You are on page 1of 9

Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

5.2. A concepción da psique humana da psicanálise freudiana: represión e pulsión de morte.

Índice:
1. Biografía de Sigmund Freud.
2. Inicios: a histeria, o descubrimento do inconsciente e o método psicanalítico.
3. A primeira tópica: inconsciente, preconsciente, consciencia.
4. Primeira teoría das pulsións.
5. Alén do principio do pracer: a pulsión de morte.
6. Segunda tópica.
7. O malestar na cultura.

5.2.1. Biografía de Sigmund Freud.


Freud naceu en 1856 nunha pequena cidade de Moravia, daquela parte do Imperio Austro-Húngaro e hoxe parte
da República Checa.
De familia xudea non practicante, nunca empregou o seu apelido xudaico Shlomo e xermanizou para Sigmund o
seu nome orixinal Sigismund, recibido en homenaxe a un rei polaco do século XVI que fora tolerante cos xudeus.
Foi o máis vello de tres irmáns e cinco irmás. Seu pai era un modesto comerciante casado en terceiras nupcias coa
súa nai, Amalia, uns vinte anos máis nova, que só falaba yiddish (Jüdischdeutsch, xudeu-alemán). A familia, de
recursos limitados, vivía modestamente nun apartamento mais os seus pais farían un esforzo importante para pagar
a súa educación desde moi novo. Con catro anos mudáronse para Viena, coa esperanza de lograr progreso
económico e aceptación social do seu carácter de xudeus.
Freud foi na escola sempre o primeiro da súa clase. Ós 17 anos ingresa na Universidade de Viena na facultade de
Medicina, onde permanecerá de 1873 a 1881, malia o intenso antisemitismo que comeza agromar en Austria. En
1882, ansioso por progresar na vida, deixa o laboratorio de neurofisioloxía e entra no Hospital Xeral de Viena
entre 1883 e 1885. Meses antes coñecera a súa futura esposa Martha Bernays (1861-1951), de familia tamén xudía.
No outono de 1885 marcha a París, onde pasará seis meses cruciais para a súa formación co psiquiatra francés
Jean Martin Charcot. En 1886, regresa a Viena e abre o seu consultorio privado especializado en trastornos
nerviosos. Casa con Martha, coa que terá seis fillos: tres nenas e tres nenos.
Comeza a súa práctica clínica para tratar neuroses como a histeria utilizando a hipnose e o método catártico -
reacción pola enunciación do trauma- que o seu mentor o médico vienés Josef Breuer (1842-1925) aplicara con
algunhas pacientes obtendo resultados positivos. Mais pronto abandona estas técnicas por considerar que as
curacións que se conseguen duran moi pouco tempo e pasa a empregar a técnica da asociación libre inventando
así a psicanálise.
En 1899 publica A interpretación dos soños. Após algúns anos de marxinación debido á incomprensión que as
súas teorías e ideas provocaron -en especial as súas teorías sobre a sexualidade infantil, sobre o carácter sexual
encuberto de moitos dos traumas dos seus pacientes e sobre a existencia dunha parte inconsciente na psique
humana-, comeza a formarse un verdadeiro movemento en torno a el que culmina na formación da IPA
(International Psychoanalytical Association) en 1910.
Reside en Viena, atende os seus pacientes, publica moitas obras e viaxa para impartir conferencias por Europa e
os EEUU. En 1923 diagnosticóuselle un cancro de padal, probablemente a consecuencia da súa intensa adicción

