You are on page 1of 8

Definición do Estado

Para falar da orixe do estado, temos primeiro que poñernos de acordo sobre o que
entendemos por este termo. A definición que prefiro é a seguinte (Carneiro 1970: 733; 1981: 68-69):
Un estado é unha entidade autónoma política abarcando moitas comunidades dentro do seu
territorio e tendo un goberno centralizado co poder de recrutar homes para a guerra ou o traballo,
impoñer e recadar impostos, e decretar e executar leis. Se unha sociedade ten estas características, é
un estado. Se non as ten, non o é.
Teorías da Orixe do Estado
Agora faremos un exame breve dalgunhas das varias teorías que se propuxeron nas últimas
décadas para explicar como se orixinou o estado.
A Teoría Automática
A teoría da orixe do estado con que me criei como estudante é a que chamo a “teoría do
sobrante, ou excedente automático”. Segundo esta teoría, o estado xurdiu case automaticamente
unha vez que empezou a agricultura. O Neolítico, pódese dicir, estaba preñado co estado, e foi
soamente cuestión de tempo ata que o deu a luz. Asi é (segundo esta teoría), que case non é
necesario especificar as forzas que lle deron ímpeto ao estado. Cando veu a agricultura o sobrante
automático (excedente) que produciu permitiu que moitos individuos se desentenderan da
produción de alimentos, e empezaran a especilizarse en artesanías, a facerse sacerdotes e políticos,
etc. Así, case sen darse conta do que estaba a pasar, xurdiu o estado.
Esta noción, ou unha ben parecida, pódese atopar, por exemplo, nos escritos de V. Gordon
Childe (1936: 82-83).
[...]
Non, o estado non xurdiu automaticamente. Foron necesarios certos factores especiais para
realizar a produción de sobrante e para poder exceder a autonomía política (...)

A Teoría Marxista do Estado


Miremos agora á teoría marxista da orixe do estado. Non existe exposición detallada nos
escritos de Marx ou Engels de como exactamente supoñían eles que xurdira o estado antigo. O máis
que se aproxima a isto é o que escribiu Engels no seu libro, A Orixe da Familia, a Propiedade
Privada, e o Estado, publicado primeiro en 1884. Segundo Engels, chegou unha etapa na que as
clases sociais das sociedades antigas enleáronse nunha autocontradicción insoluble. Os
antagonismos irreconciliables causados ameazaban a existencia da sociedade. Para evitar a súa
destrución, xurdiu un poder que se puxo por encima da sociedade. Este poder sucedeu para manter a
orde dentro da sociedade, pero non necesariamente de modo imparcial. Xeralmente este poder
representaba á clase mais poderosa da sociedade, así é que adoitaba oprimir e explotar ás outras
clases. Pero ao mesmo tempo que se poñía encima das clases sociais, este poder íase afastando cada
vez máis delas.
Así é que na loita entre as clases atópase a raíz da teoría marxista da orixe do estado.
Adiantándome un pouco e poñendo as miñas opinións en vista, direi que Marx e Engels vían o
estado xurdindo por mor da loita dentro das sociedades no canto de —como me parece a min— por
mor da loita entre as sociedades.
A maior dificultade coa teoría marxista do estado é que presupón que as clases sociais xa
existían antes que houbese o estado. A verdade é que a formación das clases sociais ocorreu en
conxunto co desenvolvemento do estado, non antecedente a el.

