa propia estrutura cognitiva. Que significa iso?

● A idea de Kant é que o que captamos cos sentidos está estruturado nun
espazo e nun tempo. Pero nin un nin outro se corresponden con nada
que proveña da experiencia, senón que os creamos nós.

Kant e o tempo
Kant sostén que o espazo e o tempo son o modo en que estruturamos a nosa
experiencia, pero que nin o espazo nin o tempo son en si mesmos experiencia
ningunha.
Centrémonos aquí no tempo. Cando dicimos "A mesa é verde", estamos a
dicir que captamos a mesa e a cor verde, e que as percibimos a través da
experiencia, ao mesmo tempo. Ou cando xogamos ao billar e dicimos: "A bóla
branca golpeou a vermella e fixo que se movese" todo o que estamos
describindo é que primeiro, na nosa experiencia, captamos o movemento da
bóla branca e que cando esta chegou á altura da bóla vermella,
inmediatamente despois captamos o movemento da bóla vermella.

● Polo tanto, cando describimos o mundo, estamos describindo


unicamente a nosa experiencia estruturada, como son as cousas para
nós, pero non como son as cousas en realidade. Se os humanos
estruturásemos de diferente modo as experiencias, a nosa descrición
do mundo sería outra. E a cuestión segue sendo: como é o mundo en
realidade?

O mundo existe?
Non tes ningunha garantía de que o que percibes coincida coa realidade. Máis
ben todo o contrario: o que vimos ata agora apunta ao feito de que o que
representas mentalmente non coincide con como son as cousas. Agora ben:
se non sabes como son de feito as cousas, como podes saber que existe unha
realidade?
● Platón, Descartes, Locke, Hume e moitos outros filósofos suscitaron o
seguinte escenario escéptico: se en ocasións os sentidos me enganan,
como podo saber que non me enganan sempre, como podo saber que
non estou vivindo un soño?
As respostas que deron eses filósofos son moi diferentes, pero en xeral
coinciden en soster que, aínda que non poidas saber nunca de certo como é
exactamente a realidade, si podes saber con certeza que hai unha realidade. Á
fin e ao cabo, formamos expectativas sobre os feitos do mundo e as
experiencias que temos normalmente concordan coas expectativas que nos
fixeramos.
Pero non todos os filósofos comparten ese optimismo sobre a existencia do
mundo. Os pensadores escépticos non se formulan o escenario escéptico
como unha mera hipótese, senón como unha situación real.

O escepticismo
● Un pensador escéptico leva a dúbida ata o extremo e acaba por
cuestionar non só que poidamos coñecer o mundo tal como é, senón
tamén que a realidade exista como tal.

O argumento escéptico
O argumento ten a forma do modus tollens e é, polo tanto, válido. É unha
versión da hipótese do xenio maligno que formula Descartes na súa obra
Meditacións metafísicas, onde se expón a seguinte situación: e se existise un
deus ou xenio maligno que quixese que nos enganásemos continuamente,
que fixese que todo o que cremos que é verdade fose en realidade falso? Se
for o caso, conclúe Descartes, viviriamos completamente enganados. O
argumento tamén é a base de películas como Matriz.
Seguramente non quererás aceptar a conclusión deste argumento escéptico.
Pensarás: "Se sei algo sobre o mundo: polo menos sei que teño un corpo!".
Neste caso, dado que o argumento é válido, non tes máis remedio que atacar
as premisas. A máis vulnerable é a 2, así que deberás probar que é falsa e que
sabes que non es un cerebro nunha cubeta.
As decisións
A capacidade de aprazamento da satisfacción
O primeiro deses conceptos é un trazo psicolóxico que todas as persoas
temos en maior ou menor grao:
● A capacidade de aprazamento da satisfacción, que é a aptitude de
pospoñermos a obtención do agradable, é dicir, de non nos satisfacer
ou gratificarnos inmediatamente. Estudouse nun sinxelo experimento
en 1974.

● Por iso, quizais unha das primeiras cousas que necesitamos para
gobernarnos é coñecer a nosa propia capacidade para aprazar a
satisfacción.

Feitos e accións
● As accións son os feitos que responden a unha intención.
Só son accións as cousas que facemos intencionalmente. Desmaiarse non é
unha acción; durmir, tampouco, aínda que ir para a cama si que o sexa.
Tropezar tampouco é unha acción, é simplemente un feito.

● Como feitos que son, as accións teñen consecuencias.

Non todas as consecuencias dunha acción son intencionais. Se vou en


bicicleta e caio porque se me solta a cadea por pedalear demasiado rápido,
ninguén dirá que caín intencionadamente. Se cando entro na casa, acendo a
luz e se asusta un ladrón que había no xardín e foxe, non podo presumir de
que o fixen fuxir, porque non tiña ningunha intención diso, aínda que a fuxida
fose unha consecuencia da miña acción.

● Un mesmo feito pode responder a diferentes intencións.

Por exemplo, o mesmo movemento de cabeza pódese facer para asustar un


insecto ou para negar se alguén me preguntou se quero algo. Tusir é un feito,
pero é unha acción se o fago coa intención de avisar alguén discretamente.
Para comprender as accións das persoas hai que coñecer as súas intencións.
As intencións expresan o que decidimos: inscribirnos nunha escola de
música, facerlle unha cambadela a alguén para gastarlle unha broma,
mercarlle un xoguete ao noso irmán pequeno polo seu aniversario, etc.

● Para chegarmos á decisión tivemos que realizar unha deliberación.