1/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

aos puros, cancro do que foi operado até en 33 ocasións. Malia a gravidade da súa enfermidade, continuou
traballando como psicanalista até a fin dos seus días.
Os nazis queiman publicamente as súas obras en Berlín en 1934. Catro anos máis tarde, após a anexión de Austria
por parte da Alemaña nazi, tanto el como a súa familia sofren un intenso acoso. O seu fillo Martin é detido durante
todo un día. Unha semana máis tarde, a súa filla Anna é interrogada no cuartel xeral da Gestapo. Catro das súas
irmás son apresadas polos nazis e rematan morrendo en campos de concentración. Grazas á intervención in
extremis dunha psicanalista francesa e dun psicanalista inglés Freud consegue saír do país cara a París e logo cara
a Londres. No momento de partir exíxeselle que asine unha declaración sostendo que fora tratado con respecto
polo réxime nazi. Freud engadiu ironicamente a frase: "Recomendo calorosamente a Gestapo para todos". En
setembro de 1939 foi sedado con morfina e faleceu para non ter que seguir soportando a dor do seu cancro de
padal.

Lista de obras principais


Estudos sobre histeria (con Josef Breuer) (1895).
A interpretación dos soños (1899).
Para unha psicopatoloxía da vida cotiá (1901).
Tres ensaios sobre a teoría da sexualidade (1905).
Tótem e tabú (1913).
Para unha introdución ao narcisismo (1914).
Alén do principio do pracer (1920).
O eu e o elo (1923).
O porvir dunha ilusión (1927).
O malestar na cultura (1929).
Moisés e o monoteísmo (1939).

5.2.2. Inicios: a histeria, o descubrimento do inconsciente e o método psicanalítico.


Durante a súa estadía de seis meses nun hospital en París atopa numerosas pacientes, case todas mulleres, que sen
ningún tipo de dano fisiolóxico nin ningún tipo de simulación, sofren de vaídos, de axitación e, nos casos máis
severos, de parálises. Até aquel momento a histeria era considerada como unha teatralización froito dun
finximento.
Estas pacientes eran tratadas mediante a hipnose, é dicir, mediante unha conversa máis ou menos autoritaria con
elas baixo un estado de suxestión. Freud advirte pronto que a suxestión hipnótica non consegue ser o
suficientemente permanente como para afastar os síntomas, de forma que estes retornan. A hipnose non vence a
resistencia, senón que a suaviza, de forma que só consigue éxitos temporais. A suxestión non permite comprender
a resistencia mediante a que o enfermo rexeita desprenderse da súa enfermidade, único camiño posíbel para a
curación.
Freud abandonará o hipnotismo en favor da “asociación libre” (dicir absolutamente todo o que se lle pase pola
cabeza á paciente) e a “análise dos soños” (que agachan sempre un desexo inconsciente) para desenvolver a