A Teoría da Orixe do Estado de Morton Fried


A opinión de Morton Fried sobre a orixe do estado é unha modificación da teoría marxista.
Fried empeza coa idea de que, nunha época, dun tipo de sociedade igualitaria onde todos tiñan
dereito a todo, xurdiu un acceso diferencial aos recursos da natureza. Esta desigualdade, segundo
Fried, conduce primeiro a rangos sociais e despois a clases sociais. Como na teoría marxista, o que
fixo xurdir ao estado foi a necesidade de manter orde na presenza de conflitos internos entre estas
clases.
A teoría de Fried ten dúas dificultades. Primeiro, non nos di como empezou a desigualdade
de acceso aos recursos da natureza. E en segundo lugar, Fried non pode sinalar a ningunha
sociedade que represente a etapa intermedia (que a súa teoría require) entre aldeas igualitarias por
unha banda, e o estado con clases sociais pola outra. Ou sexa, Fried non atopa ningunha sociedade
con clases sociais pero sen o estado.
Anticipando un pouco o meu argumento, a forza motriz que lle falta á teoría de Fried é a
guerra. Aínda que Fried recoñece a frecuencia e importancia da guerra despois de xurdir o estado,
fáltalle recoñecer que na época anterior ao estado, a guerra non soamente era frecuente, senón que
tamén tivo enormes consecuencias.
Privándose así desta vedadera causa, Fried non queda ben colocado para avanzar o noso
coñecemento da orixe do estado.

A Hipótese Hidráulica
Agora examinemos a teoría avanzada por Karl Wittfogel para explicar a orixe do estado. A
Wittfogel impresionoulle moito o feito que a maior parte dos estados da antigüidade xurdisen en
áreas onde a irrigación a gran escala utilizouse para aumentar a produción agrícola. Examinando os
grandes sistemas de irrigación antigos, viu que todos tiñan un alto grao de centralización
administrativa.
Ocorréuselle entón a Wittfogel que o estado xurdiu por primeira vez cando, en partes áridas
do mundo, varias aldeas autónomas, recoñecendo que todas estarían mellor se puidesen unir os seus
varios sistemas locais de irrigación, decidíronse, nunha especie de contrato social, a renunciar ás
súas autonomías individuais e formar unha gran unidade política —o estado— (Wittfogel 1957: 18).
O maior problema que ten a hipótese de Wittfogel é que a evidencia arqueolóxica de
Mesopotamia e China demostran claramente que os sistemas de irrigación a gran escala non se
anteceden ao estado, senón que o seguen (Adams e Kraeling 1960: 281; Gernet 1968: 42). O poder
do estado é necesario en primeiro lugar para establecer estes grandes sistemas hidráulicos. (...)
Wittfogel enganouse por unha correlación aparente pero falsa. Refírome á asociación dos estados
antigos e a aridez. O feito é que a aridez que caracteriza a tantas rexións onde se formaron estados
na antigúedad, non foi causa da súa orixe. A aridez é soamente unha manifestación dun factor máis
básico aínda. O que é este factor verémolo nun momento.
Agora, si se ten que admitir que sistemas de irrigación a gran escala, xa establecidos,
fortalecen ao estado. Disto non hai dúbida. Wittfogel demostrouno claramente. Pero que a irrigación
produciu o estado en primeiro lugar, isto non se pode aceptar.
A teoría de Wittfogel, por certo, é un exemplo dunha teoría voluntarista. Hai tamén teorías
coercivas, opostas ás voluntaristas, que ven ao estado como produto da forza. Direi aquí que eu
encontro deficiente cada teoría voluntarista que se propuxo. Todas se estrelan na mesma pena —a
demostrada incapacidade de entidades políticas autónomas a renunciar a súa autonomía sen ser
obrigadas a facelo—.

A Teoría de Elman Service


Outra teoría voluntarista é a de Elman Service, que lle chama a teoría “integrativa”. Service
rexeita o conflito, sexa dentro de ou entre sociedades, como modo do xurdimento do estado. A
maquinaria do estado vea xurdir como mecanismo para integrar os varios elementos da sociedade.
Así é que o estado, polo menos ao principio, desempeña un papel esencialmente benéfico e
non explotador. Claro que este punto de vista pon a Service en franca oposición aos teóricos
marxistas.
Como o estado incipiente foi adquirindo máis e máis funcións relixiosas, chegou a
converterse en teocracia. E a teocracia, segundo Service, polas súas sancións relixiosas, “Pode...
gobernar agregacións grandes sen ter que acudir regularmente á coerción violenta”.
Teorías Relixiosas
Mencionar teocracias lémbranos que a relixión ás veces foi considerada como a forza motriz
—ou, mellor dito, o cemento— que primeiro uniu simples aldeas e converteunas en estados
complexos. Fai trinta anos, cando os Mayas aínda se consideraban unha teocracia pacífica, esta
teoría era máis fácil de soster.
Atraeu, por exemplo, a Julian Steward. Pero hoxe día, cando a evidencia adquirida
recentemente fixo abundantemente claro que os Mayas antigos eran tan guerreiros como calquera,
esta teoría perdeu moito do seu apoio. Xa non se pensa seriamente que sacerdotes pacíficos foron os
instigadores do estado Maya.
(...)

