You are on page 1of 2

Tema 3.

A organizacion economica
das sociedades (II)

Os sistemas económicos

Todas as sociedades han de organizarse para responder as preguntas de que


producir, como facelo e para quen. Como consecuencia disto, un sistema
económico é o xeito como se producen os bens e os servizos nunha sociedade.

Segundo o momento histórico e a sociedade concreta, a actividade económica


organízase de maneiras diferentes.

O sistema de subsistencia

Neste sistema, as persoas producen aquilo que precisan para cubrir as súas
necesidades básicas. Traballan a terra para obter alimentos, constrúen as súas
casas, confeccionan os seus vestidos etc. Unicamente aquilo que lles sobra do que
producen, véndeno ou intercámbiano no mercado local.

Este sistema económico atopámolo en sociedades con niveis de desenvolvemento


moi escaso.

O sistema capitalista

Defende a libre competencia entre individuos e empresas para desenvolver


calquera actividade económica, feito polo cal tamén é coñecido como sistema de
libre mercado (o mercado é o lugar onde se mercan e se venden os bens ou
servizos; nel coinciden os vendedores, que pretenden obter o maior beneficio, e os
compradores, que buscan satisfacer as súas necesidades co mínimo gasto). No
sistema capitalista, o Estado non intervén na economía e, polo tanto, non establece
normas que condicionen o seu funcionamento: os prezos, os salarios, as condicións
de traballo, a produción...

Baséase na lei da oferta e da demanda, pola cal se establecen os prezos: canta


maior sexa a demanda dun produto, maior o prezo; canto maior sexa a cantidade
dun produto que se oferta, menor será o prezo. Os medios de produción (terras,
maquinaria, tecnoloxía, empresas...) son de propiedade privada. As persoas poden
satisfacer as súas necesidades na medida en que poidan adquirir os bens e
servizos ao prezo ao que se vendan.

1
A organización da economía capitalista chegou coa Revolución Industrial a finais do
século XVIII, e aínda que nunca acabou de implantarse en estado puro, é a que
predomina no mundo actual.

O sistema de economía planificada

Este sistema, denominado socialismo, baséase na idea de que as actividades


económicas teñen o obxectivo de satisfacer as necesidades das persoas e pretende
acadar unha sociedade igualitaria, sen clases sociais diferenciadas. Non recoñece
a propiedade privada dos medios de produción. O Estado é o que controla todos os
aspectos da economía e, por conseguinte, é o propietario das empresas, decide o
que se ha de producir, en que cantidade, fixa os prezos e decide como se han de
repartir os beneficios.

A súa posta en práctica presentou problemas relacionados coa dificultade por parte
do Estado de planificar a produción económica de acordo coas necesidades reais
da poboación. Foi un sistema moi espallado hai décadas, pero na actualidade
mantense en poucos Estados, como Corea do Norte ou Cuba.

As economías alternativas

Estas economías teñen en común o rexeitamento ao sistema capitalista porque


consideran que este modelo non responde ás necesidades reais do conxunto da
poboación e fomenta as desigualdades.

Opóñense a un modelo único para toda a sociedade e fundaméntanse na


solidariedade entre as persoas, o respecto á natureza e o ben común.

Tamén son críticos coa globalización económica, é dicir, a integración da economía


mundial nun único sistema económico, dominado polo capitalismo. Este fenómeno
implica unha progresiva diminución da capacidade de decisión dos Estados e dos
cidadáns e cidadás sobre a súa economía.

A economía mixta

A economía mixta é un modelo de organización que inclúe elementos do


capitalismo e da economía planificada.

Neste sistema, a maior parte das empresas son privadas e son os mercados os que
fixan os prezos, a produción, etc. Porén, o Estado intervén, en maior ou menor
medida, para regular o funcionamento da economía, por exemplo recoñecendo
dereitos laborais a través da lexislación: salario mínimo, xornada máxima, etc.
Tamén conta con servizos e empresas de propiedade pública, especialmente
relacionadas coa sanidade, o ensino ou os transportes.

You might also like