2/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

psicanálise, é dicir, a “cura pola palabra” [talking cure é unha expresión dunha paciente, Dora]. Freud descubre
que pode aliviar os síntomas dos pacientes neuróticos animándoos a que poñan en palabras sen censura calquera
cousa que pase pola súa mente, porque finalmente sae á luz a orixe do seu problema.
Traumática é aquela vivencia, representación ou sensación que un suxeito lembra como algo doloroso e
insoportábel, como algo que intenta esquecer, afastar e reprimir porque non é capaz de elaboralo psiquicamente
(a palabra alemá para represión significa empurrar cara abaixo). Que cousas lle resulten insoportábeis a un suxeito
dependen da súa formación moral.
A tarefa que quere poñer en marcha o suxeito que repele unha vivencia insoportábel é tratala como se nunca tivera
chegado, mesmo eliminar toda pegada que puidera ter deixado no recordo. Como isto non é tan sinxelo, o síntoma
consegue unha solución intermedia: é unha especie de mensaxe cifrada que cando é descifrada revela o trauma.
Freud non exclúe que poidan xerarse traumas a partir de representacións de escenas non sexuais. Simplemente
afirma que até ao momento non sucedeu así entre os seus pacientes e que pola educación moral do seu tempo son
as escenas sexuais as que deben ser consideradas como insoportábeis e, polo tanto, traumáticas por parte dos
suxeitos. É dicir, se o sexual é o punto de partida de Freud débese a que vive nunha sociedade fortemente represora,
que curiosamente en especial en relación
Unha das críticas que se lle fixeron á psicanálise dende os seus inicios foi que era unha teoría pansexualista, é
dicir, que o explicaba todo mediante o sexo. Freud, polo contrario, afirma que a carencia de sexo é un factor da
neurose, mais non o único. En realidade a orixe dos trastornos está en conflitos morais, nos que pode xogar un
papel o sexo ou non. As persoas enferman pola imposibilidade de cumprir un desexo [Versagung] e crean o
síntoma como satisfacción substitutiva. O síntoma aparece como o resultado do choque de dúas tendencias
opostas: a represión e a pretensión de manifestarse do desexo. Por outra parte, por sexualidade hai que entender
aquí algo máis amplo cá xenitalidade. As zonas xenitais están lonxe de ser as únicas zonas eróxenas. Os fins e
obxectos da pulsión sexual son eminentemente variábeis. E por outra parte, neste concepto amplo de sexualidade
entran tamén as relacións afectivas. Malia o que se pensa habitualmente da psicanálise, Freud chega a dicir que o
problema dos neuróticos non é o sexo, senón a satisfacción dalgún desexo.
O síntoma desaparece cando é liberado o afecto, e isto sucede cando se fai consciente a representación traumática:
cando o paciente describe, conta, narra, expón, caracteriza, dálle forma da maneira máis detallada posíbel á escena
primordial. A curación non provén da suxestión provocada pola expectativa do paciente a curarse -como se
pensaba que sucedía na hipnose e como sucede cos curandeiros-, senón do “declarar mesmo”. Cando a
representación traumática é atopada, o afecto é liberado: abandona o corpo, desata o pensamento.
A relación que se establece entre psicanalista e paciente chámase transferencia, porque o paciente transfire o seu
trauma sobre o psicanalista. Na relación co analista (transferencia) o analizante repite o seu trauma apuntando ao
analista: trátao como o seu pai, nai, irmán ou parella... cos que ten unha relación problemática. O analizado non
só lle conta un recordo traumático ao psicanalista, senón que repite en certa medida o seu trauma tomando o
analista por obxecto.
A psicanálise nace entón como a técnica que se basea na asociación libre: o único que ten que facer o paciente é
dicir todo o que se lle pase pola cabeza sen deixar nada atrás, para que pouco a pouco vaia saíndo á superficie o
trauma psíquico agachado na vida do paciente que se agacha por detrás dos seus síntomas.

3/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

5.2.3. A primeira tópica: inconsciente, preconsciente, consciencia.


a) a conciencia é aquilo que pensamos e percibimos habitualmente.
b) En A interpretación dos soños (1899-1900) e Psicopatoloxía da vida cotiá (1901), Freud recolle toda unha serie
de fenómenos que poderían ser relacionados coa existencia do inconsciente: esquecemento de nomes propios, de
expresións estranxeiras, de nomes e de series de palabras, recordos encubridores doutros realmente importantes,
lapsus orais, erros de lectura e escritura, esquecemento de impresións e propósitos, etc.
Ex.: o esquecemento do nome dunha persoa estaría sempre motivado: trátase de que se querería esquecer algo que
está reprimido relacionado con esa persoa.
Unha representación inconsciente é aquela da que o suxeito non se percata, malia o cal está disposto a admitir a
súa existencia sobre a base doutros indicios e probas. O inconsciente é unha hipótese de Freud de cuxa aceptación
depende a fundamentación da psicanálise. Se non é aceptada, resulta difícil convencer a ninguén da súa existencia,
moito menos mediante ningún tipo de demostración científica. A validez da hipótese do inconsciente depende de
se resulta útil para curar algún suxeito.
c) A distinción entre actividade preconsciente e inconsciente, só se establece despois da entrada en xogo de algo
así como a “defensa” contra unha representación que non resulta tolerábel. Só entón cobra valor tanto teórico
como práctico a distinción entre uns pensamentos preconscientes que aparecen na conciencia, marchan e poden
regresar a ela en calquera momento, e uns pensamentos inconscientes que teñen prohibido este acceso de maneira
máis constante. En realidade, o trauma estaría entre estes últimos.