O Intercambio e a Orixe do Estado


Outra teoría voluntarista da orixe do estado derívao do efecto do intercambio. Entre os
defensores principais desta teoria atópanse os arqueólogos William Rathje, Henry T. Wright e
Gregory A. Johnson. Wright e Johnson tratan de reforzar a súa noción con evidencia arqueolóxica
do suroeste de Irán, onde escavaron. Aínda que Johnson (1973) non rexeita por completo factores
como a presión de poboación e a irrigación como posibles axentes na formación do estado no
próximo Oriente, non pensa que estes factores sós puidéseno producir. O xerme do
desenvolvemento do estado nesta rexión, cre Johnson, foi o intercambio local.
Pero Johnson non nos demostra como o intercambio puido vencer o ben coñecido
rexeitamento de aldeas autónomas a ceder a súa soberanía. Tampouco, por ningunha parte ofrécenos
Johnson unha reconstrución detallada de como as aldeas, unha vez excedidas as súas autonomías
individuais, chegaron a converterse en estado.
Así é que esta teoría, como todas as que consideramos ata este punto, fallan nun respecto ou
outro ao tratar de explicar a orixe do estado.

A Teoría da Circunscrición
Pero hai unha teoría que si creo que explica a súa orixe. Esta é a teoría da circunscrición.
Imos a familiazarnos con ela.
O primeiro paso requirido para formar un estado consiste, como dixen, en exceder a
autonomía local e establecer unidades políticas de múltiples comunidades. Este proceso empezou
hai máis ou menos 5.000 anos antes de Cristo no Vello Mundo, e 2.000 anos antes de Cristo no
Novo.
Por moitos anos recoñeceuse que o estado non puidese xurdir ata que a subsistencia cesou de
basearse en alimentos silvestres e empezou a basearse na agricultura. Co comezo da agricultura,
empezou unha cadea de acontecementos que, unha vez iniciada, culminou case irresistiblemente na
orixe do estado.
Os tres elementos que creo que combinaron para dar orixe ao estado foron 1) a
circunscrición xeográfica, 2) a presión de poboación, e 3) a guerra. Imos ver como a mestura destes
tres factores produciron tal resultado.
Empezaremos coa guerra. A guerra non é trazo novo na cultura humana. Non empezou no
Neolítico. Seguramente se remonta ata o Paleolítico. (...)
En gran parte, a guerra durante o longo período Paleolítico careceu de motivos económicos. Pero
todo isto empezou a cambiar coa chegada da agricultura.
A agricultura, o elemento máis saínte do Neolítico, produciu un gran aumento de poboación.
Nalgúns lugares este aumento produciu, á súa vez, presión de poboación. Por mor diso, a guerra
fíxose máis frecuente e intensa, e empezouse a dirixir cara á toma de terra.
En moitas partes do mundo o resultado deste aumento en hostilidades ocasionou un proceso
de “loita e fuga”. Un grupo derrotado fuxiu da escena da súa derrota, establecendo unha nova aldea
nun lugar máis distante e seguro. Mentres abundaba a terra labrable, este proceso de “loita e fuga”
seguiu sendo posible. Así que ao principio, a guerra neolítica non deu lugar a un cambio dramático.
Os combatentes empezaron como aldeas pequenas e autónomas, e así permaneceron. Como
exemplo, pódese citar a maior parte da Amazonia, onde reinan estas condicións ata hoxe.
Con todo, nalgunhas outras partes do mundo, os resultados da guerra foron moi diferentes.
Nestas áreas, o estado xurdiu tres ou catro milenios despois do comezo da agricultura. Algo