Fins e medios
Os fins inclúen desexos que queremos satisfacer, como saciarmos a sede; os
fitos que queremos alcanzar, como aprender a facer malabarismos; os
obxectivos que nos fixamos, como mellorar a nosa marca en natación; ou as
finalidades que nos preocupan, como aprobar o curso ou combater a fame.
Os medios son o que utilizamos para conseguirmos os fins. Dependen das
crenzas e mais da información:

● As crenzas que temos sobre como funciona o mundo. Se queremos que


unha ferida non se infecte (fin), pensamos que debemos tratala cun
antiséptico (medio). Se queremos aprender a coser (fin), cremos que
teremos que aprender de alguén que nos ensine e practicar (medios).
● A información da que dispoñemos sobre unha situación concreta. A
información non cómpre que sexa exhaustiva, senón que debe ser a
necesaria e suficiente para tomar a decisión.

Para aumentarmos a probabilidade de alcanzar os nosos fins, debemos facer


que as nosas crenzas sexan o máis racionais posible, e que as informacións
que busquemos sexan canto máis axeitadas mellor.
Non parece moi racional crer que para aprobarmos un exame para o que non
estudamos o que necesitamos é acender unha candea nun templo. Tampouco
que lle podemos pedir telepaticamente ao noso gato que rabuñe unha visita
inoportuna que queremos que se vaia.
A filosofía da acción reflexiona sobre como se relacionan os fins e os medios,
e intenta conceptualizar en que consiste actuar, deliberar, preferir e decidir.

Deliberar e preferir
Antes de tomar unha decisión, deliberamos.
● Deliberar é un proceso reflexivo no que establecemos cal é o medio ou
os medios adecuados para conseguirmos un determinado fin, e se eses
fins e medios son compatibles con outros fins propios.
A deliberación supón razoar sobre feitos (determinar medios e calcular
consecuencias) e valorar se tanto os medios coma as consecuencias das
accións posibles son coherentes con outros fins propios. O resultado da
valoración é unha preferencia.
● Preferir é elixir entre os desexos que temos simultaneamente.
Quizais queiras participar nunha actividade que se está a facer na clase e, ao
mesmo tempo, tes fame porque almorzaches pouco, pero tamén lembras que
en canto remate a clase queres ir á biblioteca devolver un libro e coller outro
antes de que algún compañeiro o faga. De todos os desexos, elixes satisfacer
un. Elixir un desexo é unha preferencia, que transforma o desexo nun
propósito. As preferencias aseméllanse aos desexos, pero non poden ser
simultáneas, senón que son consecutivas.
Deliberar tamén significa previr
A deliberación inclúe prever as consecuencias da nosa acción.
● As consecuencias son os cambios que a nosa acción orixina nas
cousas, as situacións e as outras persoas.
A primeira consecuencia que hai que prever é se efectivamente o medio que
pensamos nos axudará a conseguirmos o fin desexado. A previsión das
consecuencias é probabilística, dado que en xeral tomamos decisións con
información incompleta. Por exemplo, cando te apresuras para chegar á
biblioteca para que ninguén colla un libro antes ca ti, cres que hai unha
probabilidade moi alta de que ninguén o collera, pero non podes estar
completamente seguro.
Se deliberamos coidadosamente, determinaremos cales son as consecuencias
previsibles. Con todo, hai consecuencias que son imprevisibles.
● As consecuencias imprevisibles son aquelas cuxa ignorancia non é
responsabilidade nosa. En ocasións, non facemos o que decidimos
facer porque aparecen consecuencias imprevisibles. Pero seguro que
todas as consecuencias imprevisibles son imprevistas?
● A prudencia consiste en protexerse de consecuencias imprevisibles.
Moitos accidentes prodúcense pola aparición dunha circunstancia
imprevisible nunha situación de risco. É imprudente lamber un coitelo porque
pode ser que de improviso alguén te golpee e faga que te cortes. É imprudente
tocar un aparato eléctrico descalzo cos pés mollados, porque pode ser que
teña corrente.
Aínda que, no caso da bicicleta, poderías defenderte dicindo que non tiñas a
intención de atropelar o home, que el debería mirar antes de saír, que non ías
tan rápido, que foi mala sorte, etc., poderíaseche acusar de ser imprudente.

Emoción: un concepto amplo


● As emocións son estados mentais afectivos que lle dan cor á existencia,
tinguen todos os estados mentais, as percepcións, a imaxinación, os
pensamentos, os recordos, as previsións…

Nun sentido amplo, engloban o que tradicionalmente se denominou paixóns,


como a envexa, a ira, o orgullo...; as motivacións, como a compaixón, a
curiosidade, o interese, a admiración, a esperanza, o noxo...; e os afectos,
como o odio, a vergoña…

● Algunhas emocións parecen universais e acompáñanse de expresións


faciais, por exemplo, a sorpresa ou a curiosidade. Outras son culturais
ou históricas.

● Hai emocións que duran pouco, como a ira ou a vergoña. En cambio, hai
outras que son duradeiras, como o odio ou a vinganza.
● Moitas acompáñanse de tendencias de acción, como o medo, que nos
fai afrontar ou fuxir; a envexa, que fai que tendamos a destruír o
obxecto da envexa ou a persoa que o posúe. Hai unhas que impulsan a
actuar (ira, pracer) , e outras a non o facer, a evitar (medo, noxo).

● Malia considerarse independentes da razón, as emocións teñen


antecedentes cognitivos, é dicir, son reaccións afectivas á
interpretación que facemos de feitos e situacións. Un mesmo feito pode
provocar emocións diferentes. Por exemplo, se un pai lle merca un
xeado á filla, pero non ao fillo, este pode sentir envexa da irmá ou ira
cara ao seu pai. Se creo que unha persoa me empurrou a propósito,
enfádome, pero se creo que o fixo porque tropezou, non me enfadarei.

You might also like