5.2.4. Primeira teoría das pulsións.


A pulsión (Trieb), que non Instinto, posto que a psicanálise non ten ningunha aspiración bioloxicista, é
un concepto operativo/metafísico de Freud que se refire a algo situado no límite entre o orgánico e o
psíquico. A pulsión é como se manifesta un proceso orgánico no ámbito psíquico.
Freud formula ao longo da súa obra varias teorías acerca da pulsión [Trieb, non instinto]. Unha primeira
teoría pulsional distingue entre:
• Pulsións sexuais
• Pulsións do eu (ou de autoconservación).
Na súa obra Introdución ao narcisismo (1914) a anterior distinción entre pulsións do Eu e pulsións
sexuais pasa a ser substituída por outra.
Freud distingue tres fases no desenvolvemento do individuo:
- autoerotismo infantil. Non se pode falar de que a pulsión teña un obxecto senón que só hai sensacións
autoeróticas pracenteiras. Pulsión oral, anal, escópica.
- narcisismo primario ou orixinario. A pulsión sexual apunta ao propio eu como se fora un obxecto máis.
O narcisismo implica que a libido se dirixe ao propio eu. É dicir, a pulsión sexual do suxeito tómase a si
mesmo como obxecto.
- elección de obxecto: a libido vaise depositar nun obxecto externo.

4/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

A anterior distinción entre pulsións sexuais e pulsións do eu perde sentido, posto que durante o
narcisismo primario hai pulsións sexuais que toman o eu como obxecto.
Freud pasa a distinguir entre:
- libido que apunta ao eu (as pulsións sexuais narcisistas + as pulsións de autoconservación do eu)
- libido que apunta a un obxecto exterior (outras pulsións sexuais).
E aínda logo, entre:
- amor
- desexo
O concepto de pulsión levará máis tarde a Freud a desbotar pouco a pouco a división entre consciente e
inconsciente. A pulsión é consciente e inconsciente ao mesmo tempo. Por unha banda, a súa
representación faise consciente. Por outra, ela mesma non termina de entrar na conciencia en tanto que
tal.

5.2.5. Alén do principio do pracer: a pulsión de morte.


En Formulacións sobre os dous principios do acontecer psíquico (1911) Freud afirma que os dous
principios que regulan o funcionamento da psique humana son:
- o principio de pracer. O pracer é definido como aquilo que se produce cando unha cantidade de enerxía
é liberada. Acumular demasiada enerxía é doroso e a súa liberación resulta pracenteira. O modelo que
ten en mente Freud é o da termodinámica: cantidades de enerxía psíquica (libido) que se desprazan, se
poñen nun obxecto, se retiran, etc.
- o principio de realidade. En realidade é unha variante do principio do pracer e consiste en poder aprazar
un pracer inmediato en aras de obter un pracer posterior maior. Leva o nome de realidade porque aquilo
que permite unha satisfacción constante pasa a ser considerado como realidade polo suxeito. O neno
comeza a considerar que o peito que lle proporciona leite é real porque se mantén máis ou menos
constante nun lugar. Non se trata de ningún recoñecemento teórico/metafísico de algo como real.
En Alén do principio do pracer (1920), logo xa de varios decenios de práctica da psicanálise, Freud descubre
certas experiencias paradoxais que contrarían o principio do pracer:
- a existencia de comportamentos que repiten unha e outra vez experiencias desagradábeis ou mesmo angustiantes,
que non provocan ningún tipo de satisfacción
- a experiencia das neuroses traumáticas de guerra (onde os pacientes volven nos seus pesadelos unha e outra vez
á situación traumática),
- as neuroses de destino, nas que un paciente repite unha e outra vez a conduta desgraciada, como se un destino o
perseguira.
- a experiencia da dificultade para lograr unha cura psicanalítica definitiva en todos os pacientes, é dicir, a
experiencia da resistencia á curación e do retroceso terapéutico (alguén curado que volve sentirse mal).