favorable que estas rexións tiñan en común facilitou nelas este desenvolvemento político. Como
vimos, Wittfogel decepcionouse en pensar que este factor crítico foi a aridez. Pero non foi así. Foi a
circunscrición xeográfica, ou sexa, o feito de que nalgunhas partes do mundo o terreo labrable fose
restrinxido e limitado por montañas, desertos, ou mares. No Vello Mundo, o val do Nilo, do Tigris-
Eufrates, do Indo, e do Hwang, e no Novo Mundo, os vales de México e Oaxaca e os vales costeiros
e montañosos do Perú —todas rexións onde antigamente xurdiron estados— son áreas de
circunscrición xeográfica.
Cales son as consecuencias de tal circunscrición? Mentres a poboación destas áreas
mantívose esparexida, o mesmo proceso de “loita e fuga” que describimos para a Amazonia,
ocorreu aquí tamén. Pero co aumento de poboación, a terra labrable empezou a escasear. Con cada
vez máis frecuencia, a guerra emprendeuse, non para a vinganza, senón para tomar terra. Ao pouco
tempo non quedou a onde fuxir. As aldeas derrotadas non tiveron máis remedio que quedar fixas.
Pero agora unha aldea vencedora, no canto de simplemente dislocar ao seu veciño derrotado
e posiblemente tomar posesión do seu territorio, empezou a requirir que a poboación vencida
quedase no seu sitio. E á aldea derrotada entón esixíuselle que cultivase máis. Estas colleitas extras
foron entregadas aos vencedores como tributo. Coa subxugación e incorporación de inimigos
derrotados no territorio e a unidade política dos triunfantes, abriuse a porta a desenvolvementos
políticos categoricamente novos.
A Formación dos Primeiros Señoríos
Por primeira vez, a autonomía local foi transcendida. Os xefes guerreiros dos pobos máis
fortes empezaron a conquistar e apoderarse dun número crecente de aldeas veciñas. Coa
continuación deste proceso, máis e máis aldeas foron agregadas ao mando dun xefe supremo. E os
poderes deste xefe creceron en proporción ao número de aldeas que controlaba. Ao cristalizarse esta
forma de goberno, naceu o señorío. E co señorío, naceu o precursor do estado.
Houbo moitas outras consecuencias. Por exemplo, os prisioneiros de guerra, que
previamente, ou non se tomaban, ou se mataban despois de tomarse, agora empezáronse a manter
vivos para utilizalos como escravos. O xefe máximo, que naturalmente controlaba a maior parte dos
cativos, podía, coa doazón judiciosa destes escravos, recompensar aos seus partidarios. Deste xeito
asegurábase a súa lealdade, axuda, e apoio.
Así vemos que as clases sociais xurdiron simultaneamente: a clase alta subiu sobre as costas
da clase baixa. Cantas sociedades examinemos, non atoparemos ningunha que teña soamente dúas
clases. Ou teñen unha clase (ou ningunha, que vén ser a mesma cousa), ou teñen tres. A clase baixa
sempre sae do grupo de prisioneiros de guerra, e a clase alta xorde porque un pequeno segmento da
sociedade apoderouse destes prisioneiros de guerra e puido controlar o seu labor.
A estratificación social, entón, é un concomitante do desenvolvemento do estado, e non a
súa causa. As diferenzas de posición social das varias clases reflicten o grao de poder e riqueza que
cada unha controlaba. A orixe de diferenzas en acceso aos recursos da natureza, de que tanto nos
fala Fried pero que non puido explicar, vese claramente como un resultado directo da guerra.