5/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

- algúns xogos infantís onde se alterna un certo sufrimento e un certo pracer, un provocar a ausencia e logo a
presencia (o seu neto brincaba a lanzar unha bobina de fío lonxe e facela desaparecer, berraba ah!! como
angustiado e logo a recuperaba contento).
Estas experiencias levan a Freud a reformular radicalmente a súa teoría e concluír que hai no suxeito unha
compulsión á repetición de vivencias alén do principio do pracer. Esta compulsión á repetición ten que ver cunha
pulsión de morte anterior a toda pulsión sexual ou pulsión de conservación e que buscaría levar o suxeito a un
estadio anterior á vida. “A meta de toda vida é a morte”. É dicir, non se trata de que a vida teña como final a morte,
senón de que todo o vivo está traballado dende o seu interior por un impulso cara á morte. A vida é unha resistencia
contra a morte.
Freud distingue agora entre:
- pulsións de vida, que aspiran á reunión de elementos para formar unidades cada vez maiores. Traballan contra a
morte e en favor da vida. Son pulsións visíbeis a simple vista.
- pulsións de morte. Caracterizadas pola repetición, pola aspiración ao retorno ao estado inanimado do que xurdiu
o suxeito. Son silenciosas, invisíbeis.
Estas dúas pulsións van sempre unidas, mais nalgúns individuos predomina a pulsión de morte desatada da pulsión
de vida, o que explica a resistencia á curación que ofrecen. Freud está sostendo que en tódolos seres humanos hai
unha certa destrutividade, agresividade, que de non ser controlada ou proxectada cara ao exterior pode acabar
dirixíndose sobre o propio suxeito.
A pulsión de morte demostra que existe no comportamento humano algo estraño, aberrante, paradoxal en relación
coa súa vida biolóxica. Hai un elemento que condiciona a súa vida que se sitúa alén das características que lle
corresponden en tanto que ser vivo, características que loxicamente favorecen a vida: a realidade humana neste
sentido sería distinta da realidade doutros seres vivos, posto que aló menos en parte aspiraría a autodestrución. As
neuroses aparecerían cando a pulsión de morte logra separarse da pulsión de vida e manifestarse na súa pureza:
adición ás drogas, condutas de risco, sufrimento psíquico, agresividade, sentimento de culpa exacerbado, etc.
O ser humano estaría dividido entre:
- por unha parte, a busca do seu benestar
- por outra, un certo imperativo de repetición que o leva repetir condutas altamente insatisfactorias.
O concepto de pulsión de morte foi rexeitado mesmo por algúns dos seus discípulos máis próximos como unha
aberración teórica indemostrábel. En realidade, o que resultaba máis inadmisíbel era a denuncia de Freud de que
non existe ningunha harmonía entre o ben (pracer) e o desexo, de que os seres humanos viven alén do principio
do pracer, de que hai algo monstruoso no seu interior.

5.2.6. Segunda tópica.


No texto O eu e o elo (1923) Freud propón que a oposición consciente – inconsciente debe ser substituída pola
oposición eu – reprimido debido a que se ben todo o reprimido é inconsciente, non todo o inconsciente é reprimido.
Nace aquí entón a súa segunda tópica:

6/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

- eu: para referir o consciente – percepción - principio de realidade. O carácter do eu vén determinado pola historia
dos obxectos investidos pola libido, pola historia das eleccións de obxecto. Fíxase xusto despois da superación do
complexo de Edipo.
- elo: aquilo que se comporta como inconsciente – pulsión – libido. Lugar da loita entre pulsións de vida e pulsións
de morte.
- supereu: dentro do eu está o supereu. A parte do eu encargada das capacidades morais e que exercería un
rexeitamento daquelas pulsións non aceptadas.
O supereu ten unha dobre cara:
- como ideal do eu: o suxeito está identificado a e quere ser como o seu pai ou nai, figuras de referencia para el.
- como interiorización da autoridade: non ten o dereito de facer nin pensar determinadas cousas. O supereu procede
da autoridade, da relixión, da educación moral...
Freud sostén que canto menos agresivo é o suxeito cara fóra (elo), máis agresivo é cara dentro (supereu).
Freud retoma a pulsión de morte é afirma que é idéntica a un certo masoquismo orixinal do eu. Aínda peor,
masoquismo do eu e sadismo do supereu poden conxugarse: o masoquismo do eu produce a renuncia a certas
pulsións; o sadismo do supereu fai que o suxeito se sinta culpábel pola mera presencia nel destas pulsións, aínda
que non lles dea ningún tipo de satisfacción. O mero pensamento dun desexo pode provocar a culpabilidade.

8. O malestar na cultura.
A obra na que Freud estuda a cultura de maneira máis directa é O malestar na cultura (1930). A palabra malestar
vén traducir “Unbehagen”, que literalmente é algo así como o feito da in-comodidade, do non-estar ben, que
resultan algo menos fortes que a tradución latina “malestar”. Freud abre este texto sostendo que a procura do
pracer que dirixe a nosa vida anímica consciente vese contrariada pola disposición do universo e pola nosa propia
constitución física: hai dor infrinxida polo propio corpo, polo mundo externo e tamén polos outros suxeitos, este
último o máis duro de sobrelevar.
Para Freud a civilización, o feito de vivir en sociedade e a cultura que a sostén nace a partir:
- da necesidade de colaboración para loitar mellor contra a natureza e asegurar a supervivencia.
- da necesidade de satisfacción xenital, que levou as parellas a estabilizarse e formar familias.
Segundo o anterior a sexualidade non debería ser inimiga da civilización, senón ao contrario: contribúe a formar
unidades de organización superiores ao individuo, como as familias, que á súa vez rematan constituíndo
comunidades máis amplas como as cidades e os estados.
Mais xustamente neste momento comezan os problemas. A familia entra en conflito coa comunidade, posto que a
familia tende a illarse e non asociarse con outras, acaparando así a enerxía psíquica (libido) que a civilización
necesita desviar cara a outros obxectivos culturais: limpeza, orde, seguridade...
A cultura provoca unha desviación da pulsión sexual que pode ser de varios tipos:
- interiorización da pulsión como trazos de carácter: a limpeza.
- desviación da satisfacción da pulsión: sublimación artística ou científica.
- renuncia directa á pulsión. A cultura reprime a sexualidade: prohibición do incesto, represión da sexualidade
infantil, limitación dos obxectos posibles a elixir (por idade, por exemplo), consideración de que as satisfaccións