Desenvolvemento do Señorío
O que acabo de describir en breve é a primeira etapa da formación do estado. Nesta etapa, a
autonomía local excédese, e señoríos de múltiples aldeas establécense. Xefes máximos controlan,
non só a súa aldea propia, senón tamén todas as aldeas que conquistaron. E as poucas aldeas
autónomas que quedan, están agora moi en desvantaxe. Tratando de manter a súa autonomía, teñen
que enfrontarse con inimigos máis grandes e fortes que eles. O seu tamaño pequeno prexudícalles, e
as súas expectativas son pobres. Ou sucumben aos seus inimigos máis fortes, ou teñen que aliarse
con outras aldeas autónomas que, como elas, loitan para manterse independente.
De calquera xeito, perden. Ou son conquistadas á forza, ou son forzadas a formar alianzas
militares. E, pasando o tempo, verán máis e máis o seu poder permanentemente trasladado ás mans
dos líderes militares da alianza.
Por mor deste desequilibrio en tamaño e forza entre os combatentes, unha vez que os
señoríos empezan a xurdir nunha área xeograficamente circunscrita, o proceso tende a proceder
rapidamente. Non se require moito tempo para que todas as aldeas autónomas perdan a súa
independencia e sexan incorporadas a señoríos.
Claro é que o proceso da evolución política non acaba aquí. Os señoríos non cesan de
pelexar simplemente porque agora son señoríos. A mesma escaseza de terra que os produciu en
primeiro lugar continua, e, como a poboación segue crecendo, ata se fai máis aguda. A guerra
tórnase mais frecuente e máis intensa.
Xorde o Estado
Como os combatentes todos son agora señoríos, a guerra acelera aínda máis o crecemento en
tamaño das unidades políticas. Ao mesmo tempo que o número de señoríos nun val redúcese, o seu
tamaño necesariamente agrándase. En moitos vales o proceso produce, sucesivamente, tres niveles
ou graos de señoríos —señoríos mínimo, típico, e máximo—. A culminación deste proceso é a
vitoria dun dos señoríos restantes sobre todos os outros, e a formación no val dunha soa entidade
política. Onde antes existían ducias ou centenas de aldeas independentes, agora non queda nin unha.
Todas están subordinadas a un goberno central. Ningún caudillo, non importa o seu xenio militar,
pode levar a cabo todas estas conquistas sen a axuda dun bo número de compañeiros en armas. Pero
agora, como a nova unidade política, cada vez máis grande, ten que ser integrada e controlada, a
tarefa de manexala chega a ser máis e máis importante. Os subxefes militares agora asumen o papel
de administradores de poboacións. E toda a superestrutura que vai xurdindo mentres que un señorío
continúa alargando o seu territorio e consolidando as súas ganancias, é o núcleo do estado.
O que acabo de describir non é máis que o esqueleto do proceso que deu orixe ao estado.
Aínda falta poñerlle a carne a estes ósos. Pero esta tarefa pódese deixar para outra ocasión. Aquí
interésame soamente a esencia do proceso. Con todo, aínda que non quero ocuparme das variacións
de formas do estado, si quero considerar as variacións nas condicións que o produciron.

Hipóteses Auxiliares
Xa indiquei que mentres a circunscrición xeográfica proporciona as condicións máis aptas
para a formación do estado, hai outras auxiliares tamén. E existen uns poucos casos da orixe do
estado que non se poden explicar sen tomar en conta estas condicións auxiliares.
Cando a circunscrición xeográfica se me ocorreu como explicación xeral da orixe do estado,
notei tamén que había —aparentemente— algunhas excepcións. Unha destas era o norte de China e
outra a terra baixa dos Mayas. En ambas as áreas xurdiu o estado, pero ningunha das dúas rexións
parecía estar xeograficamente circunscrita. Como se podía resolver este dilema?
Cando unha teoría funciona ben en xeral, as poucas excepcións non deben causar que se
rexeite por completo. Ao contrario, debe un buscar como modificar ou ampliar a teoría para que
poida acomodar estas excepcións. Foi isto que me levou a utilizar a noción da circunscrición social
para solucionar o problema ocasionado por China e os Mayas. A idea da circunscrición social foi
introducida por Napoleón Chagnon para explicar por que os Yanomami centrais guerrean máis e
teñen xefes máis fortes que os Yanomami máis afastados.
Aplicada á orixe do estado, a circunscrición social opera deste xeito. Se unha rexión non
xeograficamente circunscrita con todo ten unha poboación moi densa, as aldeas poden estar tan
preto una doutra que case non quede espazo desocupado entre os seus territorios. Así é que unha
aldea, derrotada na guerra e querendo fuxir, atoparía difícil poder escaparse e establecer outra aldea.
Desde o punto de vista da evolución política, o resultado sería moi semellante á
circunscrición xeográfica. As aldeas vencidas terían que quedar nos seus sitios e suxeitarse á
conquista e á incorporación dentro de entidades máis poderosas.
Así é que o que logran as barreiras físicas, tamén o pode lograr as barreiras humanas. Pero
hai unha diferenza importante. Toma máis tempo. Como sempre hai certa posibilidade de “escape”
coa circunscrición social, especialmente durante as súas primeiras etapas, cando a poboación aínda
está pouco densa, as condicións propicias para a conquista militar non xorden tan pronto coma se a
circunscrición fose xeográfica.
Por tanto, aínda que o estado pode xurdir en áreas onde a circunscrición é soamente social,
ocorrerá aí milenios despois que en áreas onde a circunscrición é xeográfica. (...)
Pero, e que da outra excepción, o norte de China? Agrádame poder relatar que a formación
do estado nesta rexión agora non ten que cualificarse como excepción, requirindo a explicación
auxiliaria, e máis débil, da circunscrición social. Imos estudar o caso.
Cando primeiro botei man á circunscrición social coma se fose necesario para explicar o
comezo do estado en China, ignoraba exactamente onde acontecera este feito. Tan rudimentario era
o meu coñecemento da prehistoria de China que asumín que a civilización Shang, que floreceu
sobre a planicie ampla do baixo río Hwang, representaba o primeiro estado chinés.
Pero equivoqueime. Máis tarde, lendo a reconstrución detallada da prehistoria chinesa por
Kwang-Chi Chang (1972), deime conta que os primeiros estados de China non xurdiron ás marxes
do baixo Hwang. Brotaron pola contra no “curso medio” do Hwang, especialmente na área que
forma unha “T” investida, onde o río Wei se xunta ao Hwang. Aquí, a cerámica, os padróns de
poblamiento, os cemiterios, as murallas defensivas, todo combina para indicar que algo moi
semellante ao estado xurdiu aquí, mentres que ao mesmo tempo a estrutura política nas amplas
planicies do baixo Hwang seguramente non traspasaba a de aldeas autónomas.
Examinando un mapa topográfico do norte de China, vese claramente que nesta área, onde o Wei se
xunta ao Hwang, montañas altas flanquean ambos os lados dos dous ríos. O grao de circunscrición
xeográfica non é tan estreito como no val do Nilo ou na costa do Perú, por exemplo, pero si existe.
E estou convencido que foi esta circunscrición que causou que os primeiros estados de
China xurdisen aquí no canto de ao longo do baixo Hwang.
Despois de xurdir aquí, no lugar máis apropiado á súa orixe, o estado chinés empezou a
estenderse. E naturalmente, estendeuse na dirección que lle ofrecía menos resistencia, e que tamén
lle proporcionaba o premio máis rico. Esta foi cara ao leste, onde o Hwang sae das montañas e
invade á planicie de Shantung. Aquí, en terras amplas e fértiles, foi que o estado chinés, unha vez
formado, ampliouse e floreceu.
En poucos séculos, a evolución política ao longo do curso inferior do Hwang producira a
gran civilización Shang. Durante o período Shang, o estado chinés eclipsó en tamaño, en poder, e en
riqueza, aos estados pequenos e bastos que o antecedían. Pero é importante acentuar que a
civilización Shang non comezou de se mesma. Tivo que esperar a que o estado brotase noutro lugar
onde as condicións eran máis apropiadas para a súa orixe. Soamente entón puido tomar o facho
cultural e facela arder máis brillantemente.