7/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

fóra do ámbito xenital son perversións, limitación imposta polo matrimonio… Freud láiase de que a cultura na
súa época só acepte a sexualidade unicamente en cuanto contribúe á reprodución da especie.
Unha certa limitación da sexualidade é comprensíbel. Mais o que non é comprensíbel é a oposición radical da
cultura á sexualidade, que lle impón ao suxeito renuncias innecesarias que provocan o seu sufrimento.
De tódolos xeitos, malia os estereotipos arredor do pansexualismo -explicalo todo a través do sexo- defendido
pola psicanálise, Freud considera que a pulsión máis problemática para a cultura non é a sexual (Eros), senón a
agresividade (Tánatos). Na súa visión o ser humano non é unha criatura afábel que só ataca cando se sente atacada.
O próximo non é un axudante ou un posíbel obxecto de amor, senón alguén en quen poder exercer a agresividade,
atendendo ao feito de que o ser humano pode chegar a facer dano sen obter ningún beneficio, simplemente por
pracer. Segundo Freud, o ser humano é unha “besta salvaxe á que lle é allea toda consideración pola propia
especie”. A súa visión coincide coa do filósofo inglés Thomas Hobbes, quen retomou unha expresión de Plauto
para dicir que “homo homini lupus” (o ser humano é un lobo para o ser humano): a agresividade humana contra
outros individuos é unha ameza para a comunidade e fai que sexa necesario contrarrestar estas forzas agresivas
desviando a enerxía psíquica cara á formación de reunións de individuos, agrupacións e comunidades.
O ser humano primitivo non coñecía restrición ningunha aos seus impulsos e seguramente era máis feliz. O
problema era a inseguridade na que vivía. Freud mófase daqueles que negan que exista no ser humano unha
tendencia á agresión, á destrución e á crueldade e rexeita totalmente o precepto do Novo Testamento “Ama o teu
próximo como a ti mesmo”. Na súa opinión non se pode nin se debe amar a toda a humanidade, senón só a aquela
parte dela que o merece, e dentro desa parte, é necesario comezar polos máis achegados.
A cultura imponlle un sacrificio enorme á agresividade humana, polo que resulta difícil estar completamente
satisfeito na cultura. A cultura troca unha dose de felicidade por seguridade. Onde vai parar na sociedade, na
civilización, na vida en comunidade a pulsión agresiva non satisfeita que é o principal subrogado da pulsión de
morte? Convértese en sentimento de culpa e aniña no inconsciente baixo a forma dunha instancia psíquica: o
supereu.
A agresividade non realizada no exterior é introxectada no supereu. Freud dá conta dun paradoxo na psique
humana. Cando un suxeito renuncia a ser agresivo, en principio semellaría que o seu supereu non tería motivo
algún para maltratar o seu eu. Mais curiosamente canto máis virtuoso, canto máis santo é o individuo, máis
rigoroso resulta o seu supereu. Isto é así porque o mero pensamento dun desexo -aínda que logo sexa reprimido-
é unha boa ocasión no caso dalgúns individuos para ser castigados coa culpa por parte dun supereu demasiado
estrito.
Certamente a convivencia en sociedade necesita desta renuncia, pero esta renuncia provoca necesariamente un
menor ou maior sentimento de culpa: “[…] o prezo do progreso cultural debe pagarse co déficit de felicidade
provocado pola elevación do sentimento de culpa” (El malestar en la cultura, Buenos Aires: Amorrortu, p. 130;
tradución propia). É inevitábel entón un certo malestar [Unbehagen], descontento, insatisfacción ou culpa cando
se vive no seo da civilización. A agresividade non é máis cá manifestación exterior da pulsión de morte. A
civilización é, polo tanto, o espazo da loita entre Eros e Tánatos. De maneira que, finalmente, a pesar de que sexan
necesarias certas renuncias sexuais, a civilización non é tanto inimiga da sexualidade, como da agresividade.

8/9
Antropoloxía Filosófica Facultade de Filosofía USC

A contradición entre os obxectivos do individuo e os obxectivos da comunidade, os fins culturais, pode ser resolta
cando o individuo vai sendo socializado e aculturado: o individuo descubre que lle convén vivir en sociedade. O
problema segundo Freud está en que a contradición entre pulsións de vida e pulsións de morte non pode ser resolta
de forma definitiva de ningún modo. A realidade dos desexos sexuais e a realidade da agresividade só pode ser
recoñecida, mais non domada, domesticada, educada.
O éxito da civilización, segundo Freud, dependerá de que Eros logre gañarlle a Tánatos. Freud sostén que de
momento parece que a cousa non foi posíbel e reflexiona sobre a violencia desatada entre os estados durante a I
Guerra Mundial

9/9

You might also like