A Concentración de Recursos
Algunhas áreas do mundo que nunca chegaron a xerar estados, con todo produciron
señoríos. As marxes do río Amazonas, por exemplo, constituíron tal área. A organización política da
maior parte da baleira amazónica, nunca avanzou máis aló do nivel de aldeas autónomas. Con todo,
cando Francisco de Orellana descendeu o Amazonas en 1542, atopou señoríos por case todo o seu
curso, varios deles de gran tamaño. Como foi posible? A aparente anomalía de haber aldeas
autónomas nunha parte da Amazonia, e señoríos grandes noutras, obrigoume a buscar unha segunda
hipótese auxiliar para suplementar a circunscrición xeográfica e social como causas do
desenvolvemento político. Esta segunda hipótese ten como factor básico a concentración de
recursos.
As augas do Amazonas son increiblemente ricas en recursos comestibles. Peces, tartarugas,
ovos de tartaruga, manatíes, caimanes, e outras formas de proteína animal abundan aí. Ademais, a
terra en ambos os lados do río, e en illas no medio do río, que se chama varzea, é sumamente fértil.
Cada ano, o río Amazonas desbórdase e deposita sobre as súas marxes, capas de aluvión que
repoñen a súa fertilidade. Tan rica é esta terra que atraeu a Indios de todo o ao redor. Por iso foi que
cando os españois descenderon as augas do Amazonas por primeira vez, atoparon as súas beiras
densamente poboadas. E a maior parte das xentes que aí vivían estaban organizadas en señoríos.
[...]
Facendo estes axustes, así é como agora vexo a prehistoria do río Amazonas:
Os recursos alimenticios inesgotables do Amazonas atraeron a moitos grupos de Indios ás
súas beiras. Terra dentro, a algunha distancia do río, habían outras agrupacións de Indios, non tan
ben situadas, pero así todo, con acceso parcial ás riquezas do río. Pero non lles era bastante.
Cobizaban máis. Por iso atacaban repetidamente aos que ocupaban a beira, para desaloxalos de aí e
apoderarse eles mesmos.
Estas poboacións de dentro, amontoándose atrás das marxes do Amazonas, chegaron a
producir certo grao de circunscrición social. E foi esta combinación de concentración de recursos e
circunscrición social que produciu, ás beiras deste río, as condicións que procrearon señoríos.
Pero aínda que a concentración de recursos ten agora que compartir o premio coa
circunscrición social, non quero menosprezar a súa importancia no proceso xeral da formación do
estado. Ao contrario, quero alargalo. Se a concentración de recursos non foi en ningún lugar causa
nítida da formación de señoríos e estados, si foi un importante catalizador. O crecemento de
poboación que é requisito para a guerra territorial, foi accelerado pola concentración de recursos.
Devandito factor funcionou como imán, atraendo pobos ás rexións ecoloxicamente máis
favorables. Así foi que os estados que se formaron, por exemplo, ás beiras do Nilo, do Tigris-
Eufrates, do Indo, e do Hwang, xurdiron máis temperán que outros porque a concentración de
recursos que existía nas súas marxes desde moi cedo creara densos núcleos de poboación.
[...]
Sumario
A concentración de recursos, entón, pódese ver como un gran imán, atraendo poboacións a
rexións ecoloxicamente favorecidas. De aquí, o crecemento natural da poboación produciu, á curta
ou a longo prazo, a presión de poboación. E esta presión, actuando lentamente en áreas de
circunscrición social, e máis rapidamente en áreas de circunscrición xeográfica, conduciu á guerra
intensa e á conquista militar, con todas as súas consecuencias.
Tomados xuntos, os tres factores de circunscrición xeográfica, circunscrición social, e
concentración de recursos, explican gran parte dos casos da orixe do estado. Tamén nos axudan a
entender por que o estado non orixinou en áreas que carecían destas circunstancias. A teoría tamén
explica por que o estado xurdiu cedo nalgunhas rexións e tarde noutras. Onde a terra labrable
escaseaba e estaba agudamente delimitada, o estado xurdiu máis temperán. Onde a circunscrición
era máis frouxa, xurdiu máis tarde. Por iso foi que o estado se orixinou en Exipto e Mesopotamia
antes que no Africa occidental ou en Europa.
Está claro que a circunscrición non é cousa absoluta. Ten os seus graos. E estes graos
reflíctense no curso da evolución política en varias partes do mundo.
Por exemplo, o primeiro excedo da autonomía local ocorreu no val do Tigris-Eufrates. Con todo, a
unificación política dun val enteiro ocorreu antes no val do Nilo que no val do Tigris-Eufrates. E a
causa disto, paréceme, foi que a circunscrición xeográfica era máis estrita no caso do Nilo. O val do
Tigris-Eufrates consiste nun sistema dobre de ríos amplos, e os varios cursos en que ambos se
dividen entrelázanse por toda o seu extension. O Nilo, polo contrario, consiste dun só río, estreito,
dereito, e estritamente delimitado. Non nos debe sorprender, entón, que o val do Nilo, sendo máis
circunscrito, unificouse primeiro.
A rapidez da unificación política, con todo, non depende soamente do grao de
circunscrición. Tamén depende da tamaño da área por unificar. Mentres máis pequeno o val, ou a
illa, máis rapidamente pode ocorrer, e mentres máis grande, máis tempo tomará en unificar. Pero ao
mesmo tempo, mentres máis grande a área, maior e máis complexo pode ser o señorío ou o estado
producido despois da súa unificación.
[...]
O obxectivo da antropoloxía, concibida como ciencia, é formular explicacións da máis
ampla xeneralidade e a máis alta probabilidade. Neste sentido, paréceme que a teoría da
circunscrición excede ás teorías anteriores da orixe do estado. Explica como xurdiu o estado, e por
que xurdiu nun lugar e non noutro.
Aínda que xa se aplicou a teoría a un bo número de casos, aínda falta aplicala a outros. E
vendo os novos resultados, saberemos se é necesario modificala ou refinala aínda máis. En facer
estas probas, requírese a axuda de mentes amplas e alertas, que veñan a esta tarefa con puntos de
vista frescos e críticos. E por iso convido os meus lectores a compartir no esforzo.

Referencias citadas
Adams, Robert McC., and C.H. Kraeling, eds. (1960): City Invincible. University of Chicago Press,
Chicago.
Carneiro, Robert L. (1970): “A Theory of the Origin of the State”. Science, Vol. 169, pp. 733-738. J
(1981): “The Chiefdom: Precursor of the State”. In The Transition to Statehood in the New World,
ed. by Grant P. Jones and Robert R. Kautz, pp. 37- 69. Cambridge University Press, New York. q
Chang, Kwang-Chih (1972): The Archaeology of Ancient China. 2nd edition. Yale University Press,
New Haven.
BIO.
Childe, V. Gordon (1936): Man Makes Himself. Watts & Co., London.
Coe, Michael D. (1981): “San Lorenzo Tenochtitlan”. Supplement to the Handbook of Middle
American Indians, Vol. 1, Archacology, ed. by Jeremy A. Sabloff, pp.
117-146. University of Texas Press, Austin.
Fried, Morton H. (1967): The Evolution of Political Society. Random House, New York.
Gernet, Jacques (1968): Ancient China, from the Beginnings to the Empire. Faber and Faber,
London.
Johnson, Gregory A. (1973): Local Exchange and Early State Development in Southwestern Iran.
Museum of Anthropology, University of Michigan, Anthropological Papers, NO 51.
Leach, Edmund (1982): Social Anthropology. Oxford University Press, New York.
Lowie, Robert H. (1927): The Origin of the State. Harcourt, Brace and Company, New York.
Morgan, Lewis H. (1877): Ancient Society. Henry Holt and Company, New York.
Roosevelt, Anna C. (1980): Parmana. Academic Press, New York.
Wiener, Norbert (1964): 7 Am a Mathematician. The MIT Press, Cambridge, Mass.
Wittfogel, Karl A. (1957): Oriental Despotism. Yale University Press, New Haven.
American Museum of Natural History
Nueva York 1985

You